0 Gardados para despois

Galicia, entre as rexións da UE que máis empeoraron a calidade do seu Goberno dende o 2010

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Nicolas Charron e Víctor Lapuente, investigadores da Universidade de Gotemburgo (Suecia) veñen de publicar o estudo Quality os Government in EU Regions: Spacial and Temporal Paterns, un traballo que analiza a calidade democrática das distintas rexións de Unión Europea a través das percepcións que a cidadanía ten do "grao de imparcialidade" das institucións, o nivel de corrupción ou a calidade dos servizos públicos. É a terceira vez que se leva a cabo esta pescuda (tralas edicións de 2010 e 2013), polo que o estudo pode valorar a evolución no tempo destes parámetros.

Galicia obtén valoracións baixas en todos os indicadores, cunha nota final de -0.431 puntos, que no conxunto do Estado a sitúan só por diante de Andalucía (-0.740), Canarias (-0.709) e Baleares (-0.544) e nun nivel semellante ao da Comunidade Valenciana (-0.446). A media española fica nun -0.328, aínda que Asturias, Cantabria, Navarra, Euskadi, A Rioxa, Aragón e Estremadura si se sitúan en valores positivos.

Galicia é a sétima rexión de toda a UE que máis empeorou os seus indicadores neste tempo, é dicir, no que a percepción que a cidadanía ten do seu Goberno empeorou máis

A peor puntuación galega prodúcese na percepción da corrupción (-0.747), pero tamén rexistra notas negativas na percepción da imparcialidade do Goberno (-0.309) e na percepción calidade dos servizos públicos (-0.194). O noso país en realidade mantén estables os seus datos dende o estudo do ano 2013 (cando era a peor das comunidades do Estado) pero o empeoramento doutros territorios fai que ascenda algunhas posicións. 

A investigación de Charron e Lapuente analiza tamén a evolución de cada territorio nestes últimos anos, dende o 2010, resultando que Galicia é a sétima rexión de toda a UE que máis empeorou os seus indicadores neste tempo, é dicir, no que a percepción que a cidadanía ten do seu Goberno empeorou máis. Tan só a Guiana (Francia), Val de Aosta (Italia), Abruzzo (Italia), Piamonte (Italia), Canarias (España) e Atenas (Grecia) presentan un descenso maior nas valoracións. Galicia é, ademais, a segunda rexión na que máis empeorou a percepción da corrupción (só detrás do Abruzzo italiano) e a cuarta na que máis empeorou a valoración da imparcialidade do Goberno (só detrás da Guiana francesa, a húngara Észak-Alföld e o Piamonte italiano).

Territorios que máis empeoraron a súa valoración entre 2010 e 2017

As enquisas realizáronse durante o mes de maio do pasado ano e en Galicia leváronse a cabo 411 entrevistas. Nas enquisas preguntábase pola existencia de corrupción en distintos ámbitos da sociedade; no capítulo de imparcialidade, valorábase a igualdade de trato na saúde, no ensino, no pagamento de impostos ou no cumprimento da lei; finalmente, preguntábase pola calidade dos servizos públicos.

"O bo goberno é o camiño para conseguir sociedades máis ricas, con maior calidade de vida e menos desiguais" sinala un dos autores do estudo

Alén das conclusións en clave política, un dos autores deste índice, Víctor Lapuente, indicaba hai catro anos nun artigo en Eldiario.es que a "percepción da calidade do goberno" debe "importar" tamén en no ámbito económico. "Algúns estudos -explica- amosan que, a longo prazo, a riqueza das rexións depende da calidade do goberno". Ademais, o propio índice EQI está "altamente correlacionado con todo tipo de bos resultados en termos socioeconómicos", do que cabe deducir que "o bo goberno é o camiño para conseguir sociedades máis ricas, con maior calidade de vida e menos desiguais".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.