Dimite a ministra Carmen Montón polas irregularidades no seu máster

Carmen Montón, ex-ministra de Sanidade © El Diario

Carmen Montón dimite. A ministra de Sanidade, Consumo e Benestar Social anunciou no serán deste martes a súa renuncia polas irregularidades do seu máster en estudos de xénero da Universidade Rei Juan Carlos, reveladas por eldiario.es. A política valenciana marcha despois de resistirse e tratar de defenderse asegurando que non todos os casos son "iguais", nunha referencia a Cristina Cifuentes e Pablo Casado. Moncloa xa anunciou que a súa substituta será María Luisa Carcedo, ata o de agora Comisionada para a loita contra a pobreza infantil.

A renuncia prodúcese a mesma tarde na que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, saíu en defensa de Montón asegurando que "está a facer un gran traballo e vaino a seguir facendo"

A renuncia produciuse a mesma tarde na que o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, saíu en defensa de Montón asegurando que "está a facer un gran traballo e vaino a seguir facendo". O cambio de estratexia en Moncloa prodúcese despois de transcender que a ministra copiou parte do seu traballo de fin de máster (TFM) da Wikipedia e de artigos atopados en internet. O contido do seu TFM, avanzado pola Sexta, e ao que tivo acceso eldiario.es, revela o motivo polo que Montón se negou en todo momento a distribuír ese documento, a pesar das peticións dos xornalistas.

Nas horas previas ao desenlace, Montón tentou descargar a responsabilidade das irregularidades do seu máster na universidade. Pero as explicacións da ministra non foron do todo convincentes para unha parte relevante do Goberno e do PSOE. A pesar de que Moncloa asegurou inicialmente que as súas explicacións foron "claras, amplas e transparentes", no círculo de Pedro Sánchez vían a situación insostible. A revelación de que as súas notas foron manipuladas despois de que rematase o máster aumentaron a súa debilidade.

A ministra socialista optou por presentar a súa dimisión un día despois de que eldiario.es publicase a información sobre as irregularidades do seu máster e tras asegurar que contaba co apoio do presidente.

O cambio de estratexia en Moncloa prodúcese despois de coñecerse que a ministra copiou parte do seu traballo de fin de máster (TFM) da Wikipedia e de artigos atopados en internet

Montón superou cunha nota media de 8,43 un Máster en Estudos Interdisciplinares de Xénero na universidade pública Rei Juan Carlos no curso 2010/2011, a pesar de que o comezou cando a metade das materias xa finalizaran. Entón era deputada e portavoz de Igualdade do PSOE. Nas súas explicacións públicas ante os medios, a política valenciana asegurou que cursara os estudos a distancia, a pesar de que ese máster era exclusivamente presencial. Ademais, as súas notas foron manipuladas despois de que o máster concluíse.

Trátase da segunda dimisión no Goberno de Pedro Sánchez en tres meses de xestión. O pasado 13 de xuño Màxim Huerta dimitiu como ministro pola polémica da súa fraude con Facenda, poucos días despois de tomar posesión do seu cargo.

Rolda de prensa na que Montón anuncia a súa dimisión © La Sexta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.