0 Gardados para despois

A Xunta pro Devolución de Meirás insta os gobernos galego e central a camiñaren "xuntos" para botar os Franco

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A situación é de "excepcionalidade extrema". É o diagnóstico que a Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás fai tras coñecérense os intentos dun dos netos de Francisco Franco para especular coa parte da propiedade que recibiu como herdanza tras o falecemento da súa nai. O foro, impulsado pola Deputación da Coruña e no que partipan os concellos coruñés e sadense xunto a institucións académica e entidades de defensa da memoria histórica, reuniuse este venres para analizar a "eventual operación de venda da propiedade" a unha das empresas do neto do ditador e para lanzar un chamamento ao Goberno galego e mais ao Goberno de España: "que se poñan de acordo de maneira inmediata" para botaren os Franco de Meirás.

A entidade provincial coruñesa "ofrécese como sede para un encontro" entre ambos Executivos coa fin de pactaren as medidas a adoptar que, a xuízo da Xunta pro Devolución, deberan comezar cunha decisión inmediata do gabinete que preside Alberto Núñez Feijóo. Debe "impugnar a eventual venda" pola condición de Ben de Interese Cultural que ten o Pazo, subliñan.

Ao Goberno de Pedro Sánchez, pola súa banda, reclámanlle que "inicie a demanda civil para reclamar a propiedade no xulgado de Betanzos e inscriba, de maneira inmediata, o Pazo no rexistro da propiedade" como un edificio público. Para formular esa demanda, precisamente, o Goberno central anunciaba nos últimos días o encargo dun informe á súa asesoría xurídica

A petición da Xunta pro Devolución chega tras encargar o Goberno central un informe xurídico sobre a recuperación e mentres os herdeiros de Franco manteñen a apoloxía da ditadura nas visitas ao Pazo

Do punto de vista da Xunta pro Devolución cómpre, en calquera caso, que todas as institucións públicas que amosaron a súa disposición a recuperar Meirás "camiñen de maneira conxunta". Neste sentido, o profesor da USC Xabier Ferreira, que coordinou o informe xurídico da Deputación sobre a devolución do Pazo, advirte de que a activación do proceso xudicial é necesaria para evitar que os herdeiros "operen para tentar Blindar a propiedade". "O máis acaído é que o faga o Goberno central", lembra, porque "a finca funcionaba como casa oficail de verán do xefe do Estado".

Tras a reclamación da Xunta pro Devolución o vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, sinalou a preguntas dos xornalistas que o Executivo non desbota a posibilidade de impugnar o intento de venda por tratarse dun BIC. Estas novas reclamacións da Xunta pro Pazo chegan tras o devandito encargo dun informe xurídico por parte do Goberno central, pero tamén mentres os Franco especulan coa propiedade e, ao tempo, aproveitan as visitas ao recinto para manter a apoloxía da ditadura e, a través da Fundación Francisco Franco, cargar contra a exhumación do ditador e lanzar proclamas coma atribuír un suposto "xenocidio" á II República.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.