A Audiencia da Coruña ratifica a imputación dun técnico de Adif polo accidente de Angrois

Fernando Rebón Sartal, xerente de Seguridade de Adif para o noroeste, no centro da imaxe, entrando no xulgado para declarar como imputado CC-BY-SA Praza Pública

O tribunal considera necesario esclarecer a intervención do xerente de Seguridade para o noroeste na posta en servizo da liña polo seu superior, tamén investigado, sen supostamente analizar os seus riscos

A Audiencia Provincial da Coruña vén de emitir un auto, con data do pasado 28 de setembro e distribuído agora ás partes, no que ratifica a condición de investigado, antiga figura do imputado, de Fernando Rebón Sartal, xerente de Seguridade na Circulación de Adif para o noroeste peninsular, na causa que investiga o accidente de Angrois. Rebón é un dos seis técnicos de Adif, Renfe e a consultora pública Ineco que están actualmente imputados no caso ademais do maquinista. Os xuíces sospeitan que non avaliaron como debían o risco existente na curva de Angrois, o que fixo que non se dotase de medidas de seguridade que evitasen o despiste que alí sufriu o condutor. Tras esta decisión, a plataforma de vítimas enviou este xoves unha carta ao ministro de Fomento pedindo que destitúa o imputado do seu posto e insistindo, tras as versións contrapostas ofrecidas no Congreso polos responsables da investigación oficial, na necesidade de facer unha nova como esixe a UE

No seu auto, a Audiencia considera conveniente que Rebón Sartal figure na causa coa figura de investigado como garantía para a súa propia defensa. O tribunal considera necesario “esclarecer a súa eventual intervención nas actuacións relativas á posta en funcionamento da liña sen a realización debida -na hipótese da investigación, das análises de risco que puideran ter detectado a situación de risco existente na curva”.

O tribunal cre que algunha decisión ao respecto da seguridade de Angrois “podería comprenderse nas funcións de xestión e control do sistema de seguridade na circulación” do imputado

Rebón Sartal era subordinado do daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, tamén imputado e responsable último das autorizacións de seguridade da liña. Pero o tribunal considera que algunha decisión a ese respecto “podería comprenderse nas funcións de xestión e control do sistema de seguridade na circulación” de Rebón, polo que considera que “non resulta inxustificada a chamada ao proceso na referida condición, cuxa natureza é sempre provisional e revisable”.

Rebón xa compareceu no xulgado a declarar o pasado 12 de setembro e no seu interrogatorio asegurou que el non tiña competencias e que a responsabilidade última da seguridade era do seu superior, Andrés Cortabitarte. Cando o xuíz instrutor o imputou o pasado febreiro considerou que o seu superior “tivo que contar coa colaboración” de subordinados.

A plataforma de vítimas pide ao ministro que o destitúa do seu posto e insiste, tras as versións contrapostas ofrecidas no Congreso polos responsables da investigación oficial, na necesidade de facer unha nova como esixe a UE

Tras coñecer a ratificación da imputación, a plataforma de vítimas do sinistro enviou este xoves unha carta ao ministro de Fomento lembrándolle os compromisos aos que chegou con eles cando os recibiu hai xa un mes, en particular o de estudar a destitución dos seus cargos dos imputados na causa xudicial, como xa se fixo hai unhas semanas co director de Seguridade na Circulación de Renfe, Antonio Lanchares.

Un día despois das versións contraditorias ofrecidas este xoves no Congreso polo máximo responsable da investigación oficial do sinistro e da negativa do seu sucesor a reabrir esa análise como esixe a Unión Europea, as vítimas tamén lembran ao ministro a súa petición de que se cree unha “comisión de investigación técnica independente tutelada pola Axencia Ferroviaria Europea”. Igualmente, as vítimas lembran ao ministro a súa petición de que se lles entregue o informe aínda non divulgado elaborado por esa axencia comunitaria sobre o cumprimento por parte de España da normativa europea en materia de seguridade ferroviaria.

Andrés Cortabitarte, ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, nun cartel de protesta das vítimas de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.