Os concellos instan a Xunta a "negociar e non impoñer" a rebaixa preelectoral no prezo do lixo

Residuos tratados en Sogama © Sogama

O lixo xerado pola veciñanza de arredor do 95% dos concellos de Galicia viaxa cara a Cerceda para ser tratado na planta da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), en virtude do modelo centralizado instaurado en tempos de Fraga, fortemente cuestionado dende movementos ambientalistas. No outono de 2013, en plena crise, a Xunta subiu un 34% o coñecido como canon de Sogama, isto é, o prezo que os concellos pagan por cada tonelada de lixo que envían para ser tratado en Cerdeda. En xaneiro de 2015, ás portas das eleccións municipais, a Consellería de Medio Ambiente aprobou unha redución do 10% do canon e agora, en vésperas doutros comicios locais, ultima unha rebaixa doutro 10% que entraría en vigor en 2019 e que irrita a moitos gobernos locais.

En 2013 a Xunta impulsara unha suba do 34% do canon de Sogama e ás portas das municipais de 2015, unha rebaixa do 10%

Aquela suba "unilateral" impulsada en 2013 e adiada entre protestas municipais elevara o prezo da tonelada de lixo dos 61,50 euros ata os 82,10, para despois rebaixalo en 2015 ata algo menos dos 74 -IVE incluído-. Tras as variacións menores introducidas nos dous últimos anos en consonancia coa variación xeral dos prezos -o IPC-, o Goberno galego vén de aproveitar a lei de acompañamento dos Orzamentos de 2019 -un compendio de reformas que muda dun golpe unhas 24 leis- para dar á Consellería de Medio Ambiente a capacidade de "reducir" o canon de Sogama ata o 10% "cando as circunstancias económicas da sociedade o permitan".

Faixa contra a suba do canon de Sogama en 2013 CC-BY-SA EC

Pero este cambio vén acompañado dunha condición. A rebaixa só se aplicará aos concellos "que certifiquen o compromiso coa redución de residuos" mediante "medidas que fomenten a recollida selectiva", pero ademais que acrediten que "trasladan a devandita redución" ao recibo de recollida do lixo á veciñanza. Se non o fan, non se aplicará a rebaixa. O Goberno galego xa manifestou a través do presidente, Alberto Núñez Feijóo, a súa intención de aplicar integramente a rebaixa do 10% para 2019 e numerosos concellos censuran que pretenda facelo coas devanditas condicións sen antes negociar con eles.

A nova baixada do 10% incluída na lei anexa aos orzamentos está condicionada á redución de residuos e á mingua no recibo dos concellos, o que para a Fegamp "atenta contra a autonomía municipal"

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), asociación que agrupa os gobernos locais e ás catro deputacións galegas, celebrou este mércores a súa xuntanza mensual e fixo evidente a súa contrariedade. A baixada do canon "debería ser unha boa nova, máis cando hai uns anos Sogama realizou unha suba unilateral", evidencian. Pero a Xunta obvia agora "que naquel momento a maioría dos concellos non repercutiron a taxa na cidadanía" por mor da crise económica, di o presidente da Fegamp e alcalde do Barco, o socialista Alfredo García. "Agora Sogama pretende que a rebaixa do canon sexa repercutida na cidadanía ou que os concellos reduzan a cantidade de toneladas de lixo xenérico que envían" e, "aínda que a redución da taxa podería ser compatible con determinados resultados, a cuestión é que a imposición non procede".

A xuízo da Fegamp "a baixada do canon ligado" a estas "esixencias" é tanto como "atentar contra a autonomía municipal" e por iso a empresa pública dependente da Consellería de Medio Ambiente debera "negociar, no canto de impoñer". "A taxa pode vencerllarse a unha redución do recibo do lixo" e ir ligada "a determinados resultados" en canto á xestión dos residuos, admite García, pero "para chegar a acordos hai que negociar", advirte. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.