O nobel Pérez Esquivel pide a intervención de Pedro Sánchez para salvar o Centro Gallego de Bos Aires

Pérez Esquivel, no centro, co embaixador de España en Arxentina, con camisa branca Dominio Público Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina

Fillo de galego, informa ao presidente do Goberno central da situación da institución e do risco de perda do seu patrimonio cultural

Adolfo Pérez Esquivel, Premio Nobel da Paz en 1980, vén de enviar unha carta ao presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, na que pide a súa “intervención” ante a situación que vive o Centro Gallego de Bos Aires, cuxa sede está a piques de ser vendida para afrontar as súas débedas. A misiva entregoulla en persoa Pérez Esquivel ao embaixador de España en Arxentina, Francisco Javier Sandomingo, e nela salienta as súas propias orixes galegas, lembrando que o seu pai naceu en Combarro e que foi un dos primeiros socios do Centro Gallego.

 

Carta de Pérez Esquivel a Pedro Sánchez pedíndolle a súa "intervención" no Centro Gallego de Bos Aires

"A súa intervención señor presidente é fundamental para recuperar os dereitos dos galegos e os seus descendentes ante as autoridades arxentinas”, dille Pérez Esquivel a Sánchez

“A súa intervención señor presidente é fundamental para recuperar os dereitos dos galegos e os seus descendentes ante as autoridades arxentinas”, dille o nobel a Pedro Sánchez na carta tras informalo da difícil situación económica pola que pasa o centro e do deterioro da atención sanitaria dos galegos e os seus descendentes que iso está a implicar.

Pérez Esquivel tamén pide poder acceder ao centro “para observar o estado do patrimonio cultural galego, que cremos foi severamente afectado, o que implicaría a perda dun importante acervo cultural da maior comunidade galega no mundo”. A carta de Pérez Esquivel foi divulgada este sábado pola Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.