O debate de política xeral busca a clave galega no marasmo municipal, estatal e partidista

Feijóo durante o seu discurso no debate de política xeral de 2017 CC-BY-SA Praza Pública

A carreira das eleccións locais de maio, a inestabilidade do Executivo central e os procesos internos dos partidos afastarán o foco da Xunta unha vez superada tamén a súa crise de Goberno

O debate anual de política xeral no Parlamento de Galicia, o coñecido como debate do estado da autonomía, porá esta semana o ramo ao ecuador do terceiro mandato de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta. Con dous anos máis por diante de cómoda maioría absoluta, a sesión que comeza este martes preséntase como o último gran fito político a nivel galego antes de que nos próximos meses o foco se desvíe cara ás eleccións municipais de maio, os debates internos dalgúns partidos da oposición e a expectativa que a inestabilidade do Executivo central xere sobre unhas posibles eleccións xerais.

Feijóo chega a este debate sobre o estado da autonomía dez días despois dunha crise de Goberno coa que debilitou o seu executivo en función dos intereses electorais do PP, e cun discurso centrado xa na política municipal e orientado a intentar socavar os gobernos locais de esquerda. Así que está por ver canto de política autonómica haberá nas propostas que lance na súa intervención e canto de medidas dirixidas a confrontar a Xunta coas cidades que non controlan os populares, todas excepto Ourense. Despois dunha década de candidaturas municipais infrutuosas por parte do PP, o debate desta semana pode ser un novo escenario no que Feijóo teime en presentarse a si mesmo como o mellor candidato para todo, o alcalde de Galicia neste caso. Farao asegurando que cumpriu o 86% das propostas que lanzou no debate do ano pasado.

Na oposición está por ver se En Marea, PSdeG e BNG son quen de trasladar a este debate a tendencia dos últimos meses de presentarse unidos nas cuestións que consideran máis relevantes para o país

A visión é contraposta na oposición, que ve un Goberno galego esgotado que non foi quen de cumprir o prometido. Nas bancadas da parte esquerda do hemiciclo está por ver se En Marea, PSdeG e BNG son quen de trasladar a este debate a tendencia dos últimos meses de presentarse unidos nas cuestións que consideran máis relevantes para o país, con iniciativas conxuntas como a comisión de investigación sobre a sanidade ou a aparición dos seus principais líderes compartindo reivindicacións sociais na rúa. Pero a situación interna, especialmente en En Marea e PSdeG, deita dúbidas sobre canto poderán os seus líderes rendibilizar as súas intervencións no Pazo do Hórreo.

Ponton, Villares e Leiceaga durante a presentación conxunta da comisión de investigación sobre a sanidade

Para En Marea o debate chega en pleno proceso de renovación dos seus órganos de dirección e dos de Podemos Galicia

Para En Marea o debate chega a nivel interno en pleno proceso de renovación dos seus órganos de dirección e coa loita por facerse co control de Podemos Galicia desenvolvéndose nos medios de comunicación. Mentres, canto á iniciativa política externa, as mareas locais están xa centradas nas eleccións municipais ao tempo que a nivel estatal se intenta establecer unha caste de 'axenda galega en Madrid', polo que quedará en mans do seu portavoz no Parlamento, Luís Villares, fixar esta semana na Cámara as prioridades de actuación da súa formación a nivel galego.

Un ano despois da chegada de Caballero á secretaría xeral do PSdeG, a bicefalia con Leiceaga está a converterse en tricefalia co delegado do Goberno, Javier Losada

No PSdeG, o debate producirase ao cumprirse un ano da chegada de Gonzalo Caballero á súa secretaría xeral. A súa decisión de continuar demorando a súa entrada no Parlamento de Galicia fará que teña que presenciar as sesións desta semana desde a tribuna de invitados da Cámara, deixando ao portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, o enfrontamento con Feijóo. Unha bicefalia no socialismo galego que nas últimas semanas evolucionou a tricefalia, co papel protagonista que vén asumindo o delegado do Goberno central en Galicia, Javier Losada, non tanto na defensa da labor do executivo de Pedro Sánchez como de ariete contra o Goberno de Feijóo. Esta situación obrigou a Caballero a dar este mesmo sábado unha rolda de prensa para tentar que as súas propias mensaxes críticas coa Xunta teñan visibilidade de cara ao debate de política xeral.

No BNG Pontón, a máis veterana dos portavoces da oposición, segue a consolidar o seu liderado na formación

As cousas semellan máis tranquilas a nivel interno no BNG, cuxa voceira nacional, Ana Pontón, a máis veterana dos portavoces da oposición, segue a consolidar o seu liderado na formación. Os nacionalistas preséntanse neste debate cos deberes feitos nas candidaturas municipais e recibindo nos últimos días os ataques de Feijóo, tanto tras a polémica pola súa ocultación do asasinato de Alexandre Bóveda, que o presidente considera produto do intento de apropiación de símbolos por parte do nacionalismo, como a conta da situación en Catalunya.

Porén, no último debate da autonomía, o do ano pasado, foi precisamente Feijóo quen fixo, co seu discurso inicial, que as sesións xirasen arredor do conflito catalán, escurecendo así as cuestións de ámbito galego, como pode volver a pasar desta volta se as intervencións acaban marcadas pola política local, estatal ou partidista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.