0 Gardados para despois

O Colectivo Republicano de Redondela inaugura no local do BNG a exposición que o Concello retirou por queixas policiais

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


No outono de 2017 o Colectivo Republicano de Redondela inaugurou no Multiusos da Xunqueira unha exposición titulada Criminalización do pensamento con fotografías de diversas actuacións de unidades antidisturbios na historia da vila -caso de protestas laborais nos anos 80 do século pasado- e noutros puntos do Estado. Sobre unha das cargas o colectivo agregaba unha reflexión: "Isto pasaba no 1987 en Redondela; estamos no 2017 e seguen a mallar en nós, que está pasando?". Dous días despois da inauguración da mostra no devandito recinto municipal o Concello redondelán retirábaa sen previo aviso. A razón, as queixas dun sindicato policial que agora volve ameazar a plataforma republicana tras volver abrir a exposición na sede local do BNG.

Para o Bloque de Redondela o "responsable directo" de "auspiciar este clima de medo e coaccións" foi o alcalde, Javier Bas (PP), a quen atribúen unha situación na que "o silencio é cómplice". Por iso, explican, a formación soberanista cedeu o seu local para exposición, reinaugurada este martes no seu novo emprazamento. O Colectivo Republicano padeceu "un atentado á liberdade de expresión", resaltou durante o acto o seu secretario, Marcos Lareira, toda vez que a instalación "non foi retirada, foi secuestrada con nocturnidade e aleivosía, ás once e media da noite" e sen aviso previo para atender as directrices de quen "seguen pensando que son os xefes de Redondela e de España".

O colectivo agradece a "valentía" do BNG, representado no acto polo edil Xoán Carlos González e mais polo deputado Luís Bará. A exposición, advertiu Bará, foi "censurada e requisada polo goberno municipal" para atender "ordes nin sequera da policía, senón dun sindicato policial" nunha actuación "propia dos tempos da ditadura" baixo ameaza de botar man da "utilización abusiva do delito de incitación ao odio, que vale para todo". As referencias ás "malleiras" que incomodaron a organización policial non son máis ca "constatar un feito" e por ese motivo, asegura o paralmentario, "non nos van amedrentar; o BNG sempre estará na defensa das liberdades e de Galiza".

O sindicato policial UFP volve ameazar con "accións legais" ao Colectivo Republicano e agora tamén ao BNG se considera que a mostra "incita ao odio"

Aínda que o Concello xa non pode impedir que a mostra do Colectivo Republicano poida ser visitada, sobre esta entidade e sobre o propio Bloque si que pairan outras advertencias de posibles denuncias por parte do mesmo sindicato, a Unión Federal de Policía. "Unha vez máis, coa escusa da liberdade de expresión vólvese cargar contra o colectivo policial", reprochan, porque "algúns cren que a liberdade de expresión é unha carta branca para facer o que queiran". 

"O BNG -acusan- fiel á súa obsesión con todo o que sexa ir contra as forzas e corpos de seguridade do Estado" non deixa "escapar a ocasión de volver apoiar calquera ataque contra o colectivo policial", ataques dos que achegan "sobrados exemplos" como unha "actuación de Soziedad Alkoholika en Pontevedra". "Estaremos moi atentos ao contido da reposición desta exposición e no caso de que incite ao odio ou sexa constitutivo de ilícito penal, comunicarémolo á oficina nacional de loita contra os delitos de odio" e "iniciaremos as accións legais que en dereito correspondan", ameazan.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.