0 Gardados para despois

Os adultos tutelados pola Xunta achéganse aos 3.500 e as persoas que os atenden seguirán sendo 23

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


No ano 1996 a Xunta comezou a asumir a súa obriga legal de tutelar persoas adultas xudicialmente incapacitadas a través da Fundación Galega para a Tutela de Adultos (Funga), denominada oficialmente Fundación Galega para o Impulso da Autonomía Persoal e a Atención ás Persoas en Situación de Dependencia dende a súa última reforma estatutaria. Nos seus inicios a Funga tutelaba menos de 70 persoas, un número que non deixou de incrementarse nestas dúas décadas e que aumentou a un ritmo especialmente acelerado dende o inicio da crise económica, cun incremento do 85% dende o ano 2011 ata o último exercicio completo, o de 2017, cando segundo datos da propia entidade as persoas tuteladas ascenderon ata as 3.351.

Dende 2011 o número de persoas tuteladas pola Funga ascendeu un 85%, ata as 3.351 no último ano completo

Como vén informando Praza.gal, o incremento progresivo da poboación tutelada, dende anciáns sen familia ata persoas sen fogar con diversas doenzas, ten a Funga desbordada dende hai anos. Numerosas sentenzas xudiciais acreditan, por exemplo, que persoas tuteladas pola Funga cometen ou padecen delitos e teñen problemas de atención nas súas necesidades que en numerosas ocasións acaban sendo paliadas por entidades sociais. Neste contexto a Xunta vén mantendo o cadro de persoal da Funga na contorna da vintena de traballadores e os Orzamentos da Xunta para 2019 acreditan que ambas circunstancias se van seguir producindo: o número de persoas tuteladas vai aumentar e os profesionais que as supervisan vai ser o mesmo.

A Xunta asume que o número de persoas tuteladas non vai "deixar de medrar" e afirma que prevé ofrecerlles máis e mellor servizo, pero co mesmo persoal

Segundo a documentación orzamentaria que o Goberno galego vén de entregar ao Parlamento, os anos de maior incremento de persoas adultas tuteladas pola Funga cadraron cos niveis máis baixos de persoal na entidade dependente da Consellería de Política Social. Entre 2015 e 2018 o cadro de persoal aumentou ata aos 23 traballadores e Política Social prevé que esa cifra se manteña en 2019. Faino aínda que un ano máis asume que o número de persoas atendidas non vai "deixar de medrar" por mor do "progresivo envellecemento da poboación" e o "incremento nos últimos tempos do número de persoas diagnosticadas con enfermidades mentais", factores aos que se engade o "desarraigo familiar existente na nosa sociedade en relacións con estes sectores da poboación".

Con este pano de fondo Política Social indica no seu proxecto orzamentario que vai atender este previsible incremento "traballando na mesma liña seguida ata o de agora", cun "funcionamento eficiente" e un servizo "adaptado ás necesidade esixencias que esta Fundación recibe no cumprimento dos seus fins". Así, asegura, vai "promover o incremento da atención persoal mediante o aumento do número de visitas" ás persoas tuteladas, outorgará "maior cobertura xurídica" ou revisará "as prestacións das que son beneficiarios os pupilos co fin de acadarlles as máis beneficiosas". Todo isto, no entanto, co mesmo cadro de persoal que nos últimos anos.

No último ano a Xunta trasladou a sede da Funga e cubriu a súa xerencia tras tres anos vacante nomeando para o posto a un ex-asesor de Rey Varela

Estas previsións para o futuro inmediato da Funga son remitidas ao Parlamento despois de que no último ano as novidades na xestión da entidade fosen fundamentalmente dúas. A primeira, o traslado da sede da fundación dende un local alugado a unhas oficinas ubicadas no Centro Galego de Desenvolvemento Integral (CEGADI), o complexo para atención a persoas con discapacidade no barrio compostelán de Salgueiriños no que a Xunta investiu 13 millóns de euros e que estivo rematado e pechado dende comezos de 2013 -o último prazo ofrecido polo Goberno galego indica que comezará a prestar servizos antes da fin de 2018-. A segunda foi a cobertura o pasado maio da praza de director-xerente da propia Funga, que estivo vacante durante tres anos.

A conselleira de Política Social e outros cargos do seu e doutros departamentos, nun acto oficial recente / Xunta

A Funga terá en 2019 un orzamento de 1,08 millóns, uns 46.000 euros máis que en 2018

Como informou este diario, a persoa elixida para este posto foi Juan José Couce Prego, membro do comité executivo do PP de Ferrol e integrante en 2015 das listas municipais deste partido na cidade, encabezadas por José Manuel Rey Varela, aínda conselleiro de Política Social no momento do seu nomeamento. Couce Prego, procedente profesionalmente do sector das axencias de viaxes, chegou ao posto despois de que quedase deserto o concurso público para cubrir a xerencia da Funga. Consultada ao respecto por Praza.gal antes da marcha de Rey Varela, a propia Consellería indicou, sobre a experiencia do elixido, que "traballou preto de 3 anos como asesor da Consellería e atesoura un fondo coñecemento do funcionamento dos servizos sociais da Comunidade Autónoma galega”.

No seu primeiro ano completo á fronte da Funga Couce Prego, xa baixo as ordes da nova conselleira de Política Social, Fabiola García, xestionará un orzamento de 1,08 millóns de euros. Segundo as previsións das contas públicas para o vindeiro ano, son uns 46.000 euros máis que en 2018.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.