O resultado das eleccións no Centro Gallego de Bos Aires dá vía libre á venda "urxente" da súa sede

Socios do CGBA, votando na sede da institución © A Terra

A agrupación A Terra foi a vencedora nas eleccións celebradas este pasado luns no Centro Gallego de Bos Aires. Os comicios, claves para o futuro da institución, deron a vitoria á candidatura que defende a venda "urxente" do edificio do hospital como "única salvación" para que a entidade poida cancelar a súa elevada débeda --uns 50 millóns de euros--, garantir a asistencia sanitaria dos 4.000 socios que aínda quedan e salvagardar o seu importante patrimonio histórico e cultural. 

A agrupación A Terra obtivo o 67% dos votos fronte ao 31,5% da candidatura que agrupaba outras cinco asociacións

A Terra, que se presentaba en solitario e liderada polo xornalista Ramón Suárez, obtivo case o 67% dos votos (754) fronte aos 31,5% (355) da candidatura na que se agruparon as asociacións Celta, Breogán, Unión Gallega, Salud y Cultura e Galicia. Houbo 18 sufraxios en branco ou nulos nunha xornada na que participaron 1.127 asociados, o 31,4% dun censo total de 3.591. 

Ao superar o 50% dos votos do total de participantes, condición que el mesmo se puxera, e sendo o único candidato á presidencia, Ramón Suárez converterase en novo presidente do Centro Gallego. A súa proposta principal, tal e como aclarara nunha entrevista en Praza.gal, é a que a asemblea de representantes aprobara xa en decembro, "pero coa esixencia de que as cousas se fagan xa". "Non pode ser que despois de tantos meses non teñamos chegado a nada. Queremos pechar axiña e de vez a negociación para a venda do edificio do hospital", asegura respecto dunha inminente negociación co grupo Ribera Salud, que en colaboración coa Fundación Favaloro prevé facerse co emblemático edificio por algo máis de 50 millóns de euros. 

A candidatura vencedora e o que será novo presidente apostan por "pechar axiña e de vez" a venda do edificio para cancelar as débedas

Terá que ser, precisamente, a asemblea de representantes quen dea o visto e prace á operación. Polo menos dous terzos dos 90 membros que forman parte deste órgano deberán aceptar unha futura venda que, segundo a que será nova directiva do CGBA, servirá para cancelar as débedas actuais e futuras e deberá implicar que se asegure a atención sanitaria dos socios "a perpetuidade" e o mantemento de boa parte do persoal. O Centro Gallego seguirá a existir como entidade mutual, responsable do mantemento e xestión de todo o patrimonio cultural e histórico da institución, incluído o gran panteón que a entidade posúe no cemitorio da Chacarita. 

Con todo, e ante a posibilidade apuntada por algunha agrupación de que se presentará unha oferta para a xestión do CGBA que non inclúe a venda, a nova directiva xa advirte de que estudará calquera posibilidade sempre que "se salden as débedas e se garanta a atencón da saúde dos socios". 

"Protagonizamos unha xornada con moita esperanza para a institución", di Suárez

O CGBA é moito máis que os seus 34.000 metros cadrados, as seis plantas e os dous sotos do edificio. Como testemuña do que supuxo, garda nel medio cento de esculturas e estatuas, máis dun cento de pinturas de Castelao, Seoane, Colmeiro ou Maside, unha biblioteca de 20.000 volumes centrados en Galicia, un teatro histórico de case 400 butacas, un enorme arquivo fotográfico ou unha fonoteca con discursos de Otero Pedrayo, Cunqueiro ou Blanco Amor.

"Protagonizamos unha xornada con moita esperanza para a institución", declarou Ramón Suárez durante as votacións, que se desenvolveron con total normalidade na sede do Centro. 

Ramón Suárez vota no Centro Gallego © A Terra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.