0 Gardados para despois

Contas reitera que o aforro na Administración paralela anunciado por Feijóo como "histórico" foi "residual"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A principal idea forza coa que Alberto Núñez Feijóo chegou á presidencia da Xunta no ano 2009 foi a da "austeridade". Co retorno do PP ao poder, aseguraba, a Administración ía gastar menos "nela mesma" para poder destinar máis diñeiro á cidadanía. Un dos eixos daquel argumentario asentouse no "plan de reestruturación" da Administración paralela, un proxecto para recortar os alcumados como chiringuitos que agromaran dende tempos de Fraga para xestionar diversas parcelas de competencias do Goberno galego. Cinco anos despois, en 2014, o propio Feijóo aseguraba que a culminación da primeira fase daquel plan xa podía ser considerada como "histórica". No entanto, o Consello de Contas vén de lle poñer por terceiro ano consecutivo un adxectivo diferente: "residual".

O ente encargado de fiscalizar as contas públicas avalía cada ano as finanzas destas entidades -como empresas públicas, fundacións, organismo autónomos ou axencias- e no último trienio vén arrefriando sistematicamente a entusiasta "redución histórica" publicitada polo presidente. Faino malia non contar con información completa da Xunta porque "ningún" dos catro plans de redución da Administración paralela anunciados "foi obxecto de publicación". "Tampouco se publican os informes nos que se avalía o seu grao de realización", máis alá dun "documento resumo sobre os procesos de reordenación" que viu a luz "recentemente" no portal de transparencia do Goberno galego.

O Consello de Contas advirte por terceiro ano consecutivo de que a Xunta incumpre dende 2010 a lei que a obriga a "pór en marcha un rexistro" destas entidades

Este estudo ten, adicionalmente, outro atranco. Non existe "un sistema que permita coñecer con exactitude e de maneira actualizada as entidades" que cumpren "os requisitos legais para seren consideradas como integrantes do sector público". A razón é que o Goberno galego "incumpre o artigo 52" da lei de organización e funcionamento da Administración (LOFAXGA), que dende 2010 obriga o Executivo a "pór en marcha un rexistro de entidades dependentes" que, entre outros aspectos, recompile as contas de todos eles para despois remitilas ao propio Consello de Contas. Esta é a razón pola que o principal guieiro do Consello para coñecer que entidades dependen da Xunta non sexa a Xunta mesma, senón o inventario do Ministerio de Administracións Públicas.

"O tamaño do sector non decreceu"

Partindo desta base o Consello de Contas admite que "o número de entidades dependentes da comunidade autónoma" pasou de 159 en 2010 a 112 en 2016, redución na que se inclúe a fin das 34 fundacións comarcais que deixara decidida o Goberno de coalición de PSdeG e BNG. Pero "a maior parte" das entidades suprimidas "ten unha importancia económica residual", polo que o prognosticado como un aforro "histórico" representou realmente "menos do 1% dos fondos xestionados polo sector instrumental". É por iso, reitera Contas por terceiro informe consecutivo, que "a redución no sector é máis nominal que real".

Mentres pechaba algunhas destas entidades a Xunta abriu varias axencias novas para xestionar áreas como infraestruturas, innovación, tecnoloxía ou servizos sociais

Pero máis aínda. Aínda que o número de entidades "diminuíu", o "volume de recursos público xestionados de maneira decentralizada está a aumentar en termos relativos". Isto sucede, entre outros aspectos, porque mentres pechaba algunhas entidades, a Xunta apostou por abrir novas axencias autonómicas para asumir "políticas públicas que ata este momento se viñan realizando" dende a Administración xeral en ámbitos como "as infraestruturas, a innovación, as tecnoloxías da información, a xestión tributaria e os servizos sociais". 

Neste sentido, o Consello considera que "un bo indicador" para "coñecer a evolución do sector instrumental" dependente da Xunta é, alén das declaracións, "a análise das transferencias previstas nos orzamentos xerais da comunidade autónoma" a estas entidades. E o certo é que "as subvencións para o financiamento do sector instrumental incrementáronse dende 2011 -de 818 millóns de euros a 1.168- como consecuencia da xeneralización do modelo de Axencia e a pesar da redución do número de entidades".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.