A Deputación de Pontevedra denunciará o alcalde do PP que chamou a Carmela Silva "chacha para todo" de Abel Caballero

O alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, nunha imaxe de arquivo © Concello de Vilanova de Arousa

No verán de 2014 o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán (PP), visitaba un campamento infantil da Xunta xunto con outros cargos políticos. Durante a súa estancia no recinto pareceulle escoitar que as nenas e nenos berraban "podemos" e interpretouno como unha proclama a prol de Podemos, o partido político. O que berraban realmente era "Pokémon", en referencia ao personaxe de debuxos animados, como parte dun xogo. No entanto, Durán non deu por boa a explicación. Berraran "podemos" e aquilo era "unha provocación", concluíra, dando a visita por rematada visiblemente contrariado.

Catro anos despois o rexedor vilanovés está outra volta no albo da controversia polo xeito en que deu a referirse ao goberno da Deputación de Pontevedra e á súa presidenta: "un órgano político gobernado polo Concello de Vigo, polo ancián Abel Caballero e a súa chacha para todo, que é Carmela Silva", afirmou tras rexeitar o ente provincial un proxecto do consistorio de Vilanova para a piscina municipal. Pouco despois destas verbas o PSdeG provincial pontevedrés esixiu as desculpas e a dimisión de Durán, que se reafirmou nas declaracións e este luns o goberno da Deputación anunciou que o levará aos tribunais.

Segundo o voceiro do goberno provincial e edil vigués, Carlos López Font, a Deputación decidiu "presentar unha denuncia" porque observa nas palabras de Gonzalo Durán un "ataque machista, clasista, fascista" e, asegura, coidan que puido existir nelas "incitación ao odio". "A Deputación -agregou López Font en rolda de prensa- ten a bandeira da igualdade" e, do seu punto de vista, os "ataques á presidenta Carmela Silva" lanzados por Durán débense á súa condición de muller. O alcalde de Vilanova, cre a Deputación, "non pode continuar un minuto máis como representante da cidadanía" porque "debemos desterrar este tipo de insultos" das institucións. "Non son algo normal e non entendemos como o presidente e o vicepresidente da Xunta", de quen depende organicamente a Secretaría Xeral da Igualdade, "non saíron aínda a condenar nin a dar explicacións destas declaracións".

Durán retruca que "chacha non é un insulto" e insta a Carmela Silva e Abel Caballero a "dimitir eles" por "romper os osos aos veciños" no Marisquiño

O anuncio de accións legais contra Durán chegaban despois de que, tras as primeiras esixencias de dimisión, el mesmo se reafirmase nas declaracións e advertise de que non vai dimitir "nin de coña". "Chacha non é un insulto", defendeuse o alcalde de Vilanova en declaracións á Cadena SER nas que só admitiu a posibilidade de cualificar a Silva como "títere" ou "marioneta" dun "home que anda a facer o ridículo polas televisións". "Pretende que dimita eu o tío que non revisou O Marisquiño, que case desgracia a catrocentas persoas, que lle rompeu os osos aos veciños? Que dimitan el el e ela", retou, ademais de manifestarse convencido de que conta co apoio da dirección do PP para seguir adiante. "Eu son partido e o partido pensa coma min", resolveu.

En Marea e BNG únense ao PSdeG na petición de dimisión do rexedor vilanovés e o PPdeG cre "desafortunadas" as súas verbas, pero non avoga por que deixe o cargo

A primeira declaración oficial dende a cúpula do PPdeG a respecto desta polémica chegou este luns por boca do seu voceiro parlamentario, Pedro Puy, quen evitou pedir a dimisión de Gonzalo Durán, se ben considerou as súas palabras como "profundamente desafortunadas", uns "exabruptos" que non deberan ter "cabida" na política, para o cal pediu a implicación de "todos". Mentres, o voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, reiterou a petición de dimisión por parte dos socialistas. Esa mesma petición de dimisión, así como o "apoio" e "solidariedad" cara a Carmela Silva foron expresadas tamén por parte do voceiro de En Marea, Luís Villares, e mais dende o BNG a través da súa portavoz nacional, Ana Pontón.

López Font, en rolda de prensa © Deputación de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.