A Xunta suxire que é culpa do Goberno do PSOE que Galicia non teña un laboratorio europeo que non pediu

Ata agora o laboratorio europeo de bivalvos estaba instalado no británico Centre for Environment, Fisheries and Aquaculture Science © Cefas

Entre os informes que a Xunta encargou sobre a influencia do Brexit figura un específico sobre o seu impacto no sector pesqueiro. Nel recomendábase que o Goberno galego explorase a posibilidade de instalar en Galicia algunhas das instalacións comunitarias vinculadas ao sector que ata agora tiñan a súa sede no Reino Unido, como é o caso do laboratorio de referencia da UE para o seguimento dos contaminantes bacteriolóxicos e viais dos moluscos bivalvos. A conselleira do Mar e o propio presidente da Xunta -aproveitando a celebración do aniversario do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, en Vilagarcía- anunciaron que Galicia sería candidata a acoller ese laboratorio, aínda que a Comisión Europea confirmou por dúas veces que esa petición nunca existiu. Case un ano despois destes feitos a Xunta aproveita a mudanza na cor política no Goberno de España para suxerir que, se cadra, Galicia non acolle ese laboratorio por culpa do Executivo de Pedro Sánchez.

"A Comisión non recibiu ningunha petición oficial da Xunta nin do Goberno español" para que Galicia acollese o laboratorio de bivalvos que perde o Reino Unido, confirmou a UE o pasado agosto

No inicio do curso parlamentario galego a cuestión do laboratorio europeo de bivalvos regresou ao debate político. Fíxoo a través dunha pregunta do deputado socialista Julio Torrado, que cuestionou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, tras confirmar a UE por segunda vez, desta volta con referencia específica á Xunta, que a petición galega nunca existira. Esa confirmación chegou en forma de resposta oficial do comisario comisario de Saúde e Seguridade Alimentaria, o lituano Vytenis Andriukaitis, ao eurodeputado do PSOE José Blanco.

"A Comisión -explicou Andriukaitis- non recibiu ningunha petición oficial da Xunta de Galicia nin do Goberno español", resume. Ademais, lembra, o Executivo comunitario "decidiu suprimir o laboratorio" ata agora instalado na localidade británica de Weymouth e "asignar as súas tarefas a outros laboratorios de referencia da UE", entre elas a un especializado en biotoxinas con sede na Cidade Tecnolóxica do Campus de Vigo.

Resposta do comisario de Saúde e Seguridade Alimentaria a Blanco sobre a inexistencia dunha candidatura galega para acoller o laboratorio europeo de bivalvos

A conselleira do Mar remítese aos seus contactos en Bruxelas en xaneiro para apelar a unha eventual "reconsideración" do peche, que a Comisión constatou o pasado agosto

A candidatura galega non existe e o laboratorio de bivalvos, como tal, vai deixar de existir porque a súa supresión foi aprobada co apoio, entre outros, do Goberno de Mariano Rajoy. Pero a Xunta, así e todo, "defende as xestións realizadas por Galicia en relación a este laboratorio" e por iso a conselleira Quintana di "agardar e confiar en que o novo Goberno central continúe e cumpra co apalabrado co anterior Goberno do Estado". Trátase, di, da "posibilidade" de que se asine un "protocolo de traballo conxunto" entre o devandito laboratorio vigués e o Intecmar de Vilagarcía para asumir a parte de competencias xa previstas tras a desaparición do laboratorio de bivalvos que ata agora estaba no Reino Unido. 

Torrado (PSdeG) reprocha a "vergoña" para Galicia ante a UE por mor do "rosario de mentiras" do Goberno galego sobre a suposta candidatura

Quintana reitera ademais a importancia dos seus contactos en Bruxelas o pasado xaneiro con dirixentes da dirección xeral de Saúde e Seguridade Alimentaria da Unión. Alí, reiterou, expuxo "a experienica das institucións galegas no eido dos moluscos bivalvos, dada a relevancia socioeconómica do seu cultivo en Galicia" para que "sexan tidas en conta ante unha hipotética reconsideración" do peche. No entanto, a resposta de Andriukaitis a Blanco do pasado agosto, sete meses despois desas xuntanzas en Bruxelas, deixan claro que a Comisión non contempla reconsiderar o peche.

As explicacións da Xunta son para o socialista Julio Torrado un novo capítulo do "rosario de mentiras do Goberno galego con relación" á suposta candidatura para acoller o laboratorio de bivalvos. "Quedan en ridículo por mentir e volver mentir", sinala o deputado do PSdeG, quen lamenta "a triste imaxe que están dando en Europa de Galicia". "Non son vostedes confiables", reprochou Torrado, quen se laia de que estas "incongruencias" da Xunta supoñan unha "vergoña" para Galicia ante as institucións da UE.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.