O BOE fai público o patrimonio persoal de 1.500 cargos políticos nomeados desde 2014

Rajoy dá os parabéns a Sánchez tras o triunfo da moción de censura Dominio Público PSOE

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este sábado as declaracións de bens de todos os altos cargos do Goberno desde 2014. Unhas 1.500 declaracións correspondentes aos executivos de Mariano Rajoy e Pedro Sánchez que recollen a suma do seu patrimonio e o importe das súas débedas.

No documento publicado, de 715 páxinas de extensión, reflíctese a suma dos bens deses altos cargos, o diñeiro que teñen depositado en contas correntes, ou as súas accións en empresas e fondos de investimento. Ademais, o documento tamén reflicte o importe dos seus seguros de vida --no caso de que teñan-- e os demais bens e dereitos de contido económico. Por último, a táboa de cada alto cargo recolle o seu pasivo, o conxunto das súas débedas.

O patrimonio de Mariano Rajoy durante os seus anos como presidente do Goberno incrementouse en 334.940 euros

Por exemplo, o documento reflicte que o patrimonio de Mariano Rajoy durante os seus anos como presidente do Goberno incrementouse en 334.940 euros. O valor do que declara o exlíder do PP é agora de 1.606.171,12  euros, fronte aos que rexistrou cando asumiu o poder en 2011. Ese ano, Rajoy declarou un total de 1.261.230,67 euros. O espazo do pasivo, o conxunto das súas débedas, aparece en branco.

No caso do actual xefe do Executivo, Pedro Sánchez, posúe un patrimonio de 180.794 euros en bens inmobles e un pasivo (créditos, préstamos e débedas) por importe de 192.026 euros. En 2014, cando foi elixido por primeira vez secretario xeral do PSOE, a Sánchez quedábanlle por pagar 127.220 da súa hipoteca .

Sen detalle dos seus bens e accións

Esas declaracións, con todo, non especifican a natureza deses bens nin a súa desagregación. Tampouco permite coñecer en que sociedades teñen accións ou a que corresponden as súas débedas. Limítase unicamente a ofrecer a suma dos diferentes conceptos. Nas presentadas polos deputados no Congreso, por exemplo, especifícase o número de casas, o nome das empresas que se posúe ou nas que se participa.

Josep Borrell destaca por riba do resto de membros do Gobenro ao declarar un patrimonio de 2,77 millóns de euros

Así, por exemplo,  Pedro Duque declara un patrimonio de 1,52 millóns de euros, segundo o relativo ao ministro de Ciencia, Innovación e Universidades que aparece publicado este sábado no BOE. Apenas reflicte uns bens inmobles de 37.620 euros, cando esta semana soubemos que posúe unha casa en Madrid e un chalé en Alacant. O groso do patrimonio do astronauta son accións e participacións, cun total de 1,18 millóns, porque as súas casas están a nome dunha sociedade que comparte coa súa muller.

En canto ao resto do gabinete de Pedro Sánchez, destaca por riba do resto Josep Borrell, o titular da carteira de Exteriores, que declara un patrimonio de 2,77 millóns de euros e unha débeda de 60.969 euros. A portavoz, Isabel Celáa, é a segunda que máis declara con 1,62 millóns de euros mentres que debe 152.846,76 euros.

Co obxectivo de cumprir a Lei do Alto Cargo, o actual Ministerio de Política Territorial e Función Pública, dirixido por Meritxell Batet, deu aos altos cargos un prazo de tres meses, que se pechou o 26 de setembro, para presentar a documentación, e que segundo confirmaron fontes do Goberno, todos presentaron.

As declaracións de bens e intereses dos altos cargos non se facían públicas desde 2014

As declaracións de bens e intereses dos altos cargos non se facían públicas desde 2014. O Goberno de Rajoy foise sen publicar no BOE o patrimonio do presidente, dos seus ministros e altos cargos alegando a necesidade dun regulamento que desenvolvese a Lei do Alto Cargo.

No caso dos cargos galegos, na publicación do BOE aparecen as declaracións de presidentes e ex-presidentes da Autoridade Portuaria de Vigo, como Ignacio López-Chaves ou Enrique López Veiga, ademais de delegados do Goberno ou a actual ministra de Economía, Nadia Calviño. Esta última posúe un patrimonio de 288.675 en bens inmobles e de 109.227 en depósitos. 

Samuel Juárez, ex-delegado do Goberno central en Galicia, declara un patrimonio de 261.755 euros, mentres que o seu sucesor, Santiago Villanueva, declara 175.852. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.