Compromiso protesta nas peaxes contra a suba do seu importe

Folleto repartido por CxG CC-BY CxG

Xoán Bascuas e outros membros da executiva nacional de Compromiso por Galicia (CxG) realizaron este mércores á mañá un reparto informativo entre os condutores que cruzaron a peaxe de Sigüeiro da AP-9 no que protestaban pola suba do seu importe e explicaban as alternativas da nova formación galeguista ante a recente suba destes, que serán maiores nas vindeiras semanas co aumento do IVE. Durante o acto reivindicativo, o secretario xeral de Compromiso foi identificado pola Garda Civil mentres repartía un dítico.

Varios membros de CxG repartiron folletos informativos en varias peaxes do país

Os representantes de CxG marcharon desde Sigüeiro ás 12.30 do mediodía e seguiron a pé até a peaxe onde, logo de repartir información entre os condutores, foron avisados pola Garda Civil de que non podían continuar co acto nese lugar por medidas de seguridade. Media hora despois, a protesta continuou na localidade de Oroso.

Con esta acción, CxG demanda tamén "a derrogación inmediata da suba do 7,5%, a eliminación da bonificación do IBI á concesionaria (dun 95% da taxa) e a rebaixa das peaxes mentres non exista unha alternativa libre de peaxe" nunha vía que, como recorda a coalición galeguista,  "vertebra o país de norte a sur".

"A responsabilidade da ampliación da concesión foi do PP", recorda Compromiso, que lamenta a discriminación dos galegos

Compromiso por Galicia recorda que "a responsabilidade da ampliación da concesión foi do PP, partido hoxe no goberno, cando ampliou a concesión o ano 2000 por 25 anos, así como da privatización da concesión no ano 2003, de forma que hoxe os beneficios da autoestrada vaian para a multinacional norteamericana Citigroup".

“Os galegos e galegas levamos 40 anos pagando pola nosa principal vía de comunicación mentres noutros lugares do Estado son gratuítas”, aseguran desde Compromiso por Galicia, que tamén repartiu outros folletos informativos nas peaxes de Guísamo e Figueirido. Neste último participaron Xoán Hermida e Sandra Araúxo, membros da executiva nacional da formación.

A Xunta pedirá que se modifiquen as tarifas da AP-9

Por outra banda, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, confirmou que a Xunta de Galicia realizará unha "proposta" ao Ministerio de Fomento para modificar as tarifas da autoestrada AP-9, co obxectivo de que "sirva para axudar nesa negociación" coa empresa concesionaria.

Membros de CxG na área de servizo de San Simón CC-BY CxG
Folleto repartido por CxG CC-BY CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.