Carolina Bescansa prepárase para loitar con Gómez-Reino polo liderado de Podemos Galicia

Carolina Bescansa © Podemos

Carolina Bescansa e Antón Gómez-Reino loitarán no proceso de primarias aberto para renovar a dirección de Podemos Galicia polo liderado da formación morada. Será así se a actual deputada no Congreso acepta o ofrecemento que lle vén de facer a actual dirección do partido, que quere que sexa a cabeza de lista da candidatura que impulsa a aínda secretaria xeral, Carmen Santos, que anunciou que non se postularía. 

"É un honor que as compañeiras de Galicia queiran que asuma a dirección. Falarei con todas antes de tomar unha decisión", reaccionou en Twitter Bescansa logo de que varias das integrantes da actual dirección anunciasen en rolda de prensa a súa intención de que unha das fundadoras de Podemos a nivel estatal loite polo liderado da formación en Galicia. 

Bescansa confirmou xa que este mesmo luns viaxará a Compostela para reunirse coas compañeiras que lle lanzaron a propsota. "Logo veremos; quero falar con todo o mundo", dixo en conversa con ediario.es. É unha enorme honra que pensen en min desde aló", engadiu quen non quixo adiantar as súas intencións, aínda que diferentes fontes do partido dan por feito que anunciará a súa candidatura axiña. 

Foi a coordinadora do equipo de campaña, Natalia Prieto, quen defendeu que Bescansa "é a única, a persoa idónea, que encarna ese mesmo espírito que a secretaria xeral de Podemos", en referencia a Camen Santos, cun "espírito de lealdade e de honestidade coa xente de Podemos Galicia e con cada militante desde que naceu o proxecto na Comunidade galega".

"É a única, a persoa idónea, que encarna ese mesmo espírito que a secretaria xeral de Podemos", di Natalia Prieto, coordinadora do equipo de campaña

A proposta da dirección afonda na division que desde hai anos se vive en Podemos Galicia ao apostar o equipo de Carmen Santos por Bescansa, que deixou hai máis dun ano a executiva da formación a nivel estatal enfrontada con Pablo Iglesias, valedor de Gómez-Reino, que sempre amosouo a súa disconformidade co rumbo marcado pola actual dirección do partido no país. 

A filtración por erro en Telegram en abril deste ano dun plan para derrocar a Pablo Iglesias, co suposto apoio de Íñigo Errejón, negado por el, aumentou nos últimos meses o illamento de Bescansa en Podemos a nivel estatal. Non fala co actual secretario xeral, como este recoñece. Durante a crise de Cataluya, por exemplo, a compostelá declarou en público non compartir a posición do seu partido: "Gustaríame un partido que lle falase máis a España e aos españois e non só aos independentistas", manifestara. Agora medita se aposta por volver a Galicia para dirixir Podemos na comunidade, un ofrecemento que xa lle fixera o propio Iglesias hai tempo e que non aceptou

Horas despois de coñecer a intención de Bescansa, Pablo Iglesias lembroulle que non vive en Galicia desde hai "máis de 20 anos". "Recoñezo que me chama a atención que alguén que vive en Madrid desde hai máis de 20 anos queira dirixir Podemos Galicia", asegurou nunha entrevista en La Sexta. "As galegas non deixamos de selo cando emigramos", respondeulle nun chío a deputada compostelá, que anunciou que hoxe comunicará a súa decisión. 

Na súa conta de Twitter, Antón Gómez-Reino asegurou que "o desafío é cambiar, transformar Galicia". "Para iso precisamos un Podemos Galicia unido, aberto á sociedade, plural. Precisamos tecer Galicia e todas as mans son benvidas. As que levamos anos e as que acaban de chegar. Benvida Carolina Bescansa. Sen atallos. Galicia é o que importa", dixo. 

A elección de Bescansa afonda na división en Podemos; Iglesias lémbralle que leva "máis de 20 anos" vivindo en Madrid

Natalia Prieto defendeu a elección de Carolina Bescansa por ser, practicamente, a "fundadora de Podemos Galicia" e "estar en contacto coa militancia sempre". "Falamos dunha compostelá, nun partido que puxo todo o seu capital humano en cambiar a vida da xente", insistiu para lembrar que sempre estivo vinculada a problemáticas en Galicia e que participación, xunto a Carmen Santos, nas negociacións con En Marea de cara ás últimas autonómicas. "É unha muller brava que realiza un traballo incansable", insistiu. 

"Carmen Santos ten a man tendida cos que teñen diferenzas con ela seguirá sempre coa man tendida"

"Carmen Santos ten a man tendida cos que teñen diferenzas con ela seguirá sempre coa man tendida", destacou respecto da aínda secretaria xeral e advertiu de que coa proposta de Bescanda a actual dirección "asume esa responsabilidade coa mesma lealdade e honestidade coa que traballou con Santos" e "co obxectivo de facer política de cambio e real para a xente, contra os recortes e a mala xestión do Partido Popular".

Os inscritos de Podemos Galicia elixirán nova dirección --Consello Cidadán-- e Secretaría Xeral antes da revocacións dos órganos de En Marea e farao entre varias candidaturas, tal e como acontecera no anterior proceso, no que Santos resultou vencedora fronte ás alternativas de Ángela Rodríguez e Breogán Riobóo.

No acto deste domingo estiveron presentesa deputada de En Marea e responsable de educación en Podemos Galicia, Julia Torregrosa; a secretaria de feminismos de Podemos Galicia, María Antonia Trillo; a secretaria de participación de Podemos Galicia, Begoña Hermida; e a secretaria de acción institucional, María Pérez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.