O 061 culpa a peritaxe da policía do exceso de peso nas súas ambulancias

Ambulancia do 061 en Galicia © Xunta

A policía constatou numerosas eivas de seguridade nas ambulancias do 061 en Galicia. Tal e como adiantou Praza.gal o pasado mes de agosto, un informe pericial encargado polas forzas de seguridade concluíu que en todas as inspeccións realizadas nas 14 áreas de cobertura do transporte sanitario se atoparon irregularidades que afectan a seguridade vial e "aumentan drasticamente" a "probabilidade de sufrir un accidente". O exceso de peso certificado "incumpre a normativa" e provoca importantes riscos para os ocupantes e na condución, que se fai máis "perigosa e impredicible", segundo o documento. Ademais, polo menos nove UVI móbiles circularon durante meses cun sobrepeso de centos de quilos polas estradas galegas. Os vehículos deste tipo inspeccionados no marco dunha investigación xudicial excedían por moito a masa máxima autorizada (MMA) e realizaron traslados de emerxencia con esta grave irregularidade durante moito tempo, nalgúns casos máis de ano e medio, e mesmo con sobrepesos de máis de 800 quilos.

Un informe pericial encargado pola policía certificou eivas de seguridade nas ambulancias do 061, con sobrepesos de ata 800 quilos en UVI móbiles

Ante aquelas revelacións, denunciadas pola oposición no Parlamento, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 aclarou que as súas ambulancias "contan cun informe pericial de conformidade normativa realizado por un perito independente e imparcial que confirma a seguridade destas unidades asistenciais con data deste ano". Agora, semanas despois, insiste nesta fiabilidade e nos informes favorables dos vehículos onde, engade, "se realizan tamén os controis estipulados na normativa ao respecto", polo que están "desenvolvendo a súa actividade con eficacia e seguridade para os doentes e as dotacións sanitarias".

Alén disto, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 considera tamén agora "que non se aplicaron os mesmos criterios para a pesaxe uniforme dos vehículos, xa que ha de terse en conta o número máximo de ocupantes, así como a masa de reserva do vehículo". "É por isto que os pesos rexistrados pola policía xudicial excedían dos pesos máximos teóricos", xustifica a entidade dependente do Sergas, que sinala o sistema de peritaxe das forzas de seguridade como causante deses sobrepesos indicados no informe. 

O 061 confirma a "seguridade" das ambulancias e di que na peritaxe "non se aplicaron os mesmos criterios para a pesaxe uniforme dos vehículos"

Ademais, o 061 asegura que "solicitou ás empresas concesionarias que tiñan que adaptarse ás condicións de peso e seguridade e aplicar unha serie de medidas e actuacións sobre a masa de reserva sempre de acordo cos pregos de prescricións técnicos (PPT)". 

O informe pericial ao que fai referencia o Sergas, e ao que tivo acceso  este diario, forma parte das dilixencias previas --e até hai poucos meses secretas-- da investigación aberta no Xulgado de Instrución número 2 de Santiago por un presunto delito de prevaricación, información privilexiada e tráfico de influencias no concurso da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para o servizo de transporte sanitario urxente por 120 millóns de euros ata 2019. Dividido en 14 lotes por áreas xeográficas, once empresas repartíronse as adxudicacións, oficializadas no verán de 2015. Pero un dos empresarios aspirantes denunciou e puxo sobre a mesa supostas irregularidades.

Ambulancia do 061 en Galicia / © Xunta de Galicia

De aí xurdiu unha investigación que afondou tamén nas posibles irregularidades dunhas ambulancias que, segundo a denuncia, foran equipadas, matriculadas e rotuladas coa simboloxía da Xunta e da Consellería de Sanidade meses antes de que a Administración resolvese a adxudicación e mesmo xa unha semana despois da publicación dos pregos no DOG, en novembro de 2014. Segundo o denunciante, todas as firmas que conseguiron o contrato carrozaron as ambulancias no taller ourensán Rodríguez López --o 95,5% delas-- e no portugués Autos Ribeiro.

A policía aclara que as pesaxes realízanse tendo en conta os equipos completos "polo que non haberá que sumar a reserva de masa precisa para os produtos mécidos e técnicos"

As inspeccións levadas a cabo pola policía xudicial buscaban comprobar o posible "exceso de peso" nas ambulancias en Galicia e o seu "perigo en canto á seguridade vial, tanto para ocupantes como para viandantes". O informe pericial confirma excesos de peso dalgúns cetos de quilos en todas as analizadas, pero tamén de moitos máis nas UVI móbiles, que terían circulado con esta grave eiva durante meses. O 061 di agora que na pesaxe os axentes non tiveron en conta o número máximo de ocupantes nin a masa de reserva do vehículo. No entanto, no informe a policía aclara que a pesaxe realízase "a criterios do técnico" e que se fai "co equipamente médico fixo e mobil completo, polo que non haberá que sumar a reserva de masa precisa para os produtos mécidos e técnicos". Ademais, advirte de que tamén se realiza co "depósito de combusible cheo" e que, en caso contrario, estímase a cantidade que falta para sumar á tara do vehículo. Por último, asegura que para o "cálculo total do peso do vehículo en circulación a plena carga sumaranse 75 quilos por ocupante en función dos asentos que contemple a ficha técnica, incluída a padiola". 

Este novo argumento do Sergas ante as eivas nas ambulancias reveladas no informe pericial chega logo de que un tribunal administrativo frease o contrato das aeronaves do 061 porque non comprobou previamente se os pilotos tiñan a titulación requirida. Outra volta na que a Xunta non revisou elementos de seguridade básicos ao adxudicar o transporte sanitario. No caso dos vehículos terrestres, nun proceso que segue a ser investigado en sede xudicial, aínda que a Administración aclara que o procedemento de contratación fíxose "en conformidade ao Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Público e o establecido no Prego de Cláusulas Administrativas Particulares".

"As resolucións a  once recursos presentados ante o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais de Madrid foron favorables á Fundación. O tribunal confirmou que se garantían os principios de igualdade, libre concorrencia e non discriminación baseándose nos requirimentos esixidos nos pregos", finaliza. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.