0 Gardados para despois

O PP reduce a "demagoxia" os datos de mortalidade por infarto en Lugo mentres eran tratados en horas de oficina

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Lugo liderou a mortalidade por infartos en Galicia mentres a unidade que trata esta doenza no Hospital Lucus Augusti abría só en horario de oficina, de 8 da mañá a 3 da tarde e de luns a venres. A fonte desta afirmación son os datos oficiais do Rexistro Galego de Infarto (Regaliam), que o PSdeG logrou o pasado maio tras reclamalos á Xunta durante anos e advertir a Consellería de Sanidade con levala aos tribunais se non cumpría a obriga legal de llos achegar. Tras sete anos de protestas ese horario de atención ampliouse o pasado maio ata as 10 da noite, tamén durante as fins de semana, se ben colectivos veciñais e mais os propios socialistas lucenses reiteran a necesidade dunha apertura continua. Esa reivindicación volveu este martes ao Parlamento e o PP reduciuna a "demagoxia".

O PSdeG mobilizouse ante o Parlamento durante o debate dunha moción pola apertura 24 horas da hemodinámica do HULA, prometida por Feijóo en 2011

A reivindicación do servizo de hemodinámica durante as 24 horas no HULA chegou desta volta ao Pazo do Hórreo por dúas vías: ao propio pleno parlamentario a través dunha moción do deputado socialista Julio Torrado, que estendeu a reivindicación de servizo continuado ao hospital de Ourense; e ao exterior da sede do lexislativo cunha concentración de representantes veciñais e políticos do PSdeG como a alcaldesa e alcaldes de Guitiriz, A Fonsagrada e Monforte, membros do grupo parlamentario, o secretario provincial do partido en Lugo, Álvaro Santos, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. "Estamos fartos das mentiras do PP e do desprezo aos veciños da provincia", di Santos, quen reprocha que "leven sete anos negándonos hemodinámica 24 horas" e tamén atrancando o acceso aos datos.

"O PP -sinala o tamén voceiro do goberno da Deputación- debe dotar a Lugo desta prestación sen escusas, sen máis mentiras" e tamén "facer pública a información íntegra do Regaliam", toda vez que este rexistro foi "creado para xustificar", precisamente, a necesidade ou non de pechar ou non durante varias horas ao día a unidade que atende os infartos. Neste sentido, lembran, os datos do Regaliam aos que si lograron acceder deixan claro que mentres a hemodinámica funcionou en horario de oficina en Lugo apenas unha de cada catro persoas que sufriron un infarto na provincia puideron ser tratadas no hospital Lucus Augusti. As tres cuartas partes tiveron que ser trasladadas a outros hospitais, fundamentalmente ao da Coruña.

O Sergas volveu emitir un comunicado para rexeitar que a mortalidade por infartos en Lugo sexa maior que no resto do país e cualifica as acusacións do PSdeG de "graves, alarmantes e infundadas"

Santos e os representantes veciñais evocaron ante a Cámara as numerosas mobilizacións en Lugo na defensa dos servizos hospitalarios prometidos por Feijóo para o ano 2011 no acto de inauguración do hospital, en febreiro daquel ano, e tamén o fixo Torrado durante a defensa da moción. "Temos os mellores profesionais, deámoslles os recursos necesarios", resumiu o parlamentario, quen alude ao propio Regaliam para sinalar a necesidade como evidente e instar o PP a "non agardar ás eleccións" para aceptar unha apertura continua que "todos sabemos que se vai facer, os mesmos profesionais dano por feito".

No entanto, dende o Grupo Popular consideran que os socialistas teiman en "facer demagoxia e terxiversar a realidade" porque "en Galicia a atención a esta enfermidade é excelente". "A cifra de mortalidade media a 30 días acada o 3,5%", afirma o deputado Aurelio Núñez e a apertura ou non as 24 horas decídese "en función dos resultados" do Regaliam e "non por caprichos". Neste sentido, o propio Sergas volvía emitir este martes un comunicado en termos semellantes aos xa difundidos ante anteriores reivindicacións sobre a hemodinámica. Segundo Sanidade, as acusacións do PSdeG son "graves, alarmantes e infundadas" porque xa é "falso" que Lugo padeza unha maior mortalidade que o resto de Galicia por mor dos infartos.

Desactivar os subtítulos Activar os subtítulos

Feijóo promete a posta en marcha de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear no Hospital Lucus Augusti de Lugo antes da fin de 2011

© Xunta

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.