Un informe pon en dúbida a vixencia e a validez do convenio de 2004 para recualificar os peiraos da Coruña

Peirao de Calvo Sotelo, no Porto da Coruña CC-BY-SA Praza Pública

En xullo do ano 2004 o alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, e o ministro de Fomento, Francisco Álvarez-Cascos, asinaron xunto co daquela conselleiro de Política Territorial da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, un convenio para o desenvolvemento urbanístico dos terreos do Porto da Coruña, ligado á construción do Porto exterior en Punta Lagosteira, e que serviría para financiar estas custosas obras. O convenio foi modificado en outubro dese mesmo ano 2004, xa co PSOE no Goberno central e Magdalena Álvarez como ministra. O actual goberno municipal vén sinalando nos últimos tres anos a falta de vixencia destes dous documentos, atendendo entre outros factores á irrealidade das súas expectativas económicas ou de demanda de vivenda e superficies comerciais, e defendendo o carácter público deses terreos. Tamén o pleno municipal aprobou varias mocións (co apoio de todos os grupos agás do PP) reclamando a revisión dos convenios e a posta en marcha dun proceso aberto para o deseño do futuro destes terreos.

O documento sinala numerosos "vicios procedimentais" no texto

Agora un informe que analiza xurídica e urbanisticamente o contido e desenvolvementos dos convenios vén de poñer en dúbida a vixencia e a validez dos mesmos. O documento, encargado polo Concello da Coruña á empresa Oficina de Planeamiento, sinala numerosos "vicios procedimentais" no texto e, entre outras eivas, destaca a ausencia dun estudo económico financeiro da actuación prevista e critica a renuncia do Concello en 2004 ao 10% do solo, que lle pertencería por lei.

O informe comeza cuestionando o "eficacia" do convenio pola "falta da apertura dun período de información pública nun dos diarios de maior circulación na provincia" e por non ter sido publicado no BOE, unha obriga de carácter "imperativo" pois o obxecto do Convenio "afecta a Portos de Interese Xeral e a elementos da Rede Ferroviaria Estatal". Igualmente, chámase a atención sobre o feito de que se "obviou a intervención do antigo Ministerio de Medio Ambiente, órgano que tiña as competencias sobre costas naquel momento sen que nin sequera conste que se solicitase informe previo á subscrición do mesmo".

Tamén pon en dúbida a súa "vixencia", pois o documento fixaba un prazo de catro anos para a modificación do PXOM a partir da sinatura do Convenio (4 de febreiro de 2004). O Plan Xeral de Ordenación Municipal non foi revisado ata o ano 2013. Así mesmo, o convenio establecía un prazo máximo de 5 anos a partir da modificación do PXOM para a “presentación” dos Plans Especiais de Reforma Interior. Ese período venceu este mesmo mes de xullo sen que eses Plans Especiais estean sequera sobre a mesa.

O documento critica tamén a "unilateralidade" que presentaba o convenio. O informe sinala que "permitir que a Administración do Estado poida decidir unilateralmente o momento oportuno para proceder á desafectación dos terreos (...) sería permitir unha actuación especulativa similar á que tratan de evitar institucións de arraigada tradición no noso Dereito Urbanístico como é o da caducidade das licenzas urbanísticas".

Denúnciase igualmente "a ausencia de estudo económico financeiro da actuación prevista co convenio"

Denúnciase igualmente "a ausencia de estudo económico financeiro da actuación prevista co convenio", o que constituiría "unha vulneración" da Lei de Ordenación Urbanística de Galicia, pois "a sinatura de calquera tipo de convenio demanda comezar pola preparación e estudo dese Plan Financeiro e dos custos globais de toda a actuación que no mesmo se contemple". Esa falta de análises tamén se sinala na criticada "renuncia" municipal ao 10% do aproveitamento urbanístico, que se realizou "ante as supostas custosas cargas de rehabilitación da zona", mais "sen un estudo económico financeiro cun mínimo rigor que o xustifique".

Afírmase finalmente a ilegalidade dos usos maioritariamente residenciais e comerciais deseñados no primeiro convenio, cando a lei obrigaba a que o espazo fose ocupado por solos dotacionais ou vivenda protexida. Sinálase igualmente que o segundo convenio, que si inclúe esas vivendas protexidas, fíxoo de maneira ilegal, amparándose nunha lei aínda non aprobada.

 

A alternativa

Afírmase finalmente a ilegalidade dos usos maioritariamente residenciais e comerciais deseñados no primeiro convenio

O informe traza tamén unha serie de "criterios" para a elaboración de alternativas de ordenación e usos para os terreos portuarios, sinalando a importancia de ter uns "enfoque metropolitano da ordenación do bordo litoral" tamén subliña a necesidade de protexer "a fachada histórica da cidade e o seu patrimonio público". Chama tamén a atención sobre a necesidade de "priorizar o espazo público sobre a súa privatización", recuperar "a cualidade medioambiental" e buscar "a permanencia do porto como un espazo de actividade".

Destaca así mesmo a conveniencia de "mellorar a mobilidade e a intermobilidade viaria, ciclista, ferroviaria, marítima e peonil na contorna da área metropolitana". E propón "elaborar unha ordenación costeira que supoña unha elevación do nivel de vida de toda a poboación (non só da que habita na contorna do litoral)" a través do "goce público da costa e a utilización racional dos seus recursos".

Terreos litorais que a Autoridade Portuaria pretende privatizar © Google Maps
Vista aérea do peirao da Coruña Dominio Público Praza Pública
Barco pesqueiro no Porto da Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.