O BNG de Teo "perde a confianza" en Martiño Noriega por "descualificalo"

Noriega, no seu despacho da Casa do Concello de Teo Dominio Público Praza Pública

A treboada política no Concello de Teo sobe de ton. Este municipio próximo a Compostela estase a situar como o epicentro do contencioso aberto entre o BNG e o Encontro Irmandiño a respecto do futuro dos concelleiros que decidiron abandonar a formación frontista pero que apostan por continuar nos gobernos municipais aos que accederon en candidaturas do Bloque. Dous días despois de que o alcalde teense e vicevoceiro do EI, Martiño Noriega, confiase publicamente en manter a "unidade de acción" de todo o equipo de goberno, tamén cos dous concelleiros do mesmo que non optan pola escisión, a dirección local do BNG vén de respostarlle: ven na súa actitude unha "descualificación política" que, afirman, deriva en nunha "creba de confianza".

Sinalan desde o Bloque teense que aínda non se "formalizaron" as baixas de Noriega nin dos demais edís que abandonan a fronte e tampouco se reuniron os órganos locais "para adoptar as decisións que correspondan", aínda que, din, a dirección local si desexa facer xa "manifestacións públicas" sobre o dito polo rexedor. "Se existe unha crise no goberno municipal non está provocada nin é responsabilidade do BNG", subliñan, xa que "non emitiu ningunha descualificación política de Martiño Noriega" nin do seu equipo nin lles "impediu manter a súa militancia no BNG".

No mesmo sentido, o BNG de Teo analiza que Noriega "e outros concelleiros" adoptaron "a decisión persoal, voluntaria e unilateral de abandonar o BNG" e "fixérono formulando descualificacións de caracter político á nosa organización e ao proxecto político" aprobado "de xeito democrático na última Asemblea Nacional". Fronte a esta "decepción", relatan, "queremos agradecer a coherencia ética política" e a "valentía e entenreza dos concelleiros que manifestan a súa vontade de continuar no proxecto e que poñen a súa acta á disposición da organización".

Nesta liña, e mentres desde o Encontro Irmandiño se reclama unha nova xuntanza con Guillerme Vázquez para tratar a cuestión dos cargos públicos, o Bloque de Teo conclúe que "a maioría da militancia do BNG fai posíbel que a nosa organización vaia seguir actuando na corporación municipal", contando "cun grupo municipal" conformado por edís "que manteñan militancia e corresponsabilidade coas decisións colectivas democráticas" e "con aqueles que se poidan incorporar no inmediato futuro de contar coa disposición dalgunha nova acta de concelleiro conseguida baixo as siglas do BNG". Sobre esta base, queda no aire coñecer a decisión que adoptará a dirección local da formación frontista en canto a apoios no pleno municipal se, como todo semella indicar, Noriega e cinco concelleiros máis deciden continuar a gobernar.

 

Noriega e varios edís teenses, no salón de plenos do Concello CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.