A Xunta admite que tarda un ano en avaliar as discapacidades malia que a lei obriga a facelo en 3 meses

Rey Varela, conselleiro de Política Social, na rolda de prensa deste venres ante Feijóo Dominio Público Xunta de Galicia

“O tempo medio de espera nestes momentos que a lei di que son tres meses está en termo medio por baixo dun ano” na maioría de Galicia mentres que “Vigo e Pontevedra están superando ese ano”. Así admitía este xoves o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, o amplo incumprimento por parte a Xunta da lei que obriga á Administración a avaliar os graos de discapacidade nun máximo de tres meses. “O noso obxectivo é acercarnos ao que marca a lexislación que son eses tres meses”, dixo o conselleiro.

O Goberno galego anuncia a contratación de 51 profesionais durante seis meses para axilizar o proceso e o conselleiro de Política Social pon como exemplo de redución de trámites que o impreso pasará de ser un tríptico a un só folio

Rey Varela admitía o incumprimento da Xunta na súa comparecencia ante a prensa tras a reunión do Goberno galego deste venres que publicitou un informe, documento sen validez xurídica e que non require a súa aprobación oficial, que detalla unha “batería de medidas” para reducir eses prazos. A principal segundo salientaron tanto o conselleiro como o propio Feijóo, é o aumento dos equipos técnicos de valoración coa contratación de 51 novos profesionais (médicos, psicólogos, traballadores sociais e auxiliares) pero só durante un período de seis meses cun custo dun millón de euros. Segundo a propia Xunta, eses 51 profesionais a maiores de xeito temporal supoñen un incremento do 74% sobre os existentes.

O Goberno galego tamén enumerou outra serie de medidas para axilizar a tramitación dos expedientes e tentar reducir as demoras acumuladas. Entre as medidas salientadas polo propio conselleiro, que brandiu os dous modelos, está a da modificación do formulario de solicitude, que pasa de ser un tríptico a só un folio. “Reducimos a un terzo”, salientou Rey Varela.

Feijóo trala súa rolda de prensa deste venres Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.