0 Gardados para despois

A oposición lembra a Feijóo que “a cidade máis paralizada é Ourense”, a única que goberna o PP

Redacción | @prazapublica

O pasado xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou como un sacrificio seu por Galicia a crise de Goberno á que se terá que enfrontar en breve para substituír os conselleiros que deixarán o executivo galego para ser candidatos nas próximas eleccións municipais de maio, en principio os titulares de Medio Ambiente, Beatriz Mato, na Coruña, e de Política Social, José Manuel Rey Varela, en Ferrol. Está disposto a facelo, dixo, para que o PP asuma o goberno de cidades controladas hoxe pola esquerda nas que ao seu ver “o goberno é inexistente ou moi ineficiente”. Este luns os partidos da oposición coincidiron en responderlle que é precisamente Ourense, a única cidade que goberna o PP, “a máis paralizada”.

En Marea, PSdeG e BNG lembran que Jesús Vázquez é o único dos sete alcaldes que non foi quen de aprobar un novo orzamento en catro anos e reclaman que os conselleiros que van ser candidatos deixen xa de empregar a Xunta para a súa promoción electoral

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, salientou este luns que “a única cidade que preside o PP, a de Ourense, leva 4 anos sen poder aprobar un proxecto de orzamentos, un balance que sitúa á dereita fronte ao risco certo de non gobernar en ningunha das sete grandes cidades nas próximas eleccións municipais”.

Similar reflexión realizou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que salientou que Ourense, gobernada en minoría polo ex-conselleiro de Educación de Feijóo Jesús Vázquez, é “a cidade máis paralizada” xa que leva todo o mandato sen aprobar orzamentos”. Para a nacionalista, a remodelación de Goberno na Xunta que se aproxima para dar saída aos conselleiros que van ser candidatos municipais non permitirá arranxar a “parálise” que ao seu ver se está a vivir a nivel autonómico, polo que reclamou a Feijóo que convoque xa eleccións e non agarde os dous anos que aínda lle restan de mandato.

Rey Varela e Mato nunha visita como conselleiros á illa de Sálvora [Xunta de Galicia]

Conselleiros e candidatos ao tempo

Desde En Marea o seu portavoz, Luís Villares, puxo o foco no feito de que os conselleiros que serán candidatos estean a aproveitarse dos seus cargos institucionais na Xunta para promoverse electoralmente, en particular no caso de Rey Varela, que este mesmo sábado fixo oficial a súa intención de concorrer ás municipais malia que aínda é conselleiro. Villares reclamou a Feijóo que “cese inmediatamente” aos conselleiros que concorran ás municipais e deixe de poñer a Xunta “ao servizo do partido”. Similar crítica lanzou tamén desde o BNG Pontón, para quen a Feijóo “non lle importa” usar o Consello da Xunta como unha “incubadora de candidatos”.

No que vai de ano 2018, Rey Varela e Mato multiplicaron os seus actos como conselleiros en Ferrol e A Coruña. O primeiro celebrou na súa cidade 38 actos mentres que a segunda tivo máis presenza na súa urbe que en Santiago.

Pedro Puy di que o “previsible” é que Feijóo remodele o seu Goberno de xeito “máis ou menos rápido” pero resta importancia ás críticas

Desde o PP, o seu portavoz parlamentario, Pedro Puy, dixo este luns que o “previsible” é que Feijóo remodele o seu Goberno de xeito “máis ou menos rápido” pero restou importancia ás críticas da oposición atribuíndoas a que non son quen de presentar unha xestión mellor que a dos conselleiros para confrontar con eles.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.