Décimo venres negro na CRTVG "contra a manipulación e o desmantelamento, non paramos"

Persoal da CRTVG, nas protestas do décimo venres negro Dominio Público Defende a Galega

E van dez. Na mañá deste venres escoitáronse algúns aplausos entre persoal de RTVE cando o Congreso deu luz verde á elección de Rosa María Mateo como administradora única provisional da corporación estatal e, case ao mesmo tempo, comezaban a rexistrarse as primeiras candidaturas para o concurso público do que sairá a súa dirección definitiva -entre elas, a da veterana xornalista Alicia Gómez Montano-. Mentres, en Galicia, persoal da TVG e da Radio Galega emprendía a mobilización do seu décimo 'venres negro'. "Non paramos", advirten.

"Estamos sen medo a loitar e máis unidos ca nunca, acabaron os tempos das lamentacións", advirte o persoal mobilizado

A décima xornada de protestas estivo centrada na denuncia da "manipulación informativa, o desmantelamento dos servizos informativos e de programas na radio e na televisión", resalta o colectivo Defende a Galega, que agrupa o persoal mobilizado. Estas reivindicacións concretas apóianse noutra máis xeral, que impregna o conxunto das protestas: a esixencia da fin do que consideran constante control gobernamental da información nos meidos públicos e do cumprimento "íntegro" da lei de medios públicos aprobada no ano 2011.

Persoal da CRTVG en San Marcos, no décimo venres negro / Defende a Galega

As datas de verán coas consecuentes vacacións e o que denuncian como mal clima laboral dende o inicio das mobilizacións non vai provocar a fin da reivindicación, advirten. "Non paramos, estamos sen medo a loitar e máis unidos ca nunca", aseguran dende o convencemento de que "acabaron os tempos das lamentacións". Van xa "dez venres negros contra o conformismo e a pasividade", pero tamén "a prol dunha marca que non queremos que enterren: a CRTVG", resumen. As mobilizacións celebráronse novamente en diversas instalacións dos medios públicos tanto no complexo central de San Marcos como nas súas delegacións e ademais, desta volta, dende 'Defende a Galega' apostouse por concretar nomes de persoas que participan nas protestas como mostra de compromiso con elas.

Persoal da CRTVG na Coruña / Defende a Galega

Esta décima xornada de protestas estivo marcada tamén polo apercibimento en forma de expediente informativo aberto a Beatriz Moyano, a presentadora do Telexornal Serán que xunto con Alfonso Hermida, tamén condutor do mesmo espazo informativo, dimitiu desta responsabilidade como protesta polo control informativo. Como informou Praza.gal, o "proceso" informativo a Moyano foi aberto a raíz da súa partipación como presentadora nunha gala benéfica da Asociación Española contra o Cancro, o pasado 22 de xuño en Santiago. Está xustificado, segundo a CRTVG, polo "posible incumprimento" por parte da traballadora da norma interna que advirte de que "os medios públicos só se poden usar se se actúa en representación da CRTVG".

Mobilización polo décimo venres negro na delegación de Lugo / Defende a Galega

Fontes do persoal da Corporación consultadas por este diario deducen que ese apercibimento se refire ao suposto uso de servizos como o de maquillaxe, se ben as mesmas fontes aseguran que "só se utilizaron medios materiais humanos" da propia organización benéfica. As mesmas fontes agregan, non obstante, que entre o persoal mobilizado nos últimos meses se interpreta o acontecido como unha forma de represión e represalia polas protestas dos 'venres negros' e especificamente contra propia Moyano, que mencionou esas reivindicacións no transcurso do acto, que tiña entre o público diversos dirixentes políticos, entre eles o presidente da Xunta. A CRTVG mantivo en resposta a Praza.gal, pola súa banda, que só está a velar polo cumprimento da devandita normativa de compatibilidades.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.