Villares acepta o diálogo con Compostela Aberta pero rexeita "mesas de notables"

Luís Villares, durante a Escola de Verán de En Marea © En Marea

Manter o diálogo coas forzas e mareas que forman parte de En Marea pero sen aceptar as "aristocracias" políticas que "tutelen" á marxe dos inscritos. Foi a idea que expresou o portavoz da formación, Luís Villares durante a Escola de Verán Unitaria organizada en Pontevedra polo espazo de confluencia. 

"Non podemos aceptar volver a mesas onde as persoas inscritas non saiban de que se está a falar e que tutelen procesos que xa son democráticos"

"Volver a mesas onde as persoas inscritas non saiban de que se está a falar e que tutelen procesos que xa son democráticos, non o podemos aceptar", advertiu Villares logo da oferta de diálogo feito por Compostela Aberta, que acepta pero rexeitando "mesas de notables" que poidan restrinxir a participación e tomen decisións "de costas aos inscritos". Así, En Marea confirmou, a través do voceiro da coordinadora, Gonzalo Rodríguez, que a dirección vai manter un "encontro bilateral" coa formación santiaguesa que lidera Martiño Noriega para tratar sobre a oferta que chama a reconfigurar o espazo político. 

"En Marea é un espazo plural, aberto e participativo, onde colle todo o mundo", insistiu Villares, co que intentou contrapoñerse ás "aristocracias políticas que poidan decidir polos demais".

A dirección de En Marea manterá un "encontro bilateral" con Compostela Aberta para avaliar a súa proposta

Compostela Aberta propuxo adiantar as eleccións ao Consello das Mareas a setembro e formar unha "mesa de confluencia" coa dirección de En Marea, EU, Podemos, Anova e as mares municipalistas da Coruña, Ferrol e Santiago. A idea sería que esa xuntanza se celebre antes de que remate este mes, polo que o devandito encontro "bilateral" se realice axiña. 

Para Villares, a Escola de Verán que se celebra en Pontevedra é un exemplo, "unha boa mostra", de como deberían ser todas as mesas de traballo, "nin pechadas nin restrinxidas a unha aristocracia política ou uns notables" e lonxe de foros "herméticos onde non haxa luz nin taquígrafos". "Pode vir calquera, sexa de En Marea ou non, a participar e a debater, e de aquí sacaremos conclusións para a nosa acción política", dixo. 

Ademais, Villares insistiu en que En Marea é "un espazo cooperativo" formado polas mareas locais e defendeu ir "construíndo, pinga a pinga ese mar, e sumando esforzos". "A agregación de persoas e colectivos dá lugar á perda de pureza ideolóxica, pero favorece a maior transversalidade política e social", di. "É a fórmula máis apropiada para chegar ás maiorías sociais", insistiu. 

"A agregación de persoas e colectivos dá lugar á perda de pureza ideolóxica, pero favorece a maior transversalidade política e social"

A Escola Unitaria de Verán debate sobre cultura, economía, Euroa ou urbanismo, a cultura e xuntou relatores de diferentes formacións de esquerda. Para Villares, é clave o encontro "coas demais forzas políticas" para "fomentar o debate e que a sociedade vexa que é posible unha alternativa integral en Galicia ao PP".

Luís Villares, durante a Escola de Verán de En Marea © En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.