Feijóo teima en que é falso que o PP fose condenado por corrupción pero el "non demandará" a quen o diga

Feijóo, na súa rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves Dominio Público Xunta de Galicia

Dicir que o PP foi “condenado por corrupción” no caso Gürtel pode ser en Galicia máis perigoso para un deputado que para os xornalistas ou calquera outra persoa. Se os representantes públicos o din na Cámara autonómica o seu presidente, o popular Miguel Santalices, ademais de retirar as súas verbas do diario de sesións, os apercibe, e se esa sanción se repite tres veces serán expulsados e suspendidos de soldo. Pola contra o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, malia que é dos que teima en considerar “falso” que o PP fose condenado por corrupción, non pensa querelarse contra quen o diga fóra da Cámara.

“Se vostede me pregunta se eu o vou demandar por dicir que o PP foi condenado por corrupción, saiba que eu non o vou demandar; se me pregunta, direille que é falso, pero desde logo eu non o vou demandar”

“Se vostede me pregunta se eu o vou demandar por dicir que o PP foi condenado por corrupción, saiba que eu non o vou demandar; se me pregunta, direille que é falso, pero desde logo eu non o vou demandar”. Así respondeu Feijóo este xoves preguntado, na rolda de prensa tras a reunión semanal do seu Goberno, se, á vista de que dicilo no Parlamento está a supoñer sancións incluso para os deputados, que deberan ter inviolabilidade, el mesmo se plantexa querelarse contra os xornalistas ou calquera outra persoa que o siga dicindo. “Vostedes poden dicir o que consideren oportuno”, respondeu Feijóo, para reflexionar a continuación que “teñen vostedes algúns riscos de dicir cousas e de que poidan ser demandados, xa o saben vostedes e teñen experiencias ao respecto, que hai xente que demanda a xornalistas por inxurias ou por calumnias e ás veces o xuíz lle dá a razón ao xornalista e outras veces lle dá a razón ao demandante”. Pero a continuación engadiu que el non o fará.

Feijóo afástase da decisión do presidente do Parlamento de sancionar os deputados que ligan o seu partido coa corrupción

O presidente da Xunta aproveitou a pregunta para desligarse da decisión do presidente do Parlamento de sancionar aos deputados que o digan amparándose nun informe encargado polo propio Santalices aos letrados da Cámara do que só divulgou unha “nota aclaratoria” que realmente non avala o seu veto xeral a esa expresión. Segundo Feijóo, el mesmo soubo da existencia dese informe ao tempo que o resto dos deputados, cando foi invocado por Santalices no último Pleno sen amosalo para chamar á orde á voceira do BNG, Ana Pontón.

Feijóo dixo que recorrer a ese suposto informe dos letrados é unha “decisión do Parlamento, non é unha decisión do Goberno” e apelou á “absoluta independencia da Mesa [do Parlamento], do presidente do Parlamento e dos deputados”. Feijóo engadiu que, como “calquera licenciado en dereito”, comparte “o contido” do informe dos letrados da Cámara, que non foi feito público. Pero a continuación engadiu que se se lle pregunta “se comparto a oportunidade”, a súa resposta é que “como presidente teño que dicir que as decisións do Parlamento son autónomas”.

Feijóo di que o que máis lle pesa á hora de tomar unha decisión sobre o seu futuro no PP é o feito de ser actualmente presidente da Xunta

Sobre o seu futuro como posible candidato á presidencia do PP estatal tras a dimisión de Mariano Rajoy derivada da condena do caso Gürtel, Feijóo insistiu en apurar os prazos á espera de que a semana próxima se abra o período de presentación de candidaturas. E sobre a situación de indefinición en que está o Goberno galego á espera desa decisión, Feijóo dixo que “se a pregunta é se me pesa ser presidente da Xunta para adoptar unha decisión sobre o papel no PP no futuro, é o que máis me pesa nesa decisión, por riba de calquera outra ambición política”. Admite así o presidente que a súa decisión pode ter un efecto desestabilizador na Xunta.

Este xoves ao presidente tamén se lle preguntou se, como vén facendo desde que ocupa cargos públicos en Galicia, se sometería de xeito habitual a roldas de prensa en calquera outro posto que desempeñase. “Sempre que hai roldas de prensa intento contestar ás preguntas”, dixo, para concluír: “Non creo que non contestara a preguntas, é a miña forma de entender a vida política”.

Reunión do Consello da Xunta este xoves Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.