0 Gardados para despois

O PP ve "absurdo" que a oposición esixa explicacións a Feijóo pola "auditoría" das caixas que non era tal

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Unha petición "sorprendente" para "facer arqueoloxía de asuntos xa tratados" no canto de abordar "cuestións máis interesantes". Ou, simplemente, unha petición "absurda". É o cualificativo que para o PP galego merece, en verbas do seu voceiro parlamentario, Pedro Puy, a esixencia de comparecencia formulada por toda a oposición despois de que a pasada semana Francesc Gibert, executivo da consultora KPMG, reiterase que a súa empresa nunca fixo unha "auditoría" nin "recomendou" a fusión de Caixa Galicia e Caixanova. Ou, o que é o mesmo, despois de que o representante da consultora repetise no Congreso dos Deputados que o informe encargado pola Xunta en 2009 e entregado en 2010 non tiña o contido que o Goberno galego lle atribuíu ante a prensa e a cidadanía: que se trataba dunha "auditoría" que "avalaba" a fusión de ambas entidades.

Tras as peticións de explicacións formuladas en diferentes foros dende En Marea, PSdeG e BNG, este luns Puy dixo estar "sorprendido" por que as verbas de Gibert "susciten un interese desmesurado na oposición" cando "reproduce o que se dixo hai cinco anos na comisión de investigación sobre as caixas galegas no Parlamento galego". Para sustentar esta afirmación os populares divulgaron á prensa un dossier con fragmentos da comparecencia do propio Gibert no Parlamento galego en 2013, así como das palabras de Feijóo ante ese mesmo órgano. Agregan, igualmente, a reprodución de parte das respostas por escrito da que fora conselleira de Facenda no momento da fusión, Marta Fernández Currás, e da súa recente comparecencia no Congreso.

O PP divulga a transcrición das comparecencia de Feijóo en 2013 na que seguía a indicar que KPMG fixera unha "auditoría" mentres o representante da consultora xa advertía daquela que "en ningún caso" o era

Nas transcricións divulgadas polo PP, procedentes das actas de ambas Cámaras, obsérvase como Gibert, efectivamente, xa deixara claro ante o lexislativo galego que o traballo mercado pola Xunta a KPMG "en ningún caso se trataba dunha auditoría", entre outras cousas porque "a información utilizada foi proporcionada polas entidades ou outras fontes" e a consultora non a "validou" de xeito directo. Esta explicación cadra coa do informe, como informou Praza.gal en 2013, pero non coa versión que mantivo a Xunta cando asegurou que manexaba unha "auditoría de KPMG" que "avalaba" a operación. A propia documentación divulgada polo PP amosa como aínda en 2013 Feijóo seguía a afirmar que KPMG elaborara unha "auditoría".

Fragmentos das transcricións divulgadas polo PPdeG. Destaques amarelos inseridos polos populares. Nos recadros, as mencións á "auditoría"

Como veu informando este diario, a ex-conselleira Currás si se matizou a si mesma en 2013, cando tres anos despois de presentar a suposta "auditoría" pasou a referirse ao documento como "informe" ou "análise". Xa en 2018, como fica reflectido tamén nas transcricións difundidas este 14 de maio polo PP, a antiga titular de Facenda optou por falar de "auditoría de primeiro nivel" dentro dunha "primeira fase de análise". Eses matices non chegaron pola banda de Feijóo ata a pasada semana, cando deu en admitir tras a comparecencia de Gibert no Congreso que a auditoría non era tal.

Novas peticións da oposición e "valoración" de "accións legais"

Luís Villares: "Un dirixente político que mente non merece ser presidente"

A negativa do PP á comparecencia acompañada das transcricións que acreditan que Feijóo e Currás si falaban de "auditoría" mentres KPMG negaba que o fose chegan despois de que toda a oposición se reafirmase na reclamación de explicacións. Para o voceiro de En Marea, Luís Villares, fica acreditado novamente que o Goberno galego recorreu á "mentira continuada" para xustificar a fusión das caixas, o que ao seu xuízo deriva nunha "responsabilidade política" clara. "Un dirixente político que mente á poboación non merece ser presidente, a xente non merece gobernantes mentireiros", afirmou Villares a preguntas dos xornalistas.

Ana Pontón: "Estamos estudando accións legais; se non existe a auditoría e non recomendaba a fusión estaríamos ante un caso de falsidade ou prevaricación"

Pola banda do BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, reitera tamén a petición de explicacións por un "caso de gravidade extrema" que, afirma, levou o Bloque a "estudar posibles accións legais contra o presidente da Xunta". Feijóo, di Pontón, "ten que vir dar a cara para explicar por que dixo que existía unha auditoría que nin é auditoría nin avalaba a fusión das caixas". "Estamos estudando accións legais porque se non existe auditoría e se esta non recomendaba a fusión, estaríamos ante un caso de falsidade documental ou de prevaricación". O presidente, mantén, "non pode agocharse máis".

No PSdeG o seu portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, evita referirse abertamente a que o presidente mentise, pero si reitera que, como o resto da oposición, o Grupo Socialista reclama tamén a comparecencia. Feijóo debe "aclarar as discrepancias entre as súas declaracións no momento da fusión e o que hoxe din os autores do informe de KPMG". Cómpre, agrega, "transparencia para coñecer a verdade do proceso e do tipo de traballo encargado á consultora".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.