A Xunta oculta os concellos que quedaron fóra das axudas que outorgou en 12 minutos

Petición de transparencia e resposta obtida da Consellería de Medio Ambiente, con Beatriz Mato á fronte e Encarnación Rivas como directora de Urbanismo CC-BY-SA Praza Pública

O PP rexeita no Parlamento a petición de En Marea de que se reabra o proceso mentres o PSdeG quere que o Consello de Contas fiscalice como se outorgaron as subvencións

O sábado 4 de maio, entre a medianoite e as 0:12 horas, en só 12 minutos, a Xunta outorgou 4,3 millóns de euros en axudas a concellos para obras de mellora de infraestruturas e equipamentos. A oposición sospeitaba que os tempos cos que se xestionaron as subvencións suporían que estas irían a parar só a concellos do PP previamente avisados da convocatoria. Finalmente, os concellos agraciados foron 15 gobernados polo PP e 4 por outras formacións. Pero agora a Conselleíra de Medio Ambiente e Territorio, en resposta a unha petición formulada por Praza.gal que volve evidenciar as ambigüidades, eivas e escurantismos dos procedementos de transparencia do Goberno galego, rexeita indicar que outros concellos solicitaron as axudas e non as obtiveron e os motivos de denegación. Mentres, este xoves o PP rexeitou no Parlamento a petición de En Marea de reabrir o proceso.

Aquela convocatoria de axudas a Concellos foi realizada cunha publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) do venres 4 de maio que anunciaba a apertura do prazo de presentación esa medianoite seguinte, isto é, na madrugada do sábado. A Xunta indicaba que “as solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outras solicitudes, ata o esgotamento do crédito dispoñible”.

As peticións debían cumprir con outros requisitos que debían ser comprobados pola Xunta ademais de rapidez e nocturnidade, como o deber de contar cun proxecto de obras e acreditar a súa viabilidade

Segundo indicaría días despois a propia Xunta tamén no DOG, as axudas esgotáronse en só 12 minutos e 18 segundos. A oposición sospeitaba que, a esas horas da madrugada dun sábado, fóra do horario laboral nos concellos, irían a parar só a municipios do PP previamente alertados, o que non foi así, xa que dos 19 que as obtiveron 4 están gobernados por outras formacións. Pero para saber se houbo algún trato de favor a concellos afíns habería que saber que municipios tentaron pedilas e non as obtiveron por outros motivos máis alá de que a súa petición chegase cando xa estaban esgotados todos os cartos. Porque as peticións debían cumprir con outros requisitos ademais de rapidez e nocturnidade, como o deber de contar cun proxecto de obras e acreditar a súa viabilidade. Isto é, a Xunta debía comprobar outros elementos ademais da mera orde de entrada das solicitudes.

Para tentar deitar algo máis de luz sobre como se entregaron esas axudas, este diario formulou unha petición de transparencia na que solicitou á Consellería de Medio Ambiente e Territorio “o detalle dos concellos que presentaron solicitude ás axudas” así como a “indicación dos motivos de denegación aos que non as obtiveron”.

 

Petición de transparencia formulada por Praza.gal CC-BY-SA Praza Pública

A resposta, asinada pola directora xeral de Ordenación do Terrritorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, non responde a ningunha desas dúas preguntas. Limítase a indicar en que Diario Oficial de Galicia se publicaron “as axudas outorgadas” e a lembrar en que outro se constatou o esgotamento de crédito.

Resposta da directora de Urbanismo CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta non xustifica de xeito expreso que non poida facilitar datos por algún dos impedimentos contemplados na lei de transparencia

Ao contrario que noutras ocasións, a Xunta non indica que non poida facilitar máis información por algún impedimento legal, sexa de protección de datos -difícilmente xustificable ao falar de administracións públicas- ou calquera outro dos contemplados na lei de transparencia, que esixe que a denegación de datos a unha petición sexa xustificada de xeito expreso. Polo contrario, neste caso limítase a responder a algo distinto do que se pregunta, o que si é habitual no proceder da Xunta noutras respostas a peticións de transparencia.

A resposta da Xunta non indica nin sequera que non houbese outras peticións máis alá das 19 outorgadas, nin que non se presentase ningunha outra petición rexeitada por non cumprir outros requisitos durante os 12 minutos que tardou en chegar a petición 19 que esgotou os cartos dispoñibles. Se non houbese máis peticións que as deses 19 concellos antes de esgotarse o crédito, a Xunta podería indicalo na súa resposta, pero non o fai. De feito, o listado de concellos beneficiarios feito público no seu momento pola Xunta reflectía tamén o número de rexistro de entrada das peticións finalmente outorgadas, que van do 1.213.962 do Concello de Ordes, o primeiro, ao 1.213.990 do Concello de Ponte Caldelas, o último. Dos 29 números de rexistro existentes dun a outro, só 19 se corresponden cos concellos finalmente beneficiarios das axudas.

O límite das axudas fixouse no esgotamento da súa contía, pero tras a última subvención outorgada aínda sobraron 121.000 euros

Por outra banda, a suma das 19 axudas outorgadas ascende a 4.260.246,88 euros, pero a Xunta tiña consignados para ese fin 4.381.543 euros. Isto é, tras outorgar a axuda número 19 aínda sobraron 121.297 euros nunhas subvencións cuxo límite se fixaba no esgotamento da contía total. Pode ser que a petición número 20 recibida pola Xunta superase esa contía de 121.297 restantes tras outorgar a axuda número 19. Pero oito das axudas outorgadas previamente estaban por baixo desa cantidade.

Malia todas estas cuestións sen aclarar, este xoves o PP rexeitou no Parlamento a petición formulada por En Marea, secundada polo resto da oposición, de que se reabrise o procedemento de concesión das axudas incluíndo nel outros criterios distintos da orde de entrada das solicitudes. Ao tempo, o PSdeG quere que o Consello de Contas fiscalice o xeito en que se outorgaron as axudas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.