O presidente de Ciudadanos (Cs), Albert Rivera, lanzou este sábado unha proposta para unha nova lei electoral na que os partidos deberían obter un 3% do total estatal de votos para entrar no Congreso dos Deputados. Con esta medida, a presenza de partidos soberanistas ou de implantación unicamente autonómica terían practicamente imposible a súa entrada na Cámara. "Iso significa que os votos españois vallan igual", dixo o líder da formación laranxa, e "que os españois non estean en mans do 0,5% ou do 0,7% de partidos nacionalistas que cambian gobernos, deciden orzamentos ou teñen privilexios".
Rivera propón unha nova lei electoral na que os partidos deberían obter un 3% do total estatal de votos para entrar no Congreso
Así o indicou durante a súa participación no segundo acto da plataforma España Ciudadana, celebrado este sábado na cidade de Málaga, no que participaron tamén o Premio Nobel de Literatura Mario Vargas Llosa, a escritora e investigadora andaluza María Elvira Roca, a maxistrada María José Torres, o empresario Kike Sarasola e o adestrador de baloncesto e ex-seleccionador español Javier Imbroda.
"Necesitamos unha lei electoral que fixe un limiar de 3% do voto nacional para que un partido teña representación no Congreso; débese protexer o interese xeral", asegurou Rivera. A súa proposta entra dentro da reforma que impulsa Ciudadanos e que tamén inclúe "unha lei electoral con listas abertas e unha lei electoral onde os votos vallan igual". "A sanidade española non pode estar en mans dos que queren liquidar España", argumentou, poñendo de exemplo a ERC ou Bildu.
"A sanidade española non pode estar en mans dos que queren liquidar España", di o líder de Ciudadanos
Actualmente a lei establece ese limiar de votos para acceder ao Congreso pero para cada circunscrición. Na proposta de reforma electoral que presentou o pasado febreiro Podemos suxeríase precisamente revisala para rebaixala, porque "é unha vergoña que o Pacma teña os mesmos votos que o PNV e ningún deputado".
De entrar en vigor nalgún momento, e tendo en conta as últimas eleccións xerais, a reforma proposta por Ciudadanos, nin En Comú Podem, nin En Marea, nin Compromís, nin ERC, nin PNV, nin Convergència, nin Bildu, nin Coalición Canaria obterían representación no Congreso. Formacións como o BNG, que non acadou escano, terían practicamente imposible obter representación.
Nin En Comú, nin En Marea, nin Compromís, nin ERC, nin PNV, nin Convergència, nin Bildu, nin CC obtería representación coa reforma de Ciudadanos
A proposta da formación laranxa chega xusto cando a UE ultima unha reforma electoral que ameaza tamén a presenza de forzas non estatais na Eurocámara. Nese caso, o Consello da UE, integrado polos gobernos dos países membros, propón elevar o limiar de voto preciso nas eleccións europeas para obter representación do 2% ao 5% en cada circunscrición.
Rivera asegurou ante unhas 4.000 persoas, segundo a organización, que se se quere abrir o debate de reformar a Constitución Española, que sexa "para mellorar e fortalecer España, non para debilitala e liquidala"; máis concretamente, dixo que non debe facerse para "contentar a Puigdemont, a Torra e aos separatistas".
Rivera declárase patriota e non nacionalista
Por outra banda, o presidente da formación laranxa desmarcouse das acusacións que din que Ciudadanos é unha formación nacionalista española, e abrazou o "patriotismo, que é crer que todos somos iguais ante a lei". "Nacionalismo é o que di o señor Torra, actual presidente da Generalitat. O señor Torra di que os españois somos bestas con taras xenéticas. Iso é nacionalismo. E eu dígolle ao señor Torra, patriotismo é crer que todos os españois somos iguais ante a lei", subliñou.