“Defender a Constitución é defender a identidade galega”, di Feijóo ao entregar as Medallas aos presidentes do Constitucional

Entrega das Medallas de Galicia 2018 Dominio Público Xunta de Galicia

Tras un ano político marcado a nivel estatal pola crise catalá, e con ela polo protagonismo do Tribunal Constitucional, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, elixiu como receptores da Medalla de Ouro de Galicia, a máis alta condecoración do Goberno galego, os tres presidentes que tivo ata agora de orixe galego esa alta institución. Este martes, na entrega das medallas, Feijóo aproveitou para presentar a Galicia, e con ela a si mesmo, como fieis ao texto constitucional.

Tras un ano marcado pola crise política catalá, o presidente da Xunta presenta Galicia como garante da defensa da Constitución

Os galardoados coa Medalla de Galicia foron este ano Álvaro Rodríguez Bereijo, presidente do Constitucional entre 1995 e 1998, María Emilia Casas, entre 2004 e 2011, e Juan José González Rivas, no cargo desde 2017. A orixe galega dos tres está motivada máis polos seus proxenitores que pola súa propia vida, desenvolvida fóra da comunidade. De feito, este martes ningún dos tres empregou o galego nos seus discursos de agradecemento.

Un momento da entrega das Medallas de Galicia 2018 [Xunta de Galicia]

“Defender a Constitución é defender o conxunto de España, pero tamén defender a Constitución é defender Galicia, a súa identidade propia e a súa Autonomía e o seu autogoberno para participar nos asuntos de España”

Na súa propia intervención, o presidente Feijóo dedicou un lugar destacado a eloxiar a figura do recentemente falecido Xerardo Fernández Albor, ao que presentou como exemplo de político autonomista respectuoso coa Constitución. E a continuación el mesmo pasou a eloxiar o texto legal e o respecto por el de Galicia. “Cando a Constitución se defende contra diferentes ameazas, estase defendendo a todos os que quixeron, queren e quererán vivir en liberdade”, dixo, para engadir que “os galegos non nos limitamos a asumir a Constitución, senón que traballamos para que a Constitución asumise a nosa esencia; a Constitución está impregnada tamén dun constitucionalismo galego”. Para Feijóo, “defender a Constitución é defender o conxunto de España, pero tamén defender a Constitución é defender Galicia, a súa identidade propia e a súa Autonomía e o seu autogoberno para participar nos asuntos de España”.

Na súa intervención, Feijóo tivo unha última lembranza para as vítimas do accidente de Angrois, que a esa mesma hora se manifestaban na praza do Obradoiro pedindo xustiza cinco anos despois do sinistro. Segundo o presidente, “Galicia seguirá tendo presente as vítimas de Angrois e non se sentirá reconfortada ata que o traballo xudicial remate e aclare que pasou e cales foron todas as causas do fatídico accidente”. Feijóo lembrou que o propio acto de entrega das medallas foi adiantado un día desde o ano seguinte ao sinistro en homenaxe ás vítimas do Alvia, algo que estas rexeitan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.