A CRTVG presume de independencia informativa nun venres negro que reivindica o 'Diario Cultural'

Izquierdo, durante unha comparecencia no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

"Feijóo non me ten nunca dito nada e nunca llo aceptaría". Así se expresou o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, ante as preguntas e denuncias de "manipulación" que os grupos da oposición realizaron na Comisión de Control da Corporación dos medios públicos no Parlamento. Tanto En Marea como PSdeG e BNG insistiron en denunciar o control informativo que ao seu xuízo exerce o PP e o Goberno da Xunta sobre a TVG e a Radio Galega e lembraron, coincidindo coa celebración do 19º venres negro, as mobilizacións que desde hai meses mantén o cadro de persoal en protesta polo incumprimento da Lei de Medios e pola devandita "manipulación". 

"Feijóo non me ten nunca dito nada e nunca llo aceptaría", di Sánchez Izquierdo ante as acusacións de control informativo

Sánchez Izquierdo volveu negar que Feijóo exercese ningún tipo de presión sobre a dirección da CRTVG e tirou de datos de audiencia para defenderse das duras críticas da oposición. Ademais, aludiu á repartición do target, asegurando que é "dun 45% para o PP, un 26% para o PSOE, un 23% para o BNG e 16,9% para as mareas" fronte ao "60%" do PNV na ETB. Así, defendeu a independencia dos medios públicos galegos como fixera o presidente da Xunta esta mesma semana, contrapoñendo o modelo en Galicia ao da TVE

"Fenómenos semellantes aos venres negros están acontecendo noutras canles autonómicas, por algo será", di o director xeral da CRTVG

Ademais, e respecto das mobilizacións dos venres negros, Sánchez Izquierdo asegurou que "fenómenos semellantes están a acontecer noutras cinco canles autonómicas". "Por algo será, pero non farei consideracións", dixo. Tampouco foi máis aló cando todos os grupos da oposición denunciaron e preguntaron pola situación do expediente con ameaza de despedimento aberto á ex-presentadora do Telexornal Serán Tati Moyano --que dimitiu do seu cargo en protesta polo control informativo xunto a Alfonso Hermida--, tal e como adiantara Praza.gal. 

A dirección de TVG abriu un expediente sancionador por falta moi grave á xornalista por supostamente ter utilizado medios da televisión pública para a presentación dun acto benéfico: a Gala contra o Cancro do pasado 22 de xuño en Santiago. Nela, onde estaba presente Feijóo, lembrou os venres negro e defendeu os medios públicos. Máis de 550 traballadores da CRTVG pediron a retirada do apercibimento ao consideralo "unha represalia" froito dunha "persecución irraacional" contra quen non comulga coa liña informativa da canle. 

Sánchez Izquierdo eludiu pronunciarse sobre casos "persoais", amosou a súa confianza no departamento de Recursos Humanos e indicou que o devandito expediente "aínda non está resolto". "Eu non falo en público de circunstancias persoais de traballadores da CRTVG. Fixen unha excepción e acabei sentado nos tribunais", engadiu quen avogou por "estar á marxe do ruído mediático". Ademais, asegurou que xa se abriron seis expedientes na Corporación "a algún máis grave" e engadiu que "se alguén fixo utilización da imaxe de alguén non foi a CRTVG"-

Persoal da CRTVG reivindica o 'Diario Cultural' de Ana Romaní no 19º venres negro / © DefendeAGalega 

"A CRTVG está secuestrada"

Antes, Ánxeles Cuña, deputada de En Marea, denunciou que a CRTVG "está secuestrada" e que "non admite que ninguén desafíe". "A persecución que está a sufrir Beatriz Moyano é infame", dixo. Do mesmo xeito, a parlamentaria socialista Noela Blanco vinculou o expediente aberto á xornalista co feito de que denunciase a "manipulación" informativa na gala benéfica na que "estaba sentado en primeira fila" o presidente da Xunta. Ademais, instou o director xeral a "deixar de incendiar" a Corporación e a "que paren dunha vez por todas os permanentes ataques ao persoal e que peche este expediente da vergoña, que o único que fai é desprestixiar a radio e televisión pública". 

Noela Blanco (PSdeG) pediu a Sánchez Izquierdo que "deixe de incendiar" a CRTVG e "que paren os ataques ao persoal"

Desde o BNG, a deputada Olalla Rodil denunciou que a compañía abrise "un expediente con ameaza de despedimento" a Moyano por "maquillarse para asistir" a unha gala benéfica e preguntoulle a Sánchez Izquierdo se a sanción estaba"relacionado coa participación pública" da traballadora na campaña dos venres negros ou coa súa dimisión por desacordos coa liña informativa. 

Non houbo resposta a ningunha das cuestións por parte de Sánchez Izquierdo, que si respondeu ás acusacións da oposición da retirada do programa Diario Cultural da grella da Radio Galega, tan só uns días antes de que a súa directora, Ana Romaní, recibise o Premio Nacional de Xornalismo Cultural pola súa traxectoria. O director xeral asegurou que os medios públicos farán "un seguimento integral" da cultura galega e destacou a ampliación do programa Zigzag

O persoal mobilizado da CRTVG volveu vestir de negro por 19ª semana consecutiva e reivindicou o 'Diario Cultural'

Precisamente, o persoal mobilizado da CRTVG volveu este venres vestir de negro denunciando a "manipulación" que sofren na CRTVG e demandando o cumprimento da Lei de Medios Públicos e a creación do Consello de Informativos, pero tamén reivindicando Diario Cultural baixo o cancelo #EuQueroDiarioCultural nas redes sociais, con fotografías da súa presentadora Ana Romaní e con pancartas en alusión ao programa eliminado da grella da radio pública. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.