O PP di agora querer consensuar a redución de deputados coa oposición

Puy, voceiro popular, en rolda de prensa © PPdeG

O PP teima na súa tesoirada ao Parlamento e insinúa agora que intentará consensuar a redución de deputados coa oposición, incluso abrindo a porta a “tocar outras cuestións do sistema electoral” logo de que Feijóo se amosase partidario de sacar adiante e en solitario a proposta. O voceiro parlamentario dos populares, Pedro Puy, argumentou a súa busca de acordo no feito de que o seu partido remitirá a proposta a PSdeG e BNG antes de rexistrala para “ver cal é a resposta fundamentada da oposición”.

Mentres Puy tendía a man á oposición, Feijóo insistía en pedir á oposición "que tome en serio" o recorte de deputados

"O fundamental do debate está en se estamos de acordo co principio de se, neste momento, é conveniente manter o número de deputados no rango máis baixo que contempla o Estatuto; se estamos de acordo con ese principio, pois pódense reducir o número de deputados ou podemos tocar outras cuestións do sistema electoral", asegurou Puy, que tendeu a man a PSdeG e BNG, mentres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pedía á oposición “que se tome un pouco serio” a redución de deputados.

Case no mesmo momento, o voceiro do PP abría a porta ao consenso, pero Feijóo teimaba en seguir ao seu e xustificaba a súa proposta de redución de deputados, de 75 a 61, no “obxectivo de cumprir estritamente o que di o Estatuto de Autonomía”. “Estas cuestións poderían ser meditadas noutras comunidades autónomas; non hai un Executivo mais pequeño na historia da comunidade autónoma que o actual”, presumiu,  lonxe de responder a quen o acusa de reducir a pluralidade a través dun “pucheirazo” que beneficia electoralmente o PP. 

Así, Puy lanzou esta oferta ao diálogo un día despois de que o seu xefe de filas no PPdeG e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestase a disposición dos populares a sacar adiante en solitario e valéndose da súa maioría absoluta unha reforma encamiñada a reducir de 75 a 61 os deputados autonómicos e manter a asignación fixa de 10 escanos por provincia que establece a actual Lei electoral, á que rexeitou facer unha emenda á totalidade.

Ademais, os presidentes autonómicos do PP asumen "na súa inmensa maioría" a proposta de Feijóo de reducir o número de deputados dos seus respectivos parlamentos, logo de que o presidente da Xunta levase a súa idea na reunión de Mariano Rajoy cos seus baróns territoriais.

En canto ás circunscricións, Pedro Puy manifestou que a vontade do PP é escoitar a formulación de socialistas e nacionalistas sen pechar as portas ao diálogo. Ademais, o voceiro defendeu que esta apertura ao diálogo coincide coas instrucións de Feijóo, malia que o presidente da Xunta xa adiantara que non era o consenso o que máis lle preocupaba.

Puy asegura que o propio Feijóo lle pediu que buscara o consenso con PSdeG e BNG

“Falei co presidente e indicoumo claramente", sinalou, para engadir que, aínda que a pretensión inicial do seu xefe de filas é apostar polo consenso se finalmente non é posible "evidentemente só quedaría recorrer á maioría do PPdeG. "Pero o que non podo é anticipar cal vai ser a resposta da oposición", reflexionou.

Aínda así, o portavoz popular non interpretou como un bo punto de partida as declaracións realizadas por BNG e PSdeG que ven "un atentado á democracia" e "un golpe de estado constitucional" a proposta colocada sobre a mesa por Núñez Feijóo, polo que instou aos seus dirixentes a comportarse con "responsabilidade".

"Dicir que a reforma electoral é un golpe de Estado é unha cortina da oposición para defender o seu"

"Creo que a oposición debería ter un pouco de coidado. Dicir que unha reforma electoral prevista no Estatuto é un golpe de estado cualifica a quen o di", esgrimiu, para insistir en que a oposición debe aclarar se está de acordo ou non en "compasar" a situación na Cámara ás reducións que se están acometendo noutros ámbitos como as administracións públicas.

De feito, detectou "un problema de congruencia" e preguntouse como podería el "como deputado" defender que se reduza o soldo a un director xeral da Xunta ou que se baixe o número de consellerías e dicir que a Cámara autonómica "segue igual". "Non imos máis aló do que expón o Estatuto", insistiu.

Así mesmo, sobre as críticas da oposición de que a proposta busca reforzar a maioría do PP de cara á próxima cita polas urnas, negou este extremo e ha replicado que el tamén podería alegar que "cando falan dun golpe de estado" fano como "cortina" para ocultar que "no fondo o único que queren é defender o seu".

Por último, lembrou que cando se modificou no ámbito estatal a lei incrementando o peso do voto emigrante, o PP "non cuestionou" este paso posto que estaba baseado "nuns principios", a pesar de que os efectos desta reforma víronse nas autonómicas de 2009 cando o reconto do sufraxio exterior reduciu de 39 a 38 os escanos obtidos finalmente por Feijóo, que perdeu unha acta por Ourense.

Para Puy, non se trata dunha "cuestión económica", senón de "un problema simbólico de atención a unha situación de extremada necesidade económica pública". E é que, concluíu, como consecuencia da mesma estanse dando axustes noutros sectores aos que se ten que compasar" o Parlamento.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.