0 Gardados para despois

Ence tramita a súa ampliación en Lourizán sen comunicar á Xunta canta máis auga quere consumir

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A ampliación das instalacións de Ence con novos edificios dentro do recinto que xa ocupa actualmente en Lourizán, na ría de Pontevedra, está a ser tramitada sen que a empresa comunicase ata o momento á Xunta canta auga máis precisa para o funcionamento desas novas instalacións. Así o vén de sinalar Augas de Galicia, ente dependente da Consellería de Medio Ambiente, na súa resposta a documentación achegada pola empresa para iniciar a tramitación urbanística desas novas instalacións, que inclúen unha planta de biomasa xustificada pola empresa coa “imparable extensión do eucalipto en Galicia”. Outros departamentos autonómicos tamén advirten de deficiencias na documentación achegada ata o de agora por Ence para xustificar o seu proxecto.

Augas de Galicia advirte á empresa de que debe xustificar que a concesión de auga do río Lérez coa que xa conta é suficiente para as novas instalacións, despois de que a propia empresa admitise de que terán un impacto “negativo non significativo”

O pasado abril a Xunta someteu a exposición pública para a súa avaliación ambiental a modificación urbanística que requiren varias actuacións que Ence quere realizar nos próximos anos dentro do recinto que xa ocupa en Lourizán. Son, segundo a empresa, obras derivadas do denominado “pacto ambiental” asinado coa Xunta en suposta compensación pola prórroga de 60 anos outorgada polo Goberno central de Mariano Rajoy á súa permanencia na ría de Pontevedra e que inclúen o aumento da capacidade de Ence de coxeneración de enerxía eléctrica con biomasa, a mellora da eficiencia dos seus combustibles e a incorporación do uso de gas natural para os seus fornos. Fronte a esa prórroga a Ence, a outra empresa que opera no mesmo recinto, Elnosa, vén de anunciar aos seus traballadores que botará o peche o próximo 29 de xullo ao concluír a súa concesión sen que o novo Goberno central se pronunciase aínda sobre a súa petición de prórroga.

Augas de Galicia tamén di que “non se analiza o sistema de saneamento das novas instalacións” e pide que se describa e cuantifique

A esa documentación inicial sobre o proxecto sometida a exposición pública veñen de contestar agora diversas administracións e departamentos autonómicos con consideracións que a Xunta resume nun documento de esixencias a Ence de cara a proseguir coa tramitación do seu proxecto. De entre todas esas consideracións destaca o informe emitido por Augas de Galicia, no que se advirte de que na documentación achegada por Ence “non se analiza a cantidade de recurso hídrico preciso para a posta en funcionamento das instalacións proxectadas”. Segundo Augas, “Ence conta con dúas concesións outorgadas no río Lérez de 1.000 e 500 litros por segundo respectivamente”, cantidades máximas das que se descoñece o consumo real, e “deberanse analizar a necesidade de caudal para as novas instalacións propostas de cara a verificar que a concesión existente cubre a nova demanda de caudal”. Igualmente, Augas salienta que na documentación ata o de agora achegada por Ence “non se analiza o sistema de saneamento das novas instalacións” e pide que se describa e cuantifique.

Outros departamentos sectoriais tamén advirten de insuficiencia de datos sobre riscos, impacto atmosférico ou sobre a biomasa dos montes galegos

Ademais destas consideracións de Augas de Galicia, outros departamentos sectoriais tamén reclaman para a segunda fase de tramitación do proxecto que agora comeza maior concreción nos plans de ampliación de Ence. En materia de riscos, “non inclúe ningunha referencia aos riscos derivados das actuacións propostas considerando que a proposta inclúe novos almacenamentos de gas natural licuado para o abastecemento dos fornos”. En materia de patrimonio natural, reclámaselle que concrete “como incidirá ambientalmente o incremento das necesidades de biomasa” nos montes galegos. E en materia de contaminación atmosférica, que analice “a incidencia sobre a atmosfera debido ao incremento do transporte asociado ao abastecemento das novas instalacións”.

Ence, que na súa documentación inicial xa admitía un impacto “negativo significativo” das súas novas construcións sobre a paisaxe pero positivo sobre o consumo de enerxía ao pasar de deficitaria a excedentaria da mesma, deberá agora dar resposta a todas estas consideracións para proseguir coa tramitación e validación da súa ampliación.

Xustificación de Ence da disposición da súa nova planta de biomasa para reducir o seu "significativo" impacto paisaxístico [Imaxe: Ence]

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.