Os apercibimentos á oposición por lembrar o 'caso Baltar' tensan o Parlamento galego

Membros da Mesa do Parlamento, durante un pleno © Parlamento de Galicia

O intento de vetar de maneira xeral a expresión "o PP foi condenado por corrupción" por parte do presidente do Parlamento tensou nos últimos días a dinámica da Cámara galega, condicionada pola expectativa sobre o futuro político de Alberto Núñez Feijóo. Para advertir desa prohibición xenérica o xefe do lexislativo, Miguel Santalices, esgrimía un informe dos letrados parlamentarios que, en realidade, constaba a súa capacidade regulamentaria para decidir en cada caso concreto se unha expresión atenta ou non contra a "cortesía", pero non ao veto xeral. Fíxoo nun contexto no que, non obstante, o malestar nos grupos da oposición pola proliferación de palabras, expresións ou temas susceptibles de prohibición. Entre elas, as mencións ao 'caso Baltar'.

En maio de 2017 a titular do xulgado de instrución número 3 de Ourense arquivou as dilixencias que abrira contra o presidente da Deputación de Ourense e o seu pai e antecesor no cargo. José Manuel Baltar estivera investigado no proceso -antiga imputación- polo ofrecemento dun emprego a cambio de sexo que denunciara unha muller. A xuíza considerara no seu auto de arquivo que o tamén líder do PP de Ourense "solicita, ou cando menos acepta un favor de natureza sexual" para "realizar unha acción ou omisión" co obxectivo de "facilitar a obtención dun traballo" sen "cumprir os requisitos legais; no entanto non vira acreditado dabondo que o acontecido fosen delitos e por iso ditaminou o arquivo.

O voceiro de En Marea, Luís Villares, formulou unha queixa formal despois de que o presidente o apercibise por lembrar o 'caso Baltar': "Xa llo dixen en bastantes ocasións (...), o caso do señor Baltar está arquivado"

Este caso é lembrado de cando en vez dende as filas da oposición durante os debates parlamentarios entre visibles mostras de desaprobación por parte de Santalices, moi próximo politicamente aos Baltar. O episodio máis recente aconteceu na última sesión de control, cando o voceiro de En Marea, Luís Villares, reprochou ao presidente da Xunta entre lembranzas do caso o seu apoio ao barón ourensán durante o proceso. "Xa llo dixen en bastantes ocasións e non sei por que teño que repetilo", o "caso do señor Baltar está arquivado e eu non podo consentir inexactitudes", apercibiu Santalices a Villares. "Quede claro, señor Villares, debe documentarse mellor, arquivado!", exclamou.

Esta intervención motivou que o voceiro de En Marea interpuxese unha protesta formal polo "uso indebido das facultades" do presidente para "fins non previstos no Regulamento". As normas parlamentarias, sinalou Villares no seu escrito de protesta, outorgan ao presidente un papel "neutral", de "ordenación e moderación dos debates", polo que "non pode outorgarse a palabra a si mesmo para intervir á súa vontade" e lanzar "opinións políticas" sobre supostas "inexactitudes". Por este motivo, Villares solicitou que a Mesa do Parlamento "recorde ao deputado Miguel Santalices (...) o contido das súas funcións como presidente e o deber de suxeitarse a elas en todo momento".

Ningún membro da Mesa manifestou apoio explícito aos apercibimentos por mencionar o caso Baltar, segundo a acta da xuntanza

A queixa formal do voceiro de En Marea foi examinada na xuntanza que a Mesa mantivo o pasado día 12. Na acta que recolle o tratado nesa reunión, á que tivo acceso Praza.gal, ningún dos membros do órgano parlamentario manifestou apoio explícito aos apercibimentos por mencionar o caso Baltar. Así, o vicepresidente Diego Calvo (PP), limitouse a salientar a "dificultade" que implica "moderar un debate na Cámara" e "valorar as intervencións para os efectos de concluír se son ofensivas nos termos regulamentarios".

No caso das dúas integrantes da Mesa que representan a oposición, a vicepresidenta Eva Solla (En Marea) e a vicesecretaria Concepción Burgo (PSdeG), a opinión foi "coincidente". Ambas concordan en que o Regulamento non prevé mecanismos para "controlar as intervencións da presidencia da Cámara na moderación dos debates", se ben "ao seu entender, o seu proceder neste caso non foi positivo", indica a acta transcrita. Santalices, daquela, non será "apercibido" ao respecto porque non existen mecanismos regulamentarios para facelo, se ben fica "constancia" formal da queixa de Villares.

Luís Villares (En Marea), nunha sesión de control © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.