Enrique Santiago: "As mareas foron un acerto, déronlle unha volta á política galega e son un referente"

Enrique Santiago, na festa do PCG en Ourense © PCG

O prestixioso avogado Enrique Santiago (Madrid, 1964) é desde o pasado mes de abril o novo secretario xeral do Partido Comunista de España (PCE). Ex-secretario xeral da Unión de Juventudes Comunistas de España a principios dos 90, en 2004 perdeu fronte a Gaspar Llamazares a disputa polas primarias para coordinador federal de IU, nas que foi apoiado polo PCE. Como letrado, foi secretario xeral da Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR), formou parte da acusación popular contra o ditador chileno Augusto Pinochet, participou en querelas como a do caso José Couso ou a presentada contra Luis Bárcenas e xogou un papel importante nas negociacións de paz entre as FARC e o Goberno de Colombia como asesor xurídico. O sábado da pasada semana estivo presente na festa que o Partido Comunista de Galicia (PCG) celebrou en Ourense. 

O seu partido leva tempo desenvolvendo unha campaña baixo o lema Vuelve el PCE. Marchara o PCE?

Non significa que o PCE marchara, senón que despois do XX Congreso volve estar activo, en primeira persoa, sen necesidade de intermediación a través de IU. Iso non cuestiona en absoluto a nosa aposta polo desenvolvemento de IU como movemento político e social, pero si que concluímos que ás veces confundiuse este desenvolvemento de IU cunha renuncia á intervención directa como PCE. O que significa ese lema é que o PCE vai seguir impulsando IU, pero que ademais non renuncia a intervir como PCE directamente ante a sociedade cando se considere necesario ou o axeitado.

"Non cuestionamos en absoluto o desenvolvemento de IU, pero o PCE non renuncia a intervir directamente ante a sociedade"

Quere dicir que quere ter máis protagonismo?

Máis que protagonismo, que xa o tiñamos, a idea é a dunha maior visibilidade do PCE nun momento no que nos parece que, malia o debate, é bastante evidente que a loita de clases existe e que a vai gañando o capital. Faise bastante necesario que os comunistas esteamos activos na sociedade, tanto desenvolvendo alianzas como a través dunha interlocución directa. 

Esa falta de visibilidade foi acentuada polas alianzas a grande escala que IU levou a cabo con Podemos ou as mareas en Galicia?

Ese debate non existiu no Congreso. A discusión sobre a maior ou menor visibilidade do PCE referiuse ás formas de traballar do PCE en IU, pero en absoluto se cuestionan as relacións ou alianzas cos movementos do cambio... Ese é un debate máis propio de IU, pero non do PCE, onde non o hai. 

"As mareas foron un acerto, déronlle unha volta á política galega e convertéronse nun referente para un sector importante da sociedade galega"

Que valoración fai o PCE do movemento político das mareas en Galicia?

O PCE cre que esas políticas de alianzas, de converxencias de amplos movementos sociopolíticos foron un absoluto acerto, tanto que lle deron unha volta ao panorama político galego en moi poucos anos. As mareas convertéronse nun referente para un sector importante da sociedade galega cando, ademais, había unha percepción de que, socioloxicamente, esta sociedade galega era moi conservadora. Vese que non é así. Había sectores que precisaban dun referente amplo onde identificarse e cun compromiso claro pola esquerda. Cando as organizacións fomos quen de darlle ese referente, o pobo galego respondeu. Logo, dentro dos debates propios da política cambiante e dinámica, temos posicionamentos concretos sobre como facer mellor as cousas, pero en xeral o xurdimento das mareas parécenos moi interesante e sempre o apoiamos. 

"Que o nacionalismo en Galicia sexa maioritariamente de esquerda foi unha limitación para o PCE, pero xa tivemos períodos peores"

O feito de que o nacionalismo galego fose e sexa maioritariamente de esquerda sempre dificultou a implantación do PCE en Galicia...

Si, é certo. Esa característica do nacionalismo e do galeguismo, que foi e é maioritariamente progresista ou de esquerda, foi unha limitación durante moito tempo para o PCE en Galicia. Con todo, nos últimos tempos estamos moi contentos porque o PCE está a xogar un papel máis importante na articulación destas novas realidades políticas. Temos máis representación institucional, maior presenza, unha militancia activa... O PCE tivo períodos peores en Galicia e estamos entrando nun de desenvolvemento. 

Enrique Santiago, secretario xeral do PCE, intervén durante a festa do PCG celebrada en Ourense / © PCG

O novo goberno do PSOE prodúcelle ilusión ou imponse a cautela?

