0 Gardados para despois

Povisa reclamou poder captar máis pacientes do Sergas antes de amagar co concurso de acredores

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A finais da pasada semana o hospital privado Povisa, centro sanitario de referencia para case 140.000 persoas da área de Vigo en virtude do concerto que mantén co Servizo Galego de Saúde, fixo público que viña de solicitar preconcurso de acredores. Trátase do procedemento legal que abre un período de negociación co seu principal cliente, a Xunta, para procurar un acordo que lle permita paliar os seus problemas financeiros. Caso contrario pode acollerse ao concurso de acredores, isto é, o procedemento habitualmente asociado á suspensión de pagamentos.

Entre os argumentos esgrimidos polo hospital, pertencente ao grupo Nosa Terra 21 do empresario José Silveira, destaca a acusación de que o Sergas interpreta o vixente concerto co hospital, en 2014, dun xeito que lle está a provocar perdas acumuladas de algo máis de 40 millóns de euros. Segundo a empresa, leva meses a manter conversas co Goberno galego para tentar reconducir a situación. No entanto, mentres se estaban a producir esas negociacións aludidas pola compañía, o propio hospital Povisa emitiu queixas públicas por non poder captar máis pacientes. Os mesmos que agora afirma que lle causan perdas por ser "insuficientes" os 540 euros por paciente e ano fixados no concerto.

Entre as condicións que rexen o acordo de 2014 figuraba a posibilidade de que pacientes da área viguesa puidesen solicitar ser trasladados dende outros hospitais da cidade ata Povisa como centro de referencia. Este novo procedemento botou a andar case ao mesmo tempo que o novo hospital de Vigo, o Álvaro Cunqueiro, abría as súas portas entre diversas polémicas por mor das súas deficiencias e mais a causa do modelo público-privado que rexe nos seus servizos non estritamente sanitarios. O novo centro, publicitado pola Xunta como un dos mellores hospitais de Europa, foi construído e aberto sen contemplar que as ata 139.000 tarxetas sanitarias que atende o privado Povisa por encargo do Sergas fosen asumidas no Cunqueiro.

A empresa sanitaria alega que perde cartos atendendo pacientes do Sergas, pero o pasado decembro volveu reclamar menos "restricións" para poder captar máis

Ao remate da última campaña de traslados, desenvolvida durante novembro de 2017, Povisa gabouse da gran aceptación da súa oferta, pero agregou queixas. Segundo as cifras que fixera públicas daquela, un total de 1.424 persoas incorporáranse ao hospital e 356 máis tamén o solicitaran, pero non puideran aceptalas por non cumprir "os requisitos esixidos polo Sergas". Con estas cifras, afirmaba a empresa, "supérase xa o límite máximo de 139.000 pacientes fixado no concerto co Sergas" e por iso reclamaba a fin das "restricións propias do sistema actual" para poder sumar máis pacientes da sanidade pública. Reclamaba, por exemplo, que "a capacidade de cambio se estenda a todos os centros de saúde da cidade, evitando dese xeito agravios comparativos".

Tras anunciar o preconcurso de acredores Povisa puxo o acento noutra queixa: non pode captar novos pacientes do Sergas todo o ano, senón que só pode facelo en novembro. Deste xeito, lamenta, se durante os restantes once meses perde clientelela, non pode recuperala ata o novembro seguinte. Así e todo, segundo as cifras divulgadas pola propia empresa en decembro de 2017, antes do inicio da campaña de traslados "tiña aproximadamente 138.000 pacientes do sistema público". Daquela, a marxe de captación de nova poboación dentro das marxes do vixente concerto era de apenas un milleiro máis.

No inicio da investigación sobre os recortes sanitarios

Solicitude de comparecencia do conselleiro de Sanidade por mor do anuncio de Povisa, asinada por Villares, Leiceaga e Pontón este 1 de outubro

En Marea, PSdeG e BNG reclaman conxuntamente unha comparecencia urxente do conselleiro de Sanidade ante a "incerteza creada polo anuncio" de Povisa

O inicio das negociacións do preconcurso de acredores de Povisa e a proposta de que o Sergas asuma os 139.000 pacientes do hospital concertado se non hai acordo -esta medida de presión xa foi activada por parte de Povisa, segundo publicou Faro de Vigo- prodúcese mentres no Parlamento bota a andar a comisión de investigación sobre os efectos dos recortes sanitarios, pactada por todos os grupos da oposición. En Marea, PSdeG e BNG volveron amosar este luns unidade de actuación nesta materia asinando conxuntamente unha petición de comparecencia do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. Segundo o documento asinado por Luís Villares, Xoaquín Fernández Leiceaga e Ana Pontón, cómpre que Almuiña ofreza explicacións "urxentes" ante a "incerteza creada polo anuncio" de Povisa.

No seo das forzas da oposición lese este movemento do hospital do grupo Nosa Terra 21 como unha "chantaxe" ao Sergas para forzar a mellora das condicións do convenio, ao tempo que se reprocha ao Goberno galego que non aproveitase a apertura do Álvaro Cunqueiro para que o sistema público deixase de depender na maior cidade de Galicia dun hospital privado que vén sendo o principal lastre do Sergas no que atinxe ás listas de espera cirúrxicas -malia ás reducións de tempos dos últimos, a demora media en Povisa segue máis de 20 días por riba do promedio do Sergas-. Na contorna do PP, pola contra, vese na ameaza do concurso de acredores a proba de que o Goberno de Feijóo non está a privilexiar os tratos coa sanidade privada fronte ao servizo público sanitario.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.