0 Gardados para despois

O Val Miñor recupera a inestabilidade política a medio ano das municipais

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O PP perde a maioría absoluta en Baiona ao deixar o grupo unha concelleira e en Gondomar o alcalde do PSOE bota aos seus socios, o que se suma aos gobernos en minoría dos populares en Oia tras unha moción de censura e dos socialistas en Nigrán

A estabilidade é unha excepción na historia política recente do Val Miñor e a proximidade das eleccións municipais de maio vén de recuperar a normalidade. Se hai dúas semanas o alcalde socialista de Gondomar decidía botar do goberno aos seus socios dunha marea local, agora é o alcalde popular de Baiona que gobernaba con maioría absoluta o que a perde ao marchar do PP unha das súas concelleiras. A seis meses dos comicios locais, Gondomar e Baiona súmanse así á situación que xa viñan vivindo os outros dous concellos da comarca: Oia, onde os populares gobernan en minoría tras unha moción de censura contra os socialistas ao comezo deste mandato, e Nigrán, onde son os socialistas os que gobernan en minoría desde o comezo do mandato pero onde paradoxalmente a estabilidade é a maior dos catro concellos.

Nas eleccións municipais de 2015 en Baiona o gañador por maioría absoluta foi o popular Jesús Vázquez Almuiña, que chegara ao cargo en 2004 tras unha moción de censura. Consolidado cos anos como o gran referente do PP na comarca, en outubro de 2015 Feijóo nomeouno conselleiro de Sanidade e deixou a alcaldía de Baiona ao seu curmán, Ángel Rodal, que este luns quedou en minoría ao marchar do grupo do PP a súa ata o de agora responsable de Turismo, á que quita as competencias, pero sen deixar a acta de concelleira senón seguindo na Corporación como independente.

Por tras da crise de goberno en Baiona está un conflito laboral do rexedor coa irmá da concelleira saínte, que quedou ocupando o posto de responsable de comunicación do Concello tras chegar a el como bolseira sen superar ningunha oposición

Por tras da crise de goberno en Baiona está un conflito laboral cunha irmá da edil, que ocupa o posto de responsable de comunicación do Concello. Chegou a el tras facer prácticas como bolseira e, ao rematar o seu período, denunciar ante a xustiza e conseguir que esta a consolidase no posto como persoal eventual sen superar ningunha oposición. O alcalde decidiu eliminar por innecesario ese posto do cadro de persoal municipal, que non existira en anos anteriores, a través dos orzamentos para o próximo ano, o que na práctica suporá o despedimento da persoa que o ocupa ao non ser funcionaria de carreira. O propio alcalde, a través dun comunicado divulgado este luns, atribúe o conflito coa súa concelleira e o seu cesamento á negativa desta a absterse na votación deses orzamentos que suporán o despedimento da súa irmá.

Vista do Val Miñor desde o alto da serra do Galiñeiro / CC BY-SA Praza Pública

O conflito de Baiona, que deixa o PP en minoría a seis meses das municipais despois de máis dunha década de maiorías absolutas, súmase ao de Gondomar larvado durante os últimos anos e resolto hai dúas semanas coa expulsión por parte do alcalde do PSOE, Francisco Ferreira, dos seus socios de goberno de Manifesto Miñor, marea local encabezada polo ex-alcalde do BNG Antonio Araujo afastado no seu momento por unha moción de censura do PP con tránsfugas socialistas en 2009. Tras as eleccións de 2015 o goberno local formouno tamén outra marea local, Gondomar Concello Aberto, que aos poucos meses abandonou o executivo e deixouno nunha minoría que agora volve debilitarse aínda máis.

"Ninguén dixo que os gobernos de coalición fosen fáciles, sabiamos que isto ía ser complicado; aguantamos por facer a pedagoxía política de que os gobernos de coalición viñeron para quedar", explica Araujo tras ser expulsado do goberno de Gondomar

O desencadeante da ruptura entre PSOE e Manifesto Miñor foi a decisión dos segundos de rachar a unidade de voto do goberno e absterse na adxudicación do servizo de recollida do lixo por dubidar da súa legalidade. Porén, o portavoz desa formación, Araujo, admite que as discrepancias viñan de lonxe: “aguantamos por facer a pedagoxía política de que os gobernos de coalición viñeron para quedar”, di, lembrando a fragmentación política decidida pola cidadanía de Gondomar nas urnas, que deron ao PSOE 4 concelleiros, ao PP outros 4, a Manifesto Miñor 3, a Gondomar Concello Aberto outros 3 e a un grupo de independentes ex-socialistas os restantes 3 edís.

“Ninguén dixo que os gobernos de coalición fosen fáciles, sabiamos que isto ía ser complicado, e máis co PSOE que non acaba de entender por onde van os tiros, pode que Pedro Sánchez en Madrid si pero non aquí que chega todo máis tarde e coa personalidade do alcalde”, explica. “Apostamos polo goberno de coalición porque foi o mandato popular”, argumenta Araujo, que lamenta que a outra marea local marchase aos poucos meses “erradamente, porque de estar no goberno a situación sería diferente con seis concelleiros contra catro”. “Aquí non hai nada seguro, en Baiona agora cae unha maioría absoluta do PP; o positivo disto é que por sorte acabouse o de levantar a man nos plenos de xeito acrítico”, resume a situación Araujo.

En Oia a alcaldesa do PP que chegou ao cargo tras unha moción de censura está en minoría e en maio foi reprobada polo resto da Corporación

Pero a primeira crise de goberno do actual mandato no Val Miñor non foi a temperá saída do goberno de Gondomar Concello Aberto en xaneiro de 2016. Dous meses antes, en Oia, a alcaldesa socialista era apartada por unha moción de censura impulsada polo PP con Converxencia Galega, que dous anos máis tarde abandonaría o goberno local deixando ata o de agora en minoría á nova rexedora popular, Cristina Correa. A súa debilidade fixo que o pasado maio o Pleno da Corporación a reprobase por xustificar que un compañeiro de goberno evitase durante anos pagar as taxas do lixo.

No cuarto concello do Val Miñor, Nigrán, o goberno local do PSOE encabezado por Juan González está en minoría desde o comezo do mandato, pero os seus sete concelleiros e apoios puntuais doutros grupos da oposición (o PP ten 6 edís, Nigrán Decide 2, BNG 1 e un independente outro) veñen servíndolle para gobernar con menos sobresaltos que nos outros tres concellos da comarca e que en pasados mandatos municipais.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.