Da Foz ao Pozo do Frade: “A loita para gañar o porto non pode ser a dun partido, é unha loita de cidade”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, na singradura en reclamación dos terreos portuarios organizada por Marea Atlántica Dominio Público Marea Atlántica

Reivindicación política e cultural marcaron este sábado a singradura que Marea Atlántica organizou polo litoral portuario da Coruña. Música e divulgación da toponimia tradicional acompañaron ás reclamacións políticas de recuperación dos terreos portuarios para a cidade nun percorrido en barco no que ademais do alcalde, Xulio Ferreiro, e outros membros da formación política e do goberno local, participaron tamén diversos profesionais do mundo do mar.

Marea Atlántica realizou este sábado unha singradura polo litoral da Coruña reivindicando a recuperación dos terreos portuarios e lembrando a toponimia tradicional

“A loita para que gañemos o porto non pode ser a loita dun partido político, nin sequera dun goberno municipal, é a unha loita de cidade”, dixo Ferreiro, para quen “o Porto Exterior é importante, pero A Coruña non merece hipotecarse por el”. “Mentres sigamos no goberno defenderemos a recuperación dos peiraos e o seu uso produtivo”, asegurou.

Nesa liña, na singradura tamén interviron profesionais do mundo do mar, da pesca de baixura ou do marisqueo que salientaron a importancia que os espazos mariños e portuarios tiveron sempre e seguen a ter para A Coruña. Por iso, reclamaron que non se lles dea un uso turístico ou residencial senón que sigan a ser útiles para a cidadanía da Coruña.

Toponimia do litoral da Coruña

Na singradura foise explicando a toponimia tradicional do bordo litoral da cidade, desde a Foz, no extremo meridional, ata o Pozo do Frade, no setentrional, pasando por lugares como Casa Abicada, Cu do Porco, Porto Piollo, Cabo da Tripa ou Baixo Merlón.

Luis Dopico, mariñeiro de baixura que interveu no percorrido organizado por Marea Atlántica Dominio Público Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.