Un xulgado de Verín abre dilixencias por delito ambiental polos danos reiterados das obras do AVE ao río Támega

Obras dun viaduto do AVE sobre un afluente do Támega en Laza CC-BY-SA Praza Pública

O xulgado de primeira instancia e instrución número 2 de Verín vén de acordar a apertura de dilixencias previas pola posible existencia de delito contra o medio ambiente nas reiteradas verteduras e danos ao río Támega e os seus afluentes provocados durante anos polas obras de construción do AVE. A investigación xudicial ábrese tras unha denuncia do sindicato CIG que incluíu entre os datos achegados ao xulgado os desvelados por Praza.gal sobre as sancións de reducido importe impostas polas confederacións hidrográficas do Miño-Sil e do Douro (esta última competente sobre o Támega) ás construtoras do AVE por danos reiterados durante anos aos ríos que atravesa a liña de alta velocidade.

A investigación foi instada pola CIG, cuxa denuncia recolle as reiteradas sancións impostas ás construtoras ao longo dos últimos anos pola confederación hidrográfica do Douro desveladas por Praza.gal

O 12 de xuño Praza.gal desvelou que desde 2011 a Confederación do Miño-Sil impuxo un total de 24 sancións por todo tipo de danos a ríos ás construtoras do AVE. As multas suman un total de 48.000 euros, a unha media de 2.000 euros por sancións, apenas o 0,001% duns traballos que se aproximan aos 2.000 millóns de euros. Tras esa publicación, este diario logrou que a Confederación do Douro desvelase tamén os seus datos, publicados catro días despois, o 16 de xuño, e similares: 18 multas desde 2011 que suman 30.000 euros, a 1.650 euros por multa. En total, as dúas confederacións impuxeron desde 2011 42 multas por un total de 78.000 euros, a menos de 2.000 euros por sanción.

Estes datos, xunto con outros danos detectados nos últimos tempos por diversas administracións ao río Támega, foron incluídos nunha denuncia que o sindicato CIG formulou o 23 de xuño ante os xulgados de Verín. En particular, o sindicato salientaba a reiteración de danos ao Támega e os seus afluentes detectados nos termos municipais de Laza e Verín durante os últimos anos e denunciados en declaracións públicas polos alcaldes das dúas vilas.

O xulgado solicita diversa documentación á Confederación do Douro, o Seprona ou Adif, pero limita o período de investigación aos anos 2016, 2017 e 2018

Tras analizar esa denuncia, o pasado día 9 de xullo o antedito xulgado de instrución número 2 emitiu un auto no que sinala que “os feitos que resultan das anteriores actuacións presentan características que fan presumir a posible existencia de delito contra os recursos naturais e o medio ambiente”, polo que acorda “instruír dilixencias previas” para determinar “a natureza e circunstancias de tales feitos” e “as persoas que neles interviñeron”. Para iso, solicita diversa documentación á Confederación do Douro, o Seprona ou Adif, pero limita o período de investigación aos anos 2016, 2017 e 2018.

Auto do xulgado de Verín polo se abren dilixencias sobre posible delito ambiental das obras do AVE CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.