O PP di que o adianto en Euskadi "non condiciona a Feijoo", pero non aclara a data das eleccións

Feijóo conversa con Puy no pleno da Cámara © Ana Varela

As eleccións ao Parlamento vasco serán o 21 de outubro, un adianto de catro meses con respecto á data prevista (marzo) e decidido polo Lehendakari Patxi López por mor da retirada do apoio do PP ao seu Goberno o pasado mes de maio. López fixo o anuncio oficial esta mañá, despois de celebrar un Consello extraordinario, e salientou que os comicios se celebrarán un día despois do aniversario do anuncio do "cese definitivo" da violencia por parte de ETA. En calquera caso, as sondaxes, coma o Euskobarómetro publicado antes do verán, amosan unha lixeira vantaxe do PNV (23-24 escanos fronte aos 30 de 2009) sobre EH-Bildu (22) e unha forte caída do PSE (17 escanos fronte aos 25 de 2009).

A comparecencia de Pedro Puy, que espertou un enorme interese nos medios de comunicación e nas formacións políticas, non aclarou nada, con todo, sobre a posibilidade de que as eleccións ao Parlamento galego tamén se adianten

En 2009 as elección vascas e galegas celebráronse o mesmo día e nos últimos meses especulouse decote sobre a influencia que podería ter en Galicia un hipotético adianto electoral en Euskadi. Esta mañá Pedro Puy, voceiro do Grupo Parlamentario do PP, convocou unha rolda de prensa urxente para afirmar que o anuncio realizado por Pachi López "non influirá na decisión" que adopte Alberto Núñez Feijoo. A comparecencia, que espertou un enorme interese nos medios de comunicación e nas formacións políticas, non aclarou nada, con todo, sobre a posibilidade de que as eleccións ao Parlamento galego tamén se adianten. En calquera caso, para que as eleccións galegas coincidan coas vascas, Feijoo debería disolver o Parlamento antes do vindeiro martes, para cumprir coa marxe de 54 días prevista pola lei.

No caso de que o Partido Popular estivese interesado en que coincidisen as dúas convocatorias electorais, non podería levar a cabo a súa reforma electoral

No caso de que o Partido Popular estivese interesado en que coincidisen as dúas convocatorias electorais, non podería levar a cabo a súa reforma electoral, pensada para reducir o peso das provincias da Coruña e Pontevedra e obstaculizar aínda máis a entrada de formacións políticas minoritarias no Parlamento.

Pachi Vázquez afirma que “estamos preparados para agora, para despois, para cando Feijóo queira”

A reacción dos partidos da oposición foi inmediata. O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, pediulle a Alberto Núñez Feijoo que aclare a data das eleccións autonómicas galegas “e remate con este proceso especulativo”. Vázquez engadiu que Feijóo “ten que asumir a súa responsabilidade, dicirlle a Galicia cal é o seu calendario electoral e rematar con este proceso de especulación que produce incertidume” e sinalou que “corren malos tempos para a incertidume, que xera retracción económica e inseguridade” e dixo que debe comunicar a súa decisión canto antes “por Galicia”. O líder do PSdeG-PSOE afirmou que “no Partido Socialista estamos preparados para dar unha alternativa política clara a eses centos de miles de galegos e galegas que cada día ven cómo Feijóo e este goberno os enganaron” e concluíu que “estamos preparados para agora, para despois, para cando Feijóo queira”.

O BNG pídelle ao presidente da Xunta que dea marcha atrás no "pucheirazo"

Pola súa banda, o BNG pídelle ao presidente da Xunta que dea marcha atrás no "pucheirazo". Neste senso, Carme Adán instouno a convocar as eleccións "sen tentar antes cambiar as normas de xogo". Adán pediu "eleccións limpas", co "mesmo número de deputados que hai agora mesmo".

Feijóo conversa con Puy no pleno da Cámara © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.