O PP torna en debate sobre o Goberno central as súas propostas para Galicia

Minuto de silencio polos mortos en Mallorca durante a última sesión do debate de política xeral Dominio Público Parlamento de Galicia

Do mesmo xeito que no seu discurso de apertura o martes do debate sobre política xeral deste ano, o coñecido como debate sobre o estado da autonomía, o presidente Feijóo optou por confrontar a súa propia figura política coa do presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, este xoves boa parte das propostas de resolución impulsadas polo PP puxeron o foco en competencias estatais e non da propia Xunta. Ao tempo, e malia a acusación do viceportavoz do PP, Miguel Tellado, á oposición de ser “moi pouco propositiva”, o debate deste ano rematou co maior número de resolucións aprobadas dos últimos anos, 54, grazas a que a maioría absoluta popular considerou aceptables unha quincena de propostas alleas.

Os populares impulsan no debate sobre o estado da autonomía unha ducia de resolucións sobre competencias estatais

No debate anual de política xeral os partidos teñen vetado realizar propostas de resolución de carácter local, supostamente para evitar que se desvíe o foco de atención dos principais problemas de Galicia cara ás escaramuzas que os partidos manteñen entre si en múltiples concellos. Porén, ese veto non funciona por arriba, de xeito que o Parlamento si pode instar á Xunta a que esta reclame cousas de ámbito estatal, malia que ningunha das dúas institucións autonómicas teña competencias. En anos anteriores, cando en Madrid gobernaba Mariano Rajoy, ese tipo de peticións foron mínimas. Este 2018, con Pedro Sánchez no Goberno central, os populares galegos sacaron adiante coa súa maioría absoluta unha ducia de resolucións nas que esixiron cuestións de ámbito estatal e cuxo percorrido semella limitado, dúas delas co apoio do PSdeG en favor da reforma do Senado e de convocar a conferencia de presidentes autonómicos.

Antes de que se votasen as propostas de cada partido, a Mesa do Parlamento, controlada polo PP, aplicou o antedito veto ás cuestións locais a unha proposta de resolución de En Marea sobre axudas para os afectados pola explosión da pirotecnia de Paramos, en Tui. “Resulta evidente que se trata dunha proposta de índole local”, argumentou. Pola contra, ningún problema houbo en que saísen adiante co apoio dos seus propoñentes populares esa ducia de resolucións que xiran arredor de cuestións de carácter estatal ou con peticións ao Goberno central.

A sesión sáldase co maior número de propostas aprobadas dos últimos anos, 54, oito delas por unanimidade, mentres que a oposición amosa a súa unidade en 79 resolucións, a metade do total

Dese xeito, acordouse pedir a reunión da conferencia de presidentes autonómicos co presidente do Goberno central e avanzar na reforma do Senado, estas dúas cuestións co apoio do PSdeG, así como insistir na transferencia da AP-9, apoiar un pacto de Estado pola educación, pedir ao Goberno central que avance coa recuperación dos restos de represaliados por Franco, máis xulgados, que declare de interese xeral o abastecemento de auga a Vigo, que facilite permisos para que descendentes de galegos retornen a Galicia, que cumpra cos prazos do AVE, que regule os grupos de presión e protexa aos denunciantes de corrupción, e que non aumente os impostos ao diésel. Igualmente, o Parlamento insta ao resto de administracións a que vixíen o estado das súas pontes e viadutos.

Os vicevoceiros Miguel Tellado (PP), Antón Sánchez (En Marea), Patricia Vilán (PSdeG) e Olalla Rodil (BNG), durante o debate / Parlamento de Galicia

Tamén impulsou o PP resolucións nas que se recolleron as propostas avanzadas o pasado martes por Feijóo no seu discurso inicial, como a de reducir o canon do lixo, crear o Legado Artístico de Galicia ou intentar seguir rebaixando impostos, esta última cun texto que dilúe aínda máis a promesa máis clara lanzada polo presidente de rebaixar os impostos á compra de vivendas usadas para primeira residencia.

Fronte ao apoio mutuo da oposición entre si na maioría das súas iniciativas, ningunha das propostas impulsadas polos populares foi rexeitada de xeito unánime por toda a oposición

En total, das 159 propostas de resolución presentadas, 40 por cada grupo a excepción da anulada a En Marea, saíron adiante 54. Foron 39 do PP e o resto a partir de acordos entre diversos partidos que implicaron que os populares renunciasen a unha súa. Delas, oito aprobáronse por unanimidade de todos os grupos, en materias de medio ambiente, vivenda, protección animal, lusofonía, reforma da política agraria comunitaria, control do lindano, estratexia cultural e paisaxe.

Malia eses acordos, o tipo de votación máis repetido, en 71 propostas, foi a negativa da maioría absoluta do PP a resolucións dalgún partido da oposición apoiadas polos outros dous grupos da esquerda. Se a eses casos se suman as oito propostas aprobadas por unanimidade, o resultado foi que os tres partidos da oposición estiveron de acordo na metade das propostas debatidas estes días. Pola contra, desta volta a oposición viu como o seu repetido argumento do rodillo parlamentario imposto polo PP agretábase en parte ao lograr os populares que ningunha das súas propias propostas recibise o rexeitamento unánime do resto da oposición.

Como comparación, o pasado ano das 160 resolucións presentadas polos catro grupos só se aprobaron as 40 impulsadas polo PP, das que só dúas o foron por unanimidade tras negocialas coa oposición.

En Marea criticou os reiterados incumprimentos do PP, o PSdeG salientou o seu propio carácter pactista e o BNG defendeu a integridade das súas propostas

Antes da votación, o viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, puxo o foco no incumprimento reiterado por parte do PP das súas propias propostas. Desde o PSdeG a deputada Patricia Vilán salientou a participación socialista no 91% dos acordos acadados como exemplo do seu carácter dialogante e pactista. Pola contra, a deputada do BNG Olalla Rodil defendeu a integridade das súas propostas proclamando que “querémolo todo e estamos fartos de agardar”.

Resultado máis repetido nas votacións, en 71 ocasións, coa negativa do PP a propostas dalgún grupo da oposición apoiadas polo resto da esquerda CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.