Anuladas as probas contra Louzán no caso do suborno con alugueiros porque a Fiscalía "vulnerou os seus dereitos"

Louzán, nun acto de partido nunha imaxe de arquivo Dominio Público PPdeG

Boas novas dende os tribunais para o ex-presidente da Deputación de Pontevedra e do PP nesa provincia, actual máximo responsable da Federación Galega de Fútbol. A finais de 2016 o xulgado de instrución número 2 de Cambados enviara a Louzán cara ao banco dos acusados para responder como presunto autor dun delito continuado de suborno impropio. Xuíz e fiscal do caso daban por certo que o antigo dirixente popular recibira 90.000 euros por riba do prezo de mercado no alugueiro duns locais que lle alugara á empresa dun ex-concelleiro de Pazos de Borbén, tamén do PP. Tratárase, afirmaban, dun "agasallo en consideración ao seu cargo".

Xuíz e fiscal do caso deran por certo que o ex-presidente da Deputación de Pontevedra recibira 90.000 euros por riba do prezo de mercado en alugueiros duns locais como "agasallo en consideración ao seu cargo"

Louzán declarárase vítima dun "xuízo político" nun proceso que estaba apoiado, en boa medida, nas acusacións do fiscal Augusto Santaló. Así, cando o proceso chegou á Audiencia de Pontevedra Louzán e a sú esposa, tamén acusada, recorreron ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para frealo. E esta instancia superior vén de lles dar a razón. O alto tribunal galego considera que neste procedemento foron vulnerados dereitos fundamentais do antigo titular da Deputación pontevedresa e anula todas as probas obtidas pola Fiscalía. Ou, o que é o mesmo, as probas claves da acusación, como informes de Facenda e da Policía.

Nun auto ditado este 25 de setembro -contra o que non cabe recurso- o TSXG subliña que todo este proceso ten a súa orixe nunha denuncia anónima contra Louzán remitida á Fiscalía Anticorrupción en Madrid. Era, afirma, "unha denuncia absolutamente xenérica, con mínima base argumental" que se refería a feitos moi "amplos", como "intervencións" de Louzán en "multitude de empresas e sectores" ou na "creación de imperios económicos". Esta denuncia, sostén o Tribunal,  "deu lugar á apertura dun proceso de investigación (...) que derivou nunha investigación prospectiva" por parte da Fiscalía dirixida ao patrimonio de Rafael Louzán "e da súa contorna".

O TSXG coida que Louzán foi obxecto dunha investigación "xeral" que vulnerou o seu dereito á intimidade, polo que no xuízo non poderán ser admitidas as probas que teñan a súa orixe" nas pescudas da Fiscalía, como informes de Facenda e da policía

Froito desa investigación "prospectiva, apoiada nun anónimo", a Fiscalía chegou ao asunto dos alugueiros, que "en ningún modo aparece recollido na denuncia anónima". Por iso ao Tribunal non lle "cabe dúbida ningunha" de que se "produciu unha vulneración do dereito á intimidade" de Louzán ou, o que é o mesmo, unha "inxerencia nun dereito fundamental" que "non pode estar xustificada en investigacións prospectivas" apoiadas na "necesidade xenérica de previr ou descubrir delitos", sinala baseándose na xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. 

Todo isto produciuse, subliña o mesmo auto, "de costas aos sospeitosos investigados" mentres se acumulaban probas "resultado de multitude de dilixencias". "Vulnerouse o seu dereito á defensa e tal vulneración non fica sandada pola circunstancia de que fosen traídos a declarar con asistencia letrada". Deste xeito, Louzán irá a xuízo pero nel non poderán ser admitidas "todas aquelas [probas] que teñan a súa orixe nas dilixencias de investigación levadas a cabo polo Ministerio Fiscal e as que destas se deriven", entre elas informes da Axencia Tributaria sobre o patrimonio de Louzán e outras pescudas policiais. O Tribunal non atendeu, pola contra, os recursos do ex-edil que alugou os locais.

Feijóo utiliza a anulación de probas para restar valor á condena á Xunta por vulnerar a folga feminista do 8M

O auto do TSXG foi utilizado este mércores polo presidente da Xunta para atacar a oposición. Despois de que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lle reprochase a recente condena á Xunta por vulnerar o dereito a secundar a folga feminista do 8M, Alberto Núñez Feijóo considerou que "podemos falar de varias sentenzas do TSXG", unha que ve "mal dimensionados servizos mínimos", interpreta, e "outra sobre un compañeiro do PP que vostedes calumniaron e inxuriaron e polo que parece, o TSXG non ve ningún indicio", agregou, se ben o Tribunal se centra no xeito de obter as probas e na ausencia de indicios, alén de "sospeitas", antes de seren obtidas. "Estamos nun Estado de dereito que se chama nación española", concluíu Feijóo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.