0 Gardados para despois

O PP ameazou con denunciar a filtración da suposta auditoría das caixas, pero nunca o fixo

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Ese informe está no Parlamento dende hai varios anos" e "foi entregado aos medios, incumprindo as normas existentes nesta Cámara, e mesmo no Congreso se recoñeceu que así o fixeron para que se coñecese". O voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, evocaba esta semana un dos múltiples conflitos ligados á comisión de investigación sobre a fusión das caixas galegas que comezou o seus traballos hai media década e que, tras reabrirse na actual lexislatura, segue sen concluír os seus traballos. En xuño de 2013 o antigo grupo parlamentario de AGE decidira obviar o segredo imposto sobre gran parte dos documentos que manexaba a comisión, entre eles a suposta "auditoría" que, segundo asegurara a Xunta, "avalaba" a fusión paritaria de Caixa Galicia con Caixanova. Despois de que esta formación promovera que transcendesen este e outros informes o PP ameazouna con levala aos tribunais. Pero esa denuncia nunca chegou.

Cinco anos despois daqueles feitos un dos autores do controvertido informe de KPMG, o executivo Francesc Gibert, reiteraba a semana pasda que o seu traballo "en ningún caso era unha auditoría" e "non recomendaba" a fusión, como dixo o Goberno galego. Os populares lembran ante a prensa que o informe remitido á Consellería de Facenda como "privado e confidencial" -cuxas copias acabarían circulando polo Parlamento como papel para reciclar- foi divulgado, pero obvian que tanto dende a Xunta como dende a Mesa da Cámara, amagaron con accións legais que quedaron en mera advertencia.

A Mesa do Parlamento, daquela dirixida por Pilar Rojo, ameazou o antigo grupo de AGE con levalo aos tribunais por divulgar o que segundo a Xunta era unha "auditoría" de KPMG que "avalaba" a fusión de Caixanova e Caixa Galicia

Así, apenas vinte e catro horas despois de que xornais como Faro de Vigo ou Praza.gal tivesen acceso ao "diagnostico acelerado" sobre a fusión elaborado por KPMG e constatasen que o informe nin era unha auditoría nin avalaba a fusión, dende a Presidencia do Parlamento, daquela encabezada por Pilar Rojo, chegou unha advertencia pública. A través dun comunicado oficial a xefatura do lexislativo sinalaba que "á vista dalgunhas actuacións levadas a cabo por deputados en relación coa documentación reservada", o Parlamento "deixaba constancia" de que "o deber xurídico de confidencialidade previsto no Código Penal afecta a todo aquel que manexase esa documentación antes, durante e despois do seu paso polo Parlamento.

Nese sentido, agregaba, a Mesa dispúñase a "valorar" a posibilidade de "remitir" aos tribunais as accións de AGE. Facíao pouco despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertise tamén ao grupo na altura encabezado por Xosé Manuel Beiras de que se estaba a "meter nun grave problema" e instaba os servizos xurídicos parlamentarios e á propia Mesa, controlada polo PP, a "dilucidar en que responsabilidades podían incorrer" ante os tribunais correspondentes. A formación da oposición, segundo o presidente, estaba a "revelar información contable" protexida polo "segredo bancario".

Nunhas e noutras advertencias nunca concretadas Xunta e Parlamento obviaban unha das cláusulas incluídas no propio informe de KPMG sobre as caixas, que a Xunta presentou como "auditoría" sen ser tal. Como informou Praza.gal o propio xuño de 2013, xunto ao "diagnóstico acelerado" a consultora indicaba á Xunta que "o noso informe é para información exclusiva de vostedes" e "non debe ser citado ou transferido, nin total nin parcialmente, sen o noso previo consentimento escrito". "Estes termos -subliñaba o informe- foron acordados con vostedes", polo que "non aceptaremos responsabilidade ningunha a respecto de calquera outro terceiro que puidese ter acceso ao informe".

Cal foi o encargo exacto a KPMG?

En Marea volve solicitar formalmente que a Xunta lle entregue a "carta de encargo" na que o Goberno galego especificou as tarefas que KPMG debía realizar, polas que pagou arredor dun millón de euros

Cinco anos despois daqueles feitos o PP vén de bloquear a petición de comparecencia do presidente formulada por toda a oposición, que instaba a Feijóo a render contas despois de que KPMG insistise en que nunca elaborou unha "auditoría" nin "recomendou" a fusión. Así e todo, senllas preguntas parlamentarias de En Marea e BNG forzarán o titular da Xunta a, cando menos, ter que abordar o tema no vindeiro pleno. Neste sentido, En Marea advertía hoxe de que vén de tentar conseguir por outra vía regulamentaria un dos documentos clave do proceso aínda non revelado, a "carta de encargo" na que a Consellería de Facenda debeu detallar que tarefas encomendaba a KPMG, polas que pagou case un millón de euros.

Esa carta, resaltou este mércores en rolda de prensa o vicevoceiro de En Marea, Antón Sánhez, "viña no índice da documentación entregada no Parlamento" para os traballos da comisión, pero "non estaba na documentación" e "levan seis anos negándose a entregala". Agora, indica, a formación vén de pedir esa carta pola vía do artigo 9 -que permite aos membros da Cámara solicitar documentos que estean en poder da Xunta-. "O PP -lamenta Sánchez- di que queremos facer arqueoloxía por pedir explicación sobre a fusión, pero a realidade é que o presidente que mentiu naquel momento non é un fósil, senón que seue a ser presidente e segue a ocultar información". Pero "esta grande estafa -agrega- non pode quedar impune".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.