O BNG pide á Xunta que aclare un encontro de Feijóo con Florentino Pérez

O empresario Florentino Pérez, nunha imaxe de arquivo Dominio Público Concello de Madrid

O pasado 23 de agosto o presidente da Xunta compartiu xantar en Cedeira co presidente da construtora ACS e do Real Madrid, Florentino Pérez, co ex-presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, e mais co director do diario ABC, Bieito Rubido, orixinario da vila. Como informou El Confidencial, o encontro celebrouse nunha marisquería da localidade, onde xa se reuniran noutras ocasións. 

Neses días o presidente do Goberno galego non tivo axenda institucional pública e por iso o BNG pide que a Xunta aclare se o encontro foi estritamente privado ou, pola contra, foi abordado nel algún asunto vinculado á Xunta. Nunha pregunta parlamentaria rexistrada hai poucos días a formación soberanista lembra que a vixente lei de transparencia inclúe entre os seus preceptos a necesidade de "evitar" que os cargos do Executivo poidan "usar a influencia dos seus intereses persoais no exercicio das súas funcións" por "lles supoñer un beneficio ou un prexuízo". Entre eses "intereses persoais", salientan, está a "amizade íntima".

Neste escenario e á luz dos "numerosos casos de corrupción que salpicaron a vida política e económica nos últimos anos" o Bloque cre necesario introducir "cautelas" adicionais. "A corrupción non está só en B, tamén hai corrupción en A cando se lexisla á medida das grandes empresas ou cando se lles subministra información privilexiada" ou "se somete o sector público a unha privatización que só se xustifica polos intereses de certas empresas". Por todo isto "consideramos o encontro que mantivo o presidente da Xunta co empresario madrileño Florentino Pérez, acompañados polo director do ABC e do ex-presidente do Goberno do Estado" ten "importante dimensión política", agregan.

O Bloque coida que os "notorios intereses económicos e concesións públicas que ten este empresario" fan que o encontro adquira unha "importante dimensión política"

Dado que coidan que "este encontro pode incorrer en caso de conflito de intereses" por ser "notorios os intereses económicos que este empresario ten e as numerosas concesións públicas que obtén", o BNG pide que a Xunta confirme se a xuntanza "se publicou na axenda institucional da Presidencia", "cal foi o custo deste xantar e quen pagou" e, alén disto, se na xuntanza se "abordaron asuntos que teñan que ver con actuacións que vaia impulsar a Xunta".

Adicionalmente, a formación reclama coñecer "que tipo de relación ou vínculo" ten Feijóo co empresario e se "pode incorrer nun conflito de intereses", así como detallar "cantas adxudicacións realizou a Xunta" ás empresas de Pérez e por que importe. Piden, por último que a Xunta valore se "considera que está cumprindo axeitadamente a lei de transparencia". A pregunta, asinada polos seis membros do grupo parlamentario do BNG, foi rexistrada para a súa resposta escrita e mais oral en comisión.

 

O empresario Florentino Pérez, nunha imaxe de arquivo Dominio Público Concello de Madrid

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.