0 Gardados para despois

14 anos e 6 conselleiros para abrir o auditorio de Lugo, pechado cun gasto fixo de 6.000 euros mensuais

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Xosé Cuiña, Alberto Núñez Feijóo, María José Caride, Agustín Hernández, Ethel Vázquez e Beatriz Mato. É a media ducia de conselleiros con competencias en materia de ordenación territorial que tiveron sobre a mesa o proxecto de construír un auditorio na cidade de Lugo. A principios de século o plan da vella Consellería de Política Territorial e do Concello lucense encadrouse nos traballos de rehabilitación do casco histórico da cidade e implicaba transformar o vello cuartel de San Fernando no devandito centro cultural. No entanto, o impacto das obras na catalogación da Muralla romana como Patrimonio da Humanidade acabou trasladando o proxecto a unha parcela propiedade da Xunta no barrio de Magoi, fóra da zona monumental, onde leva rematado e pechado máis de dous anos cun gasto fixo de mantemento duns 6.000 euros ao mes.

A actual Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ten en marcha dende o pasado marzo o que debera ser un dos últimos chanzos deste prolongadísimo percorrido burocratico e político: a contratación da "subministración, instalación e posta en marcha do equipamento escénico" do edificio, inaugurado polo presidente da Xunta en abril de 2016 sen pouco máis contido que o edificio mesmo e os patios de butacas. Por este contrato duns 3,5 millóns de euros compiten catro empresas en solitario (Ruybesa, Telefónica, Chemtrol e Dominion) e outras tres agrupadas en unións temporais (Vitelsa, Intelsis e Maquiescenic, TECESA e mais Spica e Stonex).

A Xunta ten en marcha a compra do equipamento do edificio por 3,5 millóns, que non activou ata que o Concello lucense accedeu a 'perdoarlle' unha cantidade equivalente en impostos

O diñeiro para pagalo procede formalmente da Xunta, pero o Goberno galego non liberou os fondos ata que o Concello de Lugo accedeu a 'perdoarlle' unha cantidade equivalente no imposto de bens inmobles (IBI) que tería que abonar polo hospital Lucus Augusti (HULA) e outros edificios de titularidade autonómica, como centros de saúde ou unha residencia de maiores. Pero mentres se desenvolveron as negociacións e as sucesivas incertezas sobre o pagamento do mobiliario o auditorio seguía pechado e a factura de mantemento, a engordar. Non en van, segundo admitiu a Consellería en xuño de 2017, "Os gastos de mantemento do edificio do auditorio de Lugo" ascendían a 6.004,38 euros mensuais. Ía ser necesario "asumilos", cando menos, ata setembro dese mesmo ano, indicaba.

O pasado xuño a Consellería transferiu 55.000 euros máis para "facer fronte aos gastos de mantemento do edificio", inaugurado baleiro por Feijóo en 2016

Pero 2017 xa rematou e 2018 encamíñase cara ao seu remate e a documentación oficial da Administración autonómica acredita que a factura segue a subir. Así, a finais do pasado xuño o departamento que dirixe Beatriz Mato tramitaba unha mudanza no seu orzamento para facer fronte a estes gastos. Desta volta recolocou nas contas un total de 55.113,21 euros para dotar as súas partidas de maquinaria, enerxía eléctrica e "outros", novamente para "facer fronte aos gastos de mantemento do edificio Centro Cultural Auditorio de Lugo", indica o expediente.

Cando remate o equipamento do auditorio será o momento en que culmine a transferencia ao Concello lucense, que a partir dese intre terá que correr cos gastos de mantemento. Terá transcorrido xa algo máis de catorce anos dende que o 4 de agosto de 2004 a consellería de Núñez Feijóo e o consistorio, na altura con Xosé López Orozco á fronte, asinaban o acordo para erguer o auditorio, un convenio que suma xa 9 engádegas e un protocolo adicional.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.