A comisión de investigación das caixas leva medio ano paralizada e un mes sen tramitar un só documento

Comunicados da Xunta en 2009 e 2010 sobre a suposta "auditoría" que "avalaba" a fusión CC-BY-SA Xunta / Praza Pública

O pasado 18 de maio o Parlamento tramitou unha notificación á Presidencia da comisión de investigación sobre a fracasada fusión de Caixa Galicia e Caixanova e o posterior rescate e desaparición de Novacaixagalicia. Dende ese día, hai un mes, non se volveu mover un só papel vinculado con ese órgano parlamentario, que acumula media década de funcionamento dende que foi aberta por primeira vez, en xuño de 2013, tras anos de peticións infrutuosas da oposición parlamentaria.

A maior parte dos acontecementos vinculados á fusión fracasada chegaron nos últimos anos dende fóra desta comisión, que o PP accedeu a reabrir no inicio da actual lexislatura galega. Antes os populares mantivérana paralizada practicamente tres anos, isto é, durante o longo ciclo electoral que comezou coas eleccións europeas do ano 2014 e continuou cos comicios municipais, dúas xerais e unhas autonómicas. A parálise non tivera vontade partidaria, xustificaran os populares. Só tentaran "arrefriar o debate".

Nesa reactivación da comisión o PPdeG manifestou a súa vontade de impulsar un peche rápido e por iso desbotou a posibilidade de autorizar novas comparecencias, como as que pediran En Marea, PSdeG e BNG. Tan só permitiu a incorporación dalgúns documentos adicionais, caso da sentenza que levou algúns dos ex-directivos ao cárcere polo caso das indemnizacións millonarias. Así, en marzo de 2017 quedou constituído o relatorio da comisión, o órgano encargado de redactar as súas conclusións e os novos documentos -malia algúns vetos, como os do 'banco malo'- chegaron ao Pazo do Hórreo con relativa rapidez.

Os traballos da comisión acumulan media década; foi reaberta coa nova lexislatura e dende o outono de 2017 apenas tramitou uns poucos documentos

No entanto, dende o verán de 2017 a lentitude volveuse apoderar da comisión, que apenas tramitou algúns documentos ata outubro dese ano, hai medio ano. O último, alén da devandita notificación á Presidencia, ten como data de rexistro o pasado 18 de abril. Está asinado pola voceira do BNG, Ana Pontón, que "ante os precedentes de paralización abusiva e arbitraria dos traballos da comisión na pasada lexislatura", solicitaba unha convocatoria inmediata para reactivala, redactar o ditame e abordalo en pleno para lograr obter conclusións "dun asunto tan relevante como foi a desaparición do sistema financeiro galego".

A reiteración de que KPMG nunca fixo unha "auditoría" que avalase a fusión provocou unha treboada política que, ata o momento, non tivo maiores consecuencias

Esa solicitude non tivo, polo momento, resposta. Mentres, onde si houbo movemento foi noutra comisión de investigación, a que analiza no Congreso dos Deputados o conxunto rescate ao sistema financeiro. Alí un dos responsables da consultora KPMG, Francesc Gibert, reiterou que a súa empresa "en ningún caso" elaborara unha "auditoría" nin avalou a fusión de Caixanova e Caixa Galicia. Isto é, que o que afirmara a Xunta non era certo, tal e como evidenciara a mesma compañía no Parlamento galego no ano 2013 e tres anos antes, en 2010, no propio informe ao respecto que a Xunta lle encargara por 1 millón de euros.

As palabras de Gibert xeraron unha notable treboada política. Toda a oposición galega esixiu explicacións a Feijóo por "mentir" coa fusión e esgrimir unha auditoría que non era tal, petición que o PP considerou "absurda". A comparecencia reclamada por En Marea, PSdeG e BNG nunca se produciu e só puideron preguntar ao presidente polo asunto nunha sesión de control na que Feijóo acabou reclamando a dimisión de Luís Villares e Ana Pontón. Mentres, a comisión de investigación volve "arrefriar".

Francesc Gibert, da consultora KPMG, o pasado maio no Congreso dos Deputados

Comparecencia de Feijóo na comisión das caixas no Parlamento de Galicia © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.