BNG e PSdeG "rachan" co PP, que imporá a redución de deputados sen consenso

Rueda e Feijóo, durante a sesión plenaria © Ana Varela

Está decidido e non hai marcha atrás. O PP e a Xunta de Galicia consumarán a tesoirada ao Parlamento e farano o antes posible. A data, o vindeiro mes de setembro, cando os populares teñen previsto comezar "unha rolda de negociacións" coa oposición para negociar unha redución de deputados que beneficia os seus caladoiros de votos e reduce a pluralidade. Non haberá negociación ningunha. As intencións da dereita veñen de unir a PSdeG e BNG que coinciden en cualificar de "rota" calquera posibilidade de consenso e que asumirán unha proposta conxunta en contra do que cualifican "un pucheirazo electoral".

O PP di estar disposto a "modular" a proposta pero cualifica de "radicais" as posturas de BNG e PSdeG

Pero o PP segue disimulando e tendendo a man. Iso si, sempre que se acepte a súa condición única: reducir o número de parlamentarios si ou si. A vicevoceira popular na Cámara, Marta Rodríguez, di agora que o número a suprimir poderíase "modular" e insiste en que o seu partido está "aberto a negociar" outras fórmulas como a baixada do soldo dos deputados, sempre que se inclúa dentro da tesoirada á representación. Pero aclara: "Cando as posturas contrarias son tan radicais, ti podes modular unha proposta que se cadra non acaba de gustar ao que está enfronte". 

Os populares queren acelerar a reforma para "modificar a lei antes dos comicios"

O obxectivo claro e os tempos tamén. "Sería imposible reducir os deputados electos despois das eleccións autonómicas; hai que modificar a lei antes dos comicios, por iso o debate que toca agora é o da redución si ou non dos deputados", dixo Rodríguez, que insistiu dabondo na celeridade por abordar este cambio lexislativo e que "non se explica" de onde saca as cifras o PSdeG cando propón unha redución de salario que multiplicaría por seis o hipotético aforro que defende o PP, e que non chega ao millón de euros.

"Todas as pontes de diálogo están rotas mentres Feijóo manteña o seu pucheirazo electoral", advirten os socialistas

A resposta da oposición foi contundente e conxunta. "Todas as pontes de diálogo están rotas mentres Feijóo manteña o seu pucheirazo electoral", asegurou Carmen Gallego, coordinadora da área económica do PSdeG, que pediu a Feijóo que retirase a proposta "se aínda lle queda algo de dignidade". "A cidadanía está preocupada polo seu futuro e por reducir custos; quen reclama este recorte de parlamentarios son tertulianos de ultradereita", insistiu a socialista, que acusou o presidente da Xunta de "xogar coa democracia". "Se sobra a política e os políticos, que é o que queda?", engadiu.

Así, Gallego non descartou mobilizacións e anunciou xa que o partido está en contacto con outras formacións e colectivos para tratar de frear o que considera "un ataque directo á democracia". De feito, recoñeceu contactos co BNG para levar a cabo unha estratexia conxunta contra esta tesoirada do Parlamento. De feito, Ana Pontón, voceira do Bloque na Cámara, coincidiu en cualificar de "rota" calquera posibilidade de consenso co PP a través dunha carta enviada ao voceiro conservador, Pedro Puy, na que cualifica de "inadmisible" a proposta que cre que debería "ser retirada".

BNG e PSdeG non descartan mobilizacións e únense nunha postura común contra a tesoirada ao Parlamento

Pontón indica tamén que se a cuestión é a austeridade debería apostarse pola "racionalización e aforros substanciais sen alterar as regras do xogo democrático". "Consideramos rota calquera posibilidade de consenso sobre as bases dese texto, máxime unha vez feita pública a intención de aprobar reformas sen ter en conta a opinión do resto de formacións políticas e da sociedade", di a carta da voceira que asegura que a única intención do PP é "ter máis escanos con menos votos".

"O PP é consciente de que neste momento non ten a maioría absoluta, que xa a ten perdida, e o único que intenta facer é cambiar as regras de xogo", remata.

Carmen Gallego, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA PSdeG
Ana Pontón, voceira do BNG CC-BY-NC-SA BNG
Feijóo dialoga con Rueda no Parlamento © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.