O pobo español en xeral, e a xente de esquerda en particular, ten que estar tremendamente contenta de ter desaloxado o PP do Goberno. De feito, nós cremos que contribuímos moito, ao impulsar innumerables procedementos contra a corrupción do Partido Popular, como por exemplo o dos papeis de Bárcenas, que nos custou duros ataques do PP por acusalos de ser unha organización criminal, algo que agora recolle a sentenza da Gürtel. Que deixase o poder foi unha grandísima noticia, non só porque está podre pola corrupción senón porque desatendeu as desigualdades sociais. Dito todo isto, cremos que o PSOE lle regalou dous anos de goberno ao PP. 

"O PSOE regaloulle dous anos de goberno ao PP; a maioría parlamentaria que botou a Rajoy xa existía"

Era posible o cambio antes?

A maioría parlamentaria que posibilitou a saída do goberno de Rajoy xa existía hai dous anos, cando Unidos Podemos lle ofreceu aos socialistas unha alianza e estes negárona. Durante estes dous anos houbo unha maior precarización de emprego, moita xente empeorou as súas condicións de vida, reducíronse as pensións e as prestacións por desemprego.... En todo isto hai unha responsabilidade directa do PSOE. 

Pero o PSOE segue a ser minoritario no Congreso...

O PSOE, con 85 deputados, non pode gobernar en solitario e vai ter que escoller unha opción: optar por seguir facendo políticas neoliberais ou políticas de esquerda. Neste último caso, vainos ter á súa disposición mediante acordos no Congreso, pero quizais o PSOE o que debería facer xa é dicir que vai facer con todas as propostas que foron aprobadas na Cámara con Unidos Podemos e que agora como Goberno tería que poñer en marcha. Se o Partido Socialista volve cometer o erro histórico de chegar a pactos coa dereita polo ben dunha suposta gobernabilidade, que o único que causou foi miseria, problemas e perda de dereitos, aí combaterémolo e confrotarémolo. Se, pola contra, aposta por unhas políticas de defensa de dereitos sociais e políticos e de garantías para todos os cidadáns, garantiremos que esas políticas saian adiante, pero a opción corresponde ao PSOE. 

"O conflito catalán foi usado pola dereita independentista catalá e pola dereita nacionalista españolista"

Cal é a postura do PCE no conflito catalán?

O conflito catalán foi utilizado claramente pola dereita independentista catalá para que a sociedade esquecese cousas tan graves como a corrupción sistemática ou a aplicación de políticas neoliberais ou de recorte de servizos sociais e públicos, pero tamén pola dereita nacionalista españolista. Vimos ese notable incremento de intención de voto a Ciudadanos, que ten que ver con isto. Este conflito, desde o noso punto de vista, é algo artificial e interesado para afastar a cidadanía dos problemas reais cotiás: o traballo digno, os dereitos sociais, a calidade de vida... Na nosa opinión, é algo que ten que acabar xa. 

Pero hai un debate territorial e sobre soberanías aberto...

Claro, iso non significa que se pechen as discusións, porque cremos que é necesario reformar o marco territorial constitucional que temos desde 1978. Son 40 anos de Constitución e non creo que haxa ningunha Constitución na UE que en catro décadas non sufrira cambio ningún. Aquí fixéronse mudanzas como o do artigo 135, o que mostra que cando se quere non é imposible modificala. Defendemos clarramente un modelo de Estado unitario e federal, un Estado democrático onde toda a cidadanía teña as mesmas opcións para participar nas institucións, un modelo republicano, como a inmensa maioría dos Estados do planeta, en forma de República Federal. Este é o modelo que, por exemplo, ten Alemaña ou os Estados Unidos de América, polo que non estamos pedindo nada contrario ou que non estea vixente no sistema capitalista. Cremos que este debate debe iniciarse. 

"Os presos políticos cataláns deben estar nos cárceres máis achegados ás súas casas; non se deben facer excepcións"

Que medidas urxentes cre que se deberían adoptar para pousar o conflito?

Pois, por exemplo, que se aplique a lexislación penitenciaria, porque os presos cataláns deben estar nos cárceres máis achegados ás súas casas ou onde eles vexan máis conveniente, como o resto de presos. Urdangarin escolleu a cadea máis axeitada e non cremos que haxa que facer excepcións cos presos políticos cataláns cando, ademais, non houbo ningún tipo de violencia nin dano irreparable nas súas accións. A nosa liña vai ser a de traballar por facer un debate sensato e acabar con este conflito usado interesadamente pola dereita independentista catalá e pola dereita nacionalista españolista. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.