Ponteareas: Cambio de alcalde, saneamento ou intervención?

Concello de Ponteareas © Praza Pública

O tempo esgótase para o Concello de Ponteareas. A súa crítica situación económica, motivada por unhas débedas inasumibles, de entre 13 millóns de euros (segundo a versión da alcaldía) e 18 millóns (segundo o BNG), fai imprescindible un plan de saneamento económico que evite que a administración municipal sexa intervida polo Estado. O Goberno central xa rexeitou un primeiro plano de axuste presentado polo Concello, por consideralo "insuficiente" e agora o Goberno municipal presidido por Salvador González Solla está obrigado a presentar un novo documento que quere aprobar por consenso. Este venres os grupos da oposición recibirán ese documento base.

O voceiro municipal do Bloque, Xosé Represas, foi tallante: "A dimisión ou a intervención"

O BNG xa anunciou que non o apoiará até que González Solla abandone a alcaldía, pois os nacionalistas ven na súa xestión a orixe do gravísimo desequilibrio orzamentario. O voceiro municipal do Bloque, Xosé Represas, foi tallante: "A dimisión ou a intervención". Represas considera que "os mesmos que durante trinta anos afundiron o Concello e o levaron á bancarrota non están en condicións de resolver a situación".

Para Chuco Abalde (CxG) os grupos da oposición teñen a obriga de traballar para chegar a un acordo co goberno, e no caso de non ser posible ese entendemento, "propoñer unha alternativa, aproveitando a minoría na que se atopa o PP"

Pola súa banda, Chuco Abalde, secretario local de Compromiso por Galicia en Ponteareas pediu "responsabilidade política e sentido común os membros da corporación, para que traballen para chegar a un acordo polo ben do municipio e dos seus cidadáns". Abalde manifesta a súa "preocupación" pola grave situación económica na que se atopa o concello de Ponteareas e polas "declaracións de hoxe dalgún grupo da oposición". Abalde entende que os grupos da oposición teñen a obriga de traballar para chegar a un acordo co goberno, e no caso de non ser posible ese entendemento, "propoñer unha alternativa, aproveitando a minoría na que se atopa o PP". O Secretario local de CXG, ademais, ofrécese para mediar entre as partes, "dado que parece que o simple feito de reunirse e falar entre eles é unha tarefa imposible".

Concello de Ponteareas © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.