Unha galega logra que a xustiza europea protexa do traballo nocturno ás embarazadas ou nais recentes con riscos

Sede do Tribunal de Xustiza da UE Dominio Público Tribunal de Xustiza da UE

As traballadoras que estean embarazadas ou ben se atopen en período de postparto ou lactancia teñen dereito a unha protección específica contra os riscos que pode implicar o traballo nocturno. O Tribunal de Xustiza da Unión Europea, nunha sentenza publicada este mércores derivada dunha denuncia dunha traballadora lucense, constata que estas empregadas que desempeñan todo ou parte do seu traballo, ben sexa de forma constante ou a quendas, en horario de noite non poden estar obrigadas a realizalo se certifican que pode poñer en risco a súa saúde ou seguridade. A carga da proba, ademais, invístese nestes casos, é dicir, ante a sospeita ou denuncia da traballadora de que o seu posto non foi valorado adecuadamente será a empresa ou a mutua a responsable de acreditar o contrario.

O Tribunal da UE considera que a muller sufriu “discriminación” por razón de sexo despois de que a mutua da súa empresa non avaliase a súa situación persoal

En novembro de 2014, unha vixiante de seguridade da empresa Prosegur deu a luz un bebé ao que deu lactación materna. En marzo de 2015 incorporouse ao seu traballo e comezou a facer quendas rotatorias como vixiante nun centro comercial de Lugo. Parte desas quendas coincidían con horario nocturno. A traballadora tentou suspender o seu contrato e acceder á prestación por risco durante a lactación, para o que solicitou un informe á súa mutua, Umivale. Esta empresa denegoulle o certificado e o caso acabou no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

O Tribunal expuxo á xustiza europea varias dúbidas sobre como aplicar neste caso as directivas que teñen que ver coa protección de saúde e seguridade no traballo das embarazadas e a de igualdade de trato. O Tribunal da UE pronúnciase agora para constatar a protección reforzada que teñen as mulleres embarazadas ou que foron nais recentemente. O seu pronunciamento non resolve o caso: agora será o tribunal nacional no que, con esta doutrina, dirima o asunto.

A sentenza sinala que a directiva europea que se refire á protección da saúde das traballadores embarazadas protexe, en canto ao traballo nocturno refírese, tanto ás que fan horario completo nesa franxa como ás que teñen "traballo a quendas" no que só unha parte das súas funcións se exerce nesas horas. As traballadoras deberán presentar un informe médico que acredite que ese traballo pode afectar á súa saúde ou seguridade para beneficiarse da protección, é dicir, para que non sexan obrigadas a traballar a quendas.

O tribunal invirte a carga da proba e ante a presunción de que poida existir discriminación por razón de sexo, será a empresa ou mutua a encargada de acreditar que si existiu unha avaliación individualizada e correcta

O Tribunal lembra tamén que en casos nos que haxa indicios de que a empresa ou mutua non realizou correctamente a avaliación de riscos laborais do posto de traballo dunha muller embarazada ou nai recente, a carga da proba invértese. Ante a presunción de que poida existir discriminación por razón de sexo, será a empresa ou mutua a encargada de acreditar que si existiu unha avaliación individualizada e correcta.

"Esta avaliación debe incluír un exame específico que teña en conta a situación individual da traballadora de que se trata para determinar se a súa saúde ou a súa seguridade ou a do seu fillo están expostas a un risco. No caso de que non se levase a cabo dito exame, existirá un trato menos favorable a unha muller en relación co embarazo ou o permiso por maternidade, o que constituirá unha discriminación directa por razón de sexo", subliñan.

No caso que ocupa á sentenza, o Tribunal Europeo cre que a avaliación de riscos do posto da vixiante de seguridade "non comportou un exame específico" que tivese en conta a súa situación individual e, por tanto, a interesada "sufriu discriminación".

Unha nai dalle o peito ao seu bebé CC-BY-NC-SA Anton Nossik

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.