Xunta, CC.OO e UGT asinan o pacto salarial do profesorado, que a CIG ve como "o peor dos últimos anos"

Luz López, Román Rodríguez e Paula Carreiro asinan o acordo © Xunta

Os docentes galegos verán incrementado o seu salario nunha contía de 1.260 euros ao ano, a razón de 90 euros ao mes en catorce pagas, nunha suba retributiva que se empezará a aplicar xa este próximo outubro e se completará en 2021. Ese foi acordo que este mércores asinaron a Xunta, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e os sindicatos CCOO-Ensino e FeST-UGT. Non participou CIG-Ensino, que rexeita o pacto e cualifícao como o "peor acordo retributivo dos últimos anos, con condicións aínda peores que o de 2003 e moi lonxe do de 2006". 

O profesorado galego verá incrementado o seu salario en 1.260 euros ao ano, unha suba que non se completará até 2021

Pola contra, desde a Xunta asegúrase de que o acordado "suporá que os docentes galegos se sitúen na parta alta da táboa retributiva no ránking interautonómico". Para CCOO a valoración global "é positiva" e destaca a cláusula que lles permitirá revisar anualmente os soldos no resto do Estado e reabrir así as negociacións se houbese cambios respecto da posición dos docentes galegos, mentres que desde UGT advírtese de que seguirán "loitando por restitutír os dereitos perdidos do profesorado". 

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e as representantes de CCOO e de UGT, Luz López e Paula Carreiro respectivamente, rubricaron o acordo logo dunha negociación de dous meses e despois de que o documento fose ratificado polos órganos das dúas organizacións. Segundo o pactado, establécese un aumento salarial lineal de 1.260 euros ao ano para o conxunto dos 32.500 docentes que conforman o sistema educativo público galego (sexan funcionarios de carreira, interinos ou substitutos) e para todos os corpos docentes. Isto tradúcese nunha contía mensual de 90 euros máis repartidos en 14 pagas, e nun incremento porcentual medio do 4%, segundo destaca o Goberno galego.

Este incremento empezarase a aplicar xa o vindeiro mes de outubro e irase implementando aos poucos ata o ano 2021. Isto é, entre outubro e decembro deste ano a suba vai ser de 15 euros ao mes; a partir do 1 de xaneiro de 2019 xa se aplicarán outros 20 euros mensuais máis; ao longo de 2020 o incremento será doutros 25euros; e finalmente o 1 de xaneiro de 2021 procederase á ultima suba, de 30 euros mensuais, completando así o 100% do incremento recollido no acordo.

A CIG cre que o acordo retributivo "hipoteca o profesorado galego até 2021" e considera "raquíticas" as contías e "insultantes" os prazos marcados

Para a CIG, sindicato maioriario no ensino, pola contra, "cumpriuse o guión" ao asinarse "un acordo retributivo que hipoteca o profesorado galego até 2021". "Foi unha negociación fraudulenta desde o principio que remata cun pacto por detrás en pleno verán sen posibilidade de consultar ao profesorado", explicou.

A central nacionalista considera "raquíticas" as contías e "insultantes" os prazos, o que foi "motivo dabondo" para que denunciara desde un primeiro momento unha negociación que considera "unha farsa". CIG-Ensino acusa a CCOO e UGT de ser "sindicatos entregados en rubor á Conselería" e acúsaos, xunto á Xunta, de "boicotear toda posibilidade de abrir un debate para mellorar as condicións de traballo". 

"Negáronse rotundamente a ampliar a negociación máis alá dos aspectos estritamente retributivos e condicionando o debate sobre a homologación cuns criterios inasumíbeis. Igual que fixeron ao se negar (por segunda vez os mesmos sindicatos) a introducir na negociación a devolución das pagas extras recortadas de 2013 a 2016, o feito diferencial do goberno Feijóo que supuxo un dos principais motivos da nosa perda salarial ao respecto doutros docentes do Estado", explica. 

CCOO explica, pola súa banda, que a súa intención desde o primeiro momento da negociación foi sempre "acadar o 6º lugar a nivel retributivo do Estado, ao igual que se chegaron cos acordos de 2003 e 2006". Tamén, era imprescindible unha cláusula de revisión, que permita volver negociar as cantidades a percibir se noutras comunidades se chegan a acordos que fagan variar o noso posto no ránking, co fin de estar sempre na parte alta da táboa", destaca. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.