O treito pendente da A-52 en Vigo obriga a refacer o proxecto dun centro comercial, o terceiro nun radio de tres quilómetros

Lugar de Recaré, na parroquia de Bembrive, en Vigo, onde se proxecta o novo centro comercial Dominio Público Google Street View

A demarcación de estradas do Estado en Galicia, dependente do Ministerio de Fomento, vén de tombar a pretensión do Concello de Vigo dunha tramitación acelerada da ordenación urbanística para un novo centro comercial no lugar de Recaré, na parroquia de Bembrive, na entrada á cidade desde O Porriño. O espazo, lembra Fomento, está afectado por unha reserva de solo para a saída do túnel que permitiría rematar o último treito pendente de entrada a Vigo da Autovía das Rías Baixas (A-52), que á súa vez evitaría as perigosas curvas da actual A-55. O proxecto do centro comercial é o terceiro en planificación nun radio de tres quilómetros, xunto co de Porto Cabral e o do Celta no veciño concello de Mos.

Fomento lembra que o espazo que ocuparía a gran superficie, no lugar de Recaré, está afectado por unha reserva de solo para a nova autovía procedente do Porriño que evitaría as perigosas curvas actuais da entrada á cidade

O centro comercial de Recaré foi incluído no plan de urbanismo (PXOM) da cidade aprobado de xeito definitivo en 2008 pero anulado polo Tribunal Supremo en 2015 por non someterse ao procedemento completo de avaliación ambiental estratéxica. O Concello, amparándose na modificación legal introducida pola Xunta na Lei do Solo para evitar que se paralizasen grandes proxectos na cidade mentres non se elabora un novo plan de urbanismo, iniciou a tramitación por separado da ordenación urbanística que dea cobertura legal ao centro comercial (a través dunha denominada alternativa de ordenación provisional) e solicitou que tampouco fose sometida ao procedemento completo de avaliación ambiental estratéxica. Porén, agora o Goberno galego, amparándose nun informe negativo de Fomento, rexeita esa ordenación urbanística por considerar que é incompatible tanto coa nova autovía como cos accesos á actual A-55, o que obriga a reformular o proxecto do centro comercial, ademais de considerar que debera ser sometido ao procedemento completo de avaliación ambiental.

Ámbito do centro comercial, cos límites en vermello, e dos accesos, en azul, xunto á actual A-55, en Bembrive [Ministerio de Fomento]

O treito final en túnel da A-52, que sairía onde se planifica o centro comercial, foi recuperado o pasado abril por Rajoy de anos de esquecemento, pero o actual Goberno socialista di que non foi garantido o seu financiamento

A autovía que se interpón no proxecto do centro comercial é o último treito da A-52, que chega desde Benavente e remata actualmente no Porriño e non en Vigo. A entrada na cidade desde ese punto realízase a través doutra autovía, a A-55 Tui-Vigo, construída a partir do desdobramento da vella estrada nacional, cuxa sucesión de curvas constitúe un dos maiores puntos negros da Península que a Administración só é quen de combater con radares e limitacións a 60.

Hai anos que Fomento planificou o remate da A-52 co seu último treito de entrada en Vigo a través dun túnel que evite as curvas da A-55. Malia que a obra foi adiándose, Fomento mantivo todo este tempo unha reserva de solo que impide o desenvolvemento doutros proxectos ao longo do seu posible trazado, como ocorre agora co lugar de Recaré, zona aproximada na que sairía o túnel da nova autovía. Túnel que foi recuperado do esquecemento hai medio ano polo daquela presidente Mariano Rajoy, que anunciou que o incluiría nun plan de infraestruturas que agora o novo Goberno central socialista está a reavaliar asegurando que non fora garantido o seu financiamento.

O proxecto de Recaré forma un triángulo case equilátero cos dos centros comerciais do Celta e Porto Cabral, separados os tres entre si tres quilómetros en liña recta

Canto ao centro comercial, o proxecto de Recaré súmase aos de Porto Cabral e o Real Club Celta, planificados en senllos montes comunais próximos e que veñen recibindo unha importante contestación social, ademais de reparos de diversas administracións no caso do Celta. Malia que os tres están separados entre si menos de tres quilómetros en liña recta nun triángulo case equilátero, non teñen en conta o efecto acumulativo que suporía que os tres chegasen a estar en funcionamento á vez.

No caso do proxecto agora vetado por Fomento en Recaré, a Xunta tamén apunta efectos paisaxísticos “moderados” polo potencial impacto que tería unha construción que podería acadar os 25 metros de altura.

Veto de Fomento ao proxecto do centro comercial en Recaré tal e como está formulado actualmente Dominio Público Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